Forte demanda, altos prezos de gas e CO2 e impostos por reducir: a tormenta perfecta que dispara a factura da luz

Torre de alta tensión nunha localidade galega CC-BY-SA Juantiagues

A luz volveu marcar esta semana prezos récord en España, próxima aos 95 euros por megavatio hora (MWh) que alcanzara coa chegada do temporal Filomena no inverno e mantendo unha alza estable que non semella ter fin. O pasado mércores, o Operador do Mercado Ibérico de Electricidade (OMIE) marcou un importe medio diario de 94,63 euros , o terceiro máis alto da historia e non moi lonxe dos 92,67 do pasado venres. 

O Goberno central anuncia varias opcións para rebaixar a factura da luz: baixar o IVE ao 10% ou suspender o imposto de xeración eléctrica

Ao tempo, o Goberno central anuncia varias opcións para rebaixar unha factura da luz disparada nas últimas semanas. Varios foron os ministros que sinalaron unha posible rebaixa do IVE que se aplica ao recibo do tipo xeral do 21% --maior que en Francia, Alemaña, Reino Unido, Portugal ou Italia-- ao 10%. Ou suspender o imposto de xeración eléctrica, do 7%, que grava a produción e foi implantado en 2012. Recae nas eléctricas, que logo o repercuten no recibo do consumidor, así que destas empresas dependerá tamén que o faga á baixa. 

As ministras Teresa Ribera, Nadia Calviño, Carmen Calvo ou Alberto Garzón anunciaron que o Executivo estuda xa estas medidas fiscais "provisionais" ante unha "situación tensa" por unha suba da factura da luz de máis do 45% interanual nun consumidor medio nos primeiros quince días de xuño, unida á implantación da nova factura eléctrica por tramos horarios, con picos dun importe disparado.  

"Todo axuda e é positivo se serve para baixar a factura, pero non é a solución porque é a parte final do problema", explica Rosa Regueiro, doutora en Economía, profesora de Economía Aplicada na USC e experta en enerxía. "O imposto de xeración eléctrica xa non ten sentido e a baixada do IVE, tendo en conta que falamos dun ben estrutural de primeira necesidade, é algo lóxico", explica quen, no entanto, apunta á mudanza do sistema marxinalista de fixación de prezos eléctricos como a clave. 

"Se non se cambia ese modelo nin se aposta por un mix eléctrico máis eficiente, menos dependente dos combustibles fósiles e do exterior, os prezos seguirán estando altísimos e a pobreza enerxética continuará incrementándose", advirte, sobre todo en épocas como a actual, cunha tormenta perfecta de circunstancias que elevan case irremediablemente o recibo da luz. 

A recuperación económica, o bo tempo ou a apertura das restricións fai aumentar a demanda e os prezos nunha época co importe do gas e do CO2 disparado

A recuperación económica, a chegada do bo tempo e a apertura das restricións pola COVID fan que aumente a demanda eléctrica a nivel mundial, máis aínda en días de calor intensa que fan alcanzar picos nos prezos como os de xaneiro: onde antes se tiraba da enerxía para quentar, agora é para refrixerar. 

Xa que logo, a demanda de gas a nivel estatal medrou un 20% en maio respecto a hai un ano, cando as restricións polo coronavirus eran aínda importantes e moitos sectores económicos permanecían parados ou con escasa actividade. Os prezos para esta xeración eléctrica con ciclo combinado alcanzan niveis moi superiores aos agardados por problemas de subministro e atrancos --tamén técnicos-- nas compras que Europa fai en todo o mundo. 

O prezo medio dos dereitos de emisión de CO2 é máis do dobre que hai un ano e máis do triplo que hai dous

Paralelamente, mantense o altísimo prezo dos dereitos de emisión de CO2, que son adquiridos polas empresas eléctricas para sufragar as emisións contaminantes das súas centrais térmicas e de gas, precisamente, das que máis se tira agora ante un clima seco, sen case vento e pouco propicio para as renovables (nunha xornada de xoves de hai tres meses o ciclo combinado supuxo menos do 5% da xeración eléctrica no Estado no momento de maior demanda fronte ao 25,2% do pasado xoves). 

