Feijóo leva a súa campaña contra Sánchez ao Parlamento cunha comparecencia imprevista para ditarlle un decálogo de medidas

Feijóo na súa comparecencia no Parlamento este martes © Parlamento de Galicia

Tras dez días de xira por España o presidente da Xunta altera a orde do día da Cámara galega para presentar o Goberno central como alleo ao "caos" e ao sufrimento da cidadanía e recibe as críticas de BNG e PSdeG pola súa propaganda

O aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareceu este martes por sorpresa no Parlamento de Galicia para levar ao hemiciclo, cun discurso de preto dunha hora, a campaña de mitins contra o Goberno de Pedro Sánchez que nos últimos dez días viña desenvolvendo por toda España presentándoa como unha xira de defensa da súa candidatura a presidir o PP estatal. Malia comparecer presuntamente para dar conta do que está a facer a Xunta ante a crise económica derivada da guerra en Ucraína, Feijóo dedicou a maior parte do tempo a criticar ao Goberno central, ao que ditou un decálogo de medidas.

A resposta que obtivo da oposición foi a acusación de que está a empregar Galicia para o seu obxectivo persoal de ser presidente do PP e tombar o Goberno de Sánchez. Tamén lle afearon o limitado alcance das medidas tomadas pola Xunta fronte ás que reclama ao Estado.

Feijóo durante a súa comparecencia este martes CC-BY-SA Xunta de Galicia

Tanto BNG como PSdeG levaban semanas reclamando explicacións de Feijóo a respecto das actuacións da Xunta fronte a crise económica derivada da invasión rusa de Ucraína e a prolongación da guerra. Mentres que o PSdeG non ten suficientes escanos como para poder facelo, o BNG rexistrou unha solicitude formal de comparecencia no Parlamento o 14 de marzo, pero o PP decidiu obviala e non a incluíu na orde do día do pleno desta semana. Porén, ao comezo do mesmo, ás dez da mañá deste martes, o portavoz popular, Pedro Puy, sorprendeu aos presentes no hemiciclo anunciando que ante a gravidade da situación Feijóo estaba disposto a comparecer este mesmo martes.

A decisión que tomou o presidente do Parlamento, o popular Miguel Santalices, foi fixar a comparecencia de Feijóo tras o remate dos debates de tipo lexislativo, contra as doce do mediodía substituíndo outra comparecencia do conselleiro de Medio Rural, neste caso a petición propia e solicitada o 11 de marzo, sobre a situación no sector gandeiro. Santalices tamén decidiu que, como a comparecencia versaría sobre cuestións similares, este mércores xa non haberá a habitual sesión de control ao presidente con preguntas de BNG e PSdeG sobre a actuación da Xunta “ante a escalada de prezos” e “para facer fronte á situación económica derivada da guerra”. Pola súa banda Feijóo cancelou da súa axenda a súa prevista asistencia ao acto de toma de posesión do reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López, que repite no cargo.

Segundo Feijóo “na pandemia o Goberno central escudouse nas comunidades autónomas e agora escúdase na UE”, pero mentres ante a COVID “as comunidades tiñamos competencias claras”, agora, di, “a marxe de manobra é escasa”

Malia anuncialo á oposición con dúas horas de antelación, o que dificultou que BNG e PSdeG puidesen preparar as súas intervencións, Feijóo leu un discurso inicial de case unha hora de duración [aquí o texto íntegro]. O presidente da Xunta presentou a Pedro Sánchez e o seu Goberno como alleo ao sufrimento da cidadanía, cuxa “paciencia” fixo ver que está a chegar á súa fin. “É unha auténtica provocación aos cidadáns”, dixo, que Sánchez remita algunhas das actuacións fronte a crise ao que poida decidir nos próximos días a UE a nivel comunitario. A situación actual, que cualificou como de “caos” e “inoperancia”, “require de gobernos que non se inhiban”, dixo.

Feijóo insistiu en que xa antes da invasión rusa de Ucraína había problemas enerxéticos e de suba de prezos. Segundo dixo, “na pandemia o Goberno central escudouse nas comunidades autónomas e agora escúdase na UE”, pero mentres ante a COVID “as comunidades tiñamos competencias claras”, agora, di, “a marxe de manobra é escasa”.

O discurso de Feijóo centrouse en reclamar medidas a Sánchez, un “decálogo” con rebaixas de impostos, axilización de investimentos, axudas públicas, redución do ritmo da transición enerxética e un plan de continxencia “para garantir o subministro de produtos básicos á poboación” no que interveñan as forzas de seguridade e “se non é suficiente que os axude o exército”. 

