O presidente da Xunta intervén periodicamente ante o pleno do Parlamento. En períodos ordinarios faino cada dúas semanas nas coñecidas como sesións de control, con quendas de preguntas rápidas por parte dos grupos da oposición. Ademais, cada ano -agás os electorais- adoita comparecer no debate de política xeral e ao comezo de cada lexislatura quen aspira á presidencia fai o propio no debate de investidura.
Á marxe das sesións regradas, Feijóo compareceu 14 veces no Parlamento como presidente da Xunta; 6 estiveron centradas na xestión de Zapatero ou Sánchez e 4 dedicounas formalmente á pandemia, aínda que con amplas doses de crítica ao Goberno do PSOE e UP
Fóra destas fórmulas regradas, a persoa que preside a Xunta ten a opción de comparecer en pleno para abordar un determinado tema. Pode facelo a petición propia ou atendendo a petición dalgún grupo parlamentario. Así sucedeu, por exemplo, o pasado 22 de marzo, cando o Grupo Popular accedeu á petición do BNG para que Alberto Núñez Feijóo comparecese sobre a crise de prezos, se ben a intervención virou en boa medida nun discurso contra a xestión de Pedro Sánchez, máis encadrado no seu novo papel de líder do PP que no cargo de presidente da Xunta que aínda ostenta.
Cabe a posibilidade de que esa comparecencia parlamentaria de Feijóo fose a derradeira como xefe do Goberno galego á marxe das devanditas intervencións regradas. Se non o fose, si sería en calquera caso unha das últimas co cargo de presidente da Xunta. Dende que o asumiu por primeira vez en abril de 2009, Feijóo realizou 14 comparecencias deste tipo, boa parte delas enfocadas a censurar aspectos da xestión do Goberno de España cando non o exerceu o PP.
Boa mostra disto é que se dá a circunstancia de que, por exemplo, protagonizou máis comparecencias centradas en glosar ou criticar os gobernos dos socialistas José Luis Rodríguez Zapatero -con quen coincidiu como presidente de 2009 a 2011- e Pedro Sánchez -dende mediados de 2018- que na xestión da COVID. Foron, concretamente, 5 comparecencias centradas en Zapatero e o seu Goberno e outra máis dirixida esencialmente a cargar contra a xestión de Sánchez (6, en total) e 4 sobre a pandemia, se ben estas últimas incluíron tamén unha amplas doses de crítica contra o Executivo central do PSOE e Unidas Podemos.
Marcial Dorado, incendios e "impulso democrático"
Feijóo coincidiu con Zapatero como presidente durante apenas dous anos, nos que compareceu cinco veces. Nos sete anos con Rajoy na Moncloa, Feijóo realizou catro comparecencias e só unha delas tiña relación coa xestión do Goberno de España
Durante a maior parte da súa primeira lexislatura como presidente da Xunta (2009-2012), Feijóo coincidiu co PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero no Goberno de España e naquel mandato só realizou comparecencias coma estas centradas en cuestións ligadas ao mandatario socialista e o seu Executivo. Así, por exemplo, en xuño de 2009 interveu para falar do "alcance e contido" da súa primeira reunión oficial con Zapatero e en xullo dese mesmo ano realizou unha comparecencia formalmente centrada no financiamento autonómico, pero dedicada en boa medida a criticar supostas concesións do Executivo central ao Goberno de Catalunya.
Ata a fin daquela lexislatura estatal, compareceu aínda tres veces máis. Fíxoo en decembro do mesmo 2009 para informar "de urxencia" sobre o tratado na conferencia de presidencias autonómicas, na que Feijóo se puxo á fronte das autonomías do PP para rexeitar as medidas contra a crise que Zapatero propuña. En maio e xullo de 2010 volveuno facer, en ambos casos para cargar contra as medidas de recorte ratificadas polo Goberno de España do PSOE en liña coas esixencias da UE.
A dinámica mudou dende que, en decembro de 2011, Mariano Rajoy ascendeu ao Goberno de España apoiado na maioría absoluta que o PP lograra nas urnas. Nos 7 anos que os populares gobernaron no Estado, Feijóo compareceu no Parlamento unicamente catro veces á marxe das sesións obrigatorias e só unha destas comparecencias tocou colateralmente accións do Executivo central.
Durante o mandato de Rajoy no Estado, Feijóo dedicou as súas comparecencias ao escándalo de Marcial Dorado, a presentar medidas que contrarrestasen os casos de suposta corrupción que atinxían ao PP, aos incendios e a unha Conferencia de Presidentes
Así, en abril de 2013 abordou o escándalo da publicación en El País das fotografías que acreditaron a súa amizade co contrabandista Marcial Dorado e en xaneiro de 2015 presentou o plan de "impulso democrático" co que o seu Goberno tentou contrarrestar os casos de corrupción que salpicaban o PP. En xaneiro de 2017 si abordou a materia estatal para presentar en ton eloxioso os resultados da Conferencia de Presidentes que Rajoy encabezara daquela e en novembro daquel ano compareceu sobre a vaga de incendios que sufrira Galicia para reclamar un "pacto" á oposición e alimentar a tese do suposto "terrorismo incendiario".
O ritmo de comparecencias aumentou en 2020 ao fío da pandemia. O presidente acudiu ao Pazo do Hórreo a comparecer sobre a COVID en marzo e maio de 2020. Fora ante a Deputación Permanente e non no pleno, porque a Cámara xa estaba disolta para celebrar as eleccións galegas inicialmente previstas para abril daquel ano -adiadas despois para o 12 de xullo-. Xa na nova lexislatura, a actual, volveu comparecer sobre a COVID en novembro de 2020 e en xaneiro de 2021, en ambos casos combinando cuestións sobre a xestión da Xunta con fortes críticas ao Goberno de España, especialmente na segunda ocasión, cando acusou a Sánchez de primar o feminismo e o PSOE á loita contra o coronavirus.