Luz, gas e combustibles encarecen máis do 60% nun ano en Galicia e disparan o IPC a máximos históricos

CC-BY-SA Rama

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) segue a dispararse en Galicia, cun incremento no pasado febreiro do 8% con respecto ao mesmo mes do ano pasado, catro décimas máis que a media estatal (7,6%), segundo os datos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estadística (INE)

O IPC dispárase en Galicia cun incremento do 8% en febreiro con respecto ao pasado ano

A forte suba de electricidade, gas e combustibles continúa e dispara o gasto nos fogares galegos, impactados en febreiro xa polo temor a unha guerra que virou en real a finais de mes e agora polos efectos da invasión rusa, a dependencia enerxética do gas, o encarecemento do petróleo e os seus efectos no importe da factura da luz ou á hora de botar gasolina. 

Luz, gas e combustibles incrementaron o seuprezo un 62% nun ano, a maior suba dos últimos vinte anos

Porque o encarecemento dos prezos débese, moi maioritariamente, á suba da electricidade, gas e combustibles, cun incremento do 62% con respecto a febreiro de 2021 en Galicia. Supón, outra vez, a maior suba interanual dos últimos vinte anos e suma o décimo mes consecutivo por riba do máximo incremento da última década. Ademais, impulsa o IPC ao seu máximo en tres décadas, como xa fixera a principios de ano

As consecuencias son máis que evidentes, tanto nos fogares como na industria -con varias e importantes compañías paralizando a súa actividade en Galicia- ou en sectores como a pesca, con boa parte da frota amarrada

A inflación foi do 4,5% en produtos enerxéticos e de máis do 29% en carburantes e combustibles

Xa que logo, e respecto ao pasado ano, a maior inflación volve darse no grupo que abrangue vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustibles, cun incremento de case o 30% (29,4%), catro puntos superior ao do conxunto do Estado. O aumento foi de máis do 29% en carburantes e combustibles e do 44,5% en produtos enerxéticos. Ademais, o uso de vehículos persoais encareceuse un 16,1% nos últimos doce meses, mentres que os servizos financeiros fixérono máis dun 10%. 

A escalada de prezos derivado do mercado enerxético arrastra o transporte (+12,8% de suba interanual), os alimentos (+5,4%), os mobles e artigos para o mantemento do fogar (+4,3%) e os restaurantes e hoteis (+4,2%). Ademais, e en comparación co mes de xaneiro, o IPC só descendeu en Galicia no vestido e calzado (-4,6%). 

Así, o IPC rexistra así un aumento do 0,7% no país en comparación co mes anterior, aumentando a súa taxa anual en 1,2 puntos en Galicia, comunidade autónoma onde menos se incrementou este dato. 

Segundo destaca o INE con respecto aos datos a nivel estatal, a suba interanual do IPC ata o 7,6% dérbese aos prezos da electricidade, que diminuíron menos que en febreiro de 2021, ao incremento dos prezos na restauración e ao encarecemento do gasóleo para calefacción, dos carburantes, dos automóbiles e dalguns alimentos como legumes, leite, queixo, ovos, pan ou cereais. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.