Decálogo de medidas que Feijóo pide a Sánchez e actuacións da Xunta segundo os resumos feitos públicos polo propio Goberno galego CC-BY-SA Xunta de Galicia

O presidente tamén reclamou ao Goberno central un plan estatal de acollida ás persoas refuxiadas de Ucraína e asegurou que a Xunta xa puxo á súa disposición os seus recursos sanitarios e educativos. Feijóo tamén tivo palabras para o cambio de postura de Sánchez a respecto do dereito de autodeterminación do Sáhara e dixo que “en España non hai política de Estado neste momento, hai políticas de Goberno”.

Fronte ás medidas que reclama ao Goberno central, Feijóo asegurou que o Consello da Xunta da pasada semana decidiu rebaixar taxas portuarias durante dous meses, adiantar pagamentos da Política Agraria Común (PAC) da UE, “axilizar” as axudas para pagar facturas enerxéticas ás familias máis necesitadas ou inxectar tres millóns de euros ás concesionarias do transporte interurbano en autobús. Tamén avanzou futuros préstamos para axudar á liquidez de diversos sectores. 

"En que DOG están publicadas as axudas da Xunta?", preguntou Pontón, que se dixo doída de que Feijóo "use a Galicia, aos galegos e galegas, para facer campaña polo PP”

A resposta que obtivo da oposición foi criticar a súa propaganda e o uso do Parlamento para facer campaña a nivel estatal. “En que DOG están publicadas esas axudas?”, preguntoulle a portavoz do BNG, Ana Pontón, en relación as supostas medidas adoptadas pola Xunta a pasada semana. E tanto ela como o portavoz do PSdeG, Luis Álvarez, coincidiron en facerlle ver ao aínda presidente da Xunta que o Parlamento de Galicia “non é o Senado”, onde cren que Feijóo acabará facendo oposición a Sánchez.

Ana Pontón na comparecencia de Feijóo deste martes © Parlamento de Galicia

“Dóenos que vostede use a Galicia, aos galegos e galegas, para facer campaña polo PP”, dixo Pontón, que criticou o “turismo” do popular nos últimos días mentres empeoraba a situación económica. A nacionalista leu sucesivos chíos de Feijóo sobre a súa presenza nas Fallas de Valencia ou o bo tempo en Canarias durante a súa xira de mitins no PP e contrapúxoos con novas como os aumentos dos prezos ou a folga de transportes que se foron sucedendo nesas mesmas xornadas.

E ao igual que Feijóo propuxo o seu decálogo a Sánchez, Pontón rematou a súa intervención deixándolle ao presidente da Xunta un “dossier” con diversas propostas do BNG para superar a crise. 

O portavoz socialista, Luis Álvarez, pediu a Feijóo que atenda as propostas que lle fai a oposición e lembrou que o Parlamento non é o Senado, onde cre que o popular acabará facendo oposición a Sánchez

Pola súa banda, o socialista Luis Álvarez criticou que a Xunta perda o tempo presentando “folios e folios de propostas que non van ir a ningunha parte” e afeou que Feijóo descualifique pola contra calquera proposta que lle chega da oposición como se fosen “iletrados”. Tamén lembrou os ofrecementos do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, para tratar con Feijóo posibles solucións á crise. Algo ao que Feijóo respondeu asegurando que Formoso non tería máis que chamalo persoalmente por teléfono. "Moitas veces chameino eu para falar confidencialmente, por suposto desde que é secretario xeral do PSdeG non, porque ten outro estatus", dixo Feijóo.

Luis Álvarez na comparecencia de Feijóo deste martes © Parlamento de Galicia

Durante o debate, Feijóo falou da suposta “ansiedade” de Pontón por que el mesmo marche a Madrid. A nacionalista reprochou ao presidente o seu “machismo” e lembrou as súas verbas da pasada semana nas que negou que a violencia vicaria fose violencia machista. Tamén o portavoz socialista amosou o seu apoio a Pontón e preguntouse que diría o PP se el mesmo falase da “ansiedade” dalgunha deputada popular. A resposta de Feijóo foi preguntarse se só as mulleres poden ter ansiedade.

Desde o PP o seu portavoz parlamentario, Pedro Puy, agradeceu a Feijóo que aceptase a petición de comparecencia, que o BNG lle formulara hai máis dunha semana. E fíxolle ver aos nacionalistas que teñan coidado cos seus desexos, porque, como neste caso, poden cumprirse.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.