Estes elevados importes son trasladados ao prezo da electricidade ao casar as súas ofertas no mercado. E neste mes de xuño, o prezo medio do CO2 sitúase nos 51,71 euros por tonelada, máis do dobre que hai un ano (23,33 euros) e máis do triplo que hai dous (15,16). 

"Nestas épocas entra máis gas procedente das centrais de ciclo combinado, con importes elevadísimos pola alta demanda, o que unido ao sistema de fixación dos importes acaba tirando os prezos polas nubes", explica Regueiro. 

"Se non se cambia o sistema de fixación de prezos, o importe seguirá alto; é como ir mercar sardiña e percebes e pagar todo ao prezo do percebe", di Rosa Regueiro

En España, o prezo da enerxía queda determinado polo último megavatio (MWh) que entra no mercado e este adoita vir das centrais de ciclo combinado, alimentadas por gas e suxeitas ao imposto ao CO2. "É como se vas á peixería mercar sardiña e percebes e acabas pagando todo ao prezo do percebe", exemplifica Regueiro. 

O sistema provoca que se eleve o prezo total da electricidade subministrada a particulares e empresas, máis alá da procedencia desta. É o denominado sistema marxinalista. 

Unha persoa activa unha lavadora Dominio Público Praza Pública / Cedida

De trasladarmos o método a un exemplo ficticio, o sistema enténdese (algo) mellor, como explica El Blog Salmón. Nunha xornada calquera, a demanda de enerxía eléctrica sitúase nos 20.000 Mw e a eólica oferta 12.000 MW a importe cero, ao igual que a nuclear, con 7.000 Mw. Os ciclos combinados de gas ofertan 10.000 a 40 euros/MWh e o carbón 8.000 a 60 euros. Casando a oferta, entrarían 12.000 MW de eólica, 7.000 de nuclear e só 1.000 de ciclo combinado, co carbón ficando fóra. O resultado: a todos se lles paga o prezo de casación: 40 euros. 

"Hai que ser claros e apuntar ao influxo das portas xiratorias, ás actuacións de quen, en base ao seu poder político, non fai determinadas actuacións"

"Hai que corrixir este sistema dunha vez por todas e facer un mix enerxético eficiente; o Estado é absolutamente dependente do exterior, con prezos que son marcados case con normas financeiras, como na Bolsa, e cunha riqueza renovable que non se explota dun xeito eficiente", asegura Rosa Regueiro, que advirte de que a mudanza implicaría "unha reforma legal" máis que posible aínda que entende que "non doada" en España. "O que non se pode é imputar a unha tecnoloxía de custo cero un valor como o do gas natural", lembra. 

Admite que "non é doado arranxar o tema", pero pide "valentía política". "Hai que ser claros e apuntar ao influxo das portas xiratorias, ás actuacións de quen, en base ao seu poder político, non fai determinadas actuacións, unha actitude que logo é premiada con postos en consellos de administración", di contundente. "Hai que actuar xa por unha cuestión de sustentabilidade financeira de Estado e de familia; o kilovatio é cada vez máis caro e as familias acabarán por estar máis empobrecidas, máis nesta crise pandémica", engade. 

Medidas do Executivo central

Todo, ademais, cos prezos da gasolina alcanzando tamén niveis record desde o outono de 2014 á hora de encher o depósito, cunha media por litro de 1,37 euros e de 1,23 para o gasóleo. 

Coa luz, o Goberno central iniciou unha reforma do mercado eléctrico a medio e longo prazo coa que prevé baixar a factura da luz un 15% nos vindeiros cinco anos, reducindo os denominados beneficios caídos do ceo das centrais nucleares e hidráulicas, que suporán un recorte duns 1.000 millóns de euros na retribución que reciben as eléctricas, e impulsando o Fondo Nacional para a Sustentabilidade do Sistema Eléctrico.

A curto prazo, planea suspender temporalmente o imposto de xeración, tal e como fixo o primeiro Executivo de Sánchez en outubro de 2018 ante picos elevados na factura da luz, ou mesmo reducir o IVE do 21% ao 10%. Quedará abordar a cuestión da fixación de prezos, adiada, como sempre, ata nova orde. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.