o Goberno central confía en que os clientes con tarifa regulada acaben pagando a final de ano un importe semellante ao de 2018
O Consello de Ministros apostou este martes por recortar unha parte dos beneficios das eléctricas para aminorar a suba do prezo da luz continua desde hai meses. Cun plan de choque vía decreto lei, o Goberno central confía en que os clientes con tarifa regulada acaben pagando a final de ano un importe semellante ao de 2018, uns 600 euros anuais en total, cun paquete de medidas que reducirá case á metade a parte fixa do recibo (cargos e peaxes) e que baixará tamén o IVE e o imposto eléctrico do recibo.
O obxectivo marcado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica con estas medidas é unha redución dun 22% da factura do consumidor medio ata final de ano, que ascenderá ao 30% de sumar a dimunición do IVE aprobada en xuño. Xusto nun momento no que o prezo medio diario do megavatio hora xa supera os 170 euros, uns custos no mercado internacional inabordables que supoñen que a actuación se centre nos beneficios dos ingresos das compañías.
O Estado prevé recortar, de maneira temporal, entre 2.600 e 2.500 millóns de euros ás compañías polos beneficios extras que reciben determinadas tecnoloxías de xeración que, segundo asegura a ministra Ribera, se están a beneficiar da importante alza do gas neses mercados internacionais malia non tirar del, tundamentalmente centrais nucleares e hidroeléctricas.
O Estado prevé recortar temporalmente 2.600 millóns ás eléctricas polos beneficios extras de determinadas tecnoloxías beneficiadas pola alza do gas
Esta rebaixa retributiva consistirá nunha minoración dos ingresos extra sempre que o gas cotice por riba dos 20 euros, algo habitual a tal hora, nos que supera os 60. Con estes fondos, mais os 900 millóns da recadación extra polas poxas de emisión de CO2, serán os que se empreguen para rebaixar un 96% e temporalmente os cargos do sistema eléctrico.
Así, a parte regulada da factura reducirase case un 50% para clientes domésticos e pemes e entre un 40% e un 25% para a industria, segundo as previsións de Transición Ecolóxica, que advirte de que a medida respecta a normativa comunitaria e estatal ao non alterar o deseño marxinalista do mercado eléctrica que esixe a UE, o que determina que a última central que casa oferta e demanda determina o importe que cobran todas.
"Son medidas excepcionais en tempos excepcionais", asegurou Teresa Ribera, ante a pregunta sobre os posibles recursos xudiciais das eléctricas, que xa ameazaron con apagar as nucleares. Estas centrais (de Naturgy, Endesa e Iberdrola) advertiron da posiblidade dun "peche desordenado" de recortarse os seus beneficios caídos do ceo e acusan o plan do Goberno central de "abocar o cesamento da actividade de todo o parque".
As eléctricas ameazan con pechar as centrais nucleares de aplicarse o plan do Goberno central
Ademais, o aprobado este martes inclúe rebaixas fiscais temporais, como a prórroga ata decembro da rebaixa do IVE ao 10% para o cliente doméstico, a redución ata situar o tipo no 0,5% do Imposto á Electricidade (IE) do 5,11% e a suspensión do imposto á xeración do 7%. No caso do IE, ao estar a recadación do tributo (1.400 millóns en total) cedido ás autonomías, o Goberno central xa anunciou unha compensación a estes territorios.
Do mesmo xeito, o Executivo de coalición pretende frear a suba da factura do gas natural, polo que a suba media das tres bandas da tarifa de última recurso na vindeira revisión trimestral de outubro será de entre o 4,4% e o 5% en lugar do 29% que lle correspondería. Estas cantidades que se deban serán repercutidas nas seguintes revisión pero cun "mecanismo amortiguador" semellante ao do butano.
Alén disto, o Consello de Ministros aprobou algunha medida permanente, como o novo subministro mínimo vital que amplía a prohibición de corte do servizo eléctrico aos consumidores vulenrables severos durante seis meses máis, ata os dez, e agrante un "abastecemento mínimo de confort" cunha potencia de 3,5 KW, así como a posta en marcha de poxas de enerxía a praza na que ás grandes eléctricas obrígaselles a ceder parte da súa enerxía a comercializadores independente e grandes consumidores. Así preténdese reducir o peso do mercado grosista na formación de prezos.
Tamén se prevé reformar a tarifa regulada de electricidade, importe voluntario ao pequeno consumidor, apra que incorpore a referencio de prezo desa poxa cunha ponderación máxima do 10%.
O Goberno central reformará a Lei de Augas para evitar os bruscos baleirados de encoros, fixando mínimos e máximos de caudais e reservas mensuais
Pero o Goberno central tamén prevé a reforma da Lei de Augas para evitar os bruscos e repentinos baleirados dos encoros, como sucedeu en varios de Galicia durante este verán. Unhas imaxes, dixo Ribera, "que a todos nos deron vergoña". Así, no comezo de cada ano hidrolóxico, as confederacións hidrográficas fixarán un réxime mínimo e máximo de caudais mensuais a desencorar naquelas presas con encoros maiores de 50HM3, tanto para situacións de normalidade como de seca prolongada, ademais dun réxime de volumes mínimos de reservas para cada mes.
PP e PSdeG rexeitan a tarifa eléctrica galega que propón o BNG
Por outra banda, o BNG quedou só este martes na defensa dunha proposición de lei para aposta en marcha dunha tarifa eléctrica galega, ao votar o PP e o PSdeG en contra no plento do Parlamento, cualificándoa de "propaganda soberanista".
A portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, defendeu a necesidade de acabar coa "estafa legalizada" que supón a suba do prezo da luz e que "permite que unha presa de multinacionais especule ata a saciedade cun ben básico" mentres se vive "unha situación de emerxencia social".
Pontón queixouse de que Galicia "é rica en electricidade, aínda que non se beneficia desa riqueza, dado que exporta "case o 30%" da enerxía que produce, pero un 14% da súa poboación vive na pobreza enerxética. Todo iso, dixo, mentres paga o custo ambiental de encoros e máis de 4.000 aeroxeradores. Por iso, chama a "plantar cara" ás eléctricas.