O aumento interanual do IPC en Galicia (6,7%) é o maior dende maio de 1990
O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu un 6,7% en Galicia o pasado, segundo os datos definitivos de 2021 publicados este venres polo INE. O aumento da inflación, dúas décimas superior ao rexistrado no conxunto do Estado (6,5%), é o maior en máis de tres décadas, en concreto dende o dato de maio de 1990 (6,8%).
O encarecemento dos prezos débese case en exclusiva á suba da electricidade, gas e outros combustibles, un 56,5% con respecto a decembro de 2020, un incremento que tamén arrastrou a outros capítulos, como a alimentación ou os transportes.
A inflación subxacente -que non ten en conta variacións nos prezos da enerxía- aumenta un 2,1% no conxunto do Estado
En realidade, a inflación subxacente -que non ten en conta as variacións nos prezos da enerxía e outros elementos volátiles- aumenta só un 2,1% no conxunto do Estado, aínda que a tendencia ascendente revela a forma en que a suba do custo da electricidade, do gas e dos combustibles xa se está a trasladar a outros capítulos.
O prezo da electricidade medrou un 72% no conxunto de España e as gasolinas aumentan un 24%
O prezo da electricidade (non segmentado por comunidades autónomas) medrou un 72% no conxunto de España, un valor que se adiviña semellante en Galicia. As gasolinas aumentan un 24% e o gas móvese entre o 33% de aumento do butano e o propano e o 45% do gas licuado.
Nos últimos meses o Goberno central aprobou diversas medidas para tentar limitar o impacto nos consumidores da suba dos prezos eléctricos, rebaixando ao mínimo moitos dos impostos cobrados por esta vía. A luz, sen estas rebaixas fiscal, tería aumentado ata un 100% no 2021. O IPC a impostos constantes, que no ten en conta esta rebaixa, é do 7,3%.
A Enquisa Estrutural a Fogares do IGE correspondente ao 2020, publicada hai unhas semanas, revelou un incremento da poboación en risco de pobreza e exclusión social, especialmente entre a mocidade e as familias monoparentais. 325 mil galegos e galegas non podían manter o pasado ano a vivenda a unha temperatura axeitada, a pesar de que os prezos eran moi inferiores aos actuais.
Os prezos dos alimentos encarécense un 4,6% en Galicia nos últimos 12 meses
Os restantes capítulos presentan subas máis moderadas. Porén, destaca o incremento da alimentación, un 4,6% por riba do dato de hai 12 meses. Soben o polo (7%), o peixe (6,6%), os ovos (8,1%), o leite (5,8%), a froita (6,8%), as legumes e hortalizas (6,6%) ou o pan (4,7%). O prezo das bebidas non alcólicas increméntase un 7,6%.
En cambio, outros elementos presentan subas máis moderadas, como o vestido (1,2%) e calzado (0,2%), o alugueiro de vivenda (0,6%), con aumentos superiores nos mobles (5,8%) ou na vaixela, cristalería e outros elementos do fogar (4,5%).