Numerosos clientes particulares e empresas sofren atrasos de ata cinco meses na facturación por parte das compañías eléctricas
Particulares, empresas e sindicatos como Unións Agrarias (UUAA) advirten da súa "preocupación" polo atraso na facturación que están a sufrir moitos clientes de compañías eléctricas en distintos puntos de Galicia. Desde hai xa varios meses --antes do verán-- non reciben recibo da luz ningún en numerosas vivendas e negocios, provocando a "alarma" entre moitos deles por non ter información sobre a evolución do consumo e por un importe que temen por elevado e acumulado tras a importante suba dos prezos da electricidade nas últimas semanas.
Desde UUAA advirten do "malestar" que moitos clientes de Naturgy están a trasladar á organización logo de que a eléctrica "leve máis de tres meses sen facturarlles os importes correspondentes ao seu subministro e sen facerlles chegar tampouco información ningunha respecto da evolución dos seus consumos e tarifas". "É unha situación que está a xerar alarma, habida conta do forte e constante incremento que o prezo da luz e que, acumulado deste xeito, ameaza con transformarse nun requerimento económico desorbitado para as mermadas rendas do rural", di o sindicato.
Tanto UUAA como os clientes particulares consultados sinalan a Naturgy, empresa que atribúe estes "atrasos puntuais" a "uns problemas informáticos ao aplicar a nova estrutura de peaxes", pero que aclara que a situación "está a afectar a todas as compañías" e que, en todo caso, son afeccións "residuais" e a escasos clientes. "Estamos traballando exhaustivamente para solucionalo o antes posible", aclaran desde a sede da compañía en Galicia.
UUAA advirte da "alarma" e "incerteza" que os atrasos xeran entre gandeiros polo alto consumo enerxético e a posibilidade de "desembolsos inasumibles" de golpe
En Unións Agrarias, as queixas chegaron de gandeiros do Deza, Bergantiños, Ordes ou Lugo que "levan dende o mes de maio sen noticias da súa empresa eléctrica". "Nalgúns casos, a ausencia de facturación remóntase mesmo máis atrás, chegando ata os cinco meses", advirte o sindicato sobre unha circunstancia que, insiste, "xera alarma" por "coincidir no tempo cos cambios á alza nos prezos da electricidade". "Isto sitúa as explotacións gandeiras con altos consumos de enerxía nunha situación de incerteza e preocupación", asegura.
Naturgy atribúe os "atrasos puntuais" a "problemas informáticos ao aplicar a nova estrutura de peaxes" e aclara que dará "facilidades" para "fraccionar" os pagos
Os atrasos preocupan, sobre todo, nas explotacións lácteas ou de cría de aves, cuns altos requirimentos enerxéticos e a posibilidade de que a empresa eléctrica lles facture logo "de súpeto o importe de máis de tres meses nun momento no que o prezo da enerxía se ten encarecido arredor dun 22%". Así, UUAA solicita "medidas extraordinarias" a Naturgy como un posible "pagamento fraccionado" ante o que "podería ser un desembolso inasumible para os petos do sector primario galego", do que advirten pola "crise de baixo prezos" que sofre na gandería ou polo "encarecemento de materias primas e subministros esenciais".
En canto aos casos de clientes particulares, e segundo os testemuños recollidos, o atraso afecta tanto a clientes directamente de Naturgy no mercado libre como aos de Comercializadora Regulada, a empresa do grupo para a tarifa regulada, que atribúe a responsabilidade a Unión Fenosa Distribución, a firma que se encarga da distribución eléctrica.
Técnicos da empresa explicaron a algunhas das persoas que sofren os atrasos que o problema xurdiu ao detectaren que, coa nova tarifa, as facturas acabaron afectadas por erros de lectura que deron lugar a importes inexactos e elevados de máis. Ante esta situación, a eléctrica paralizou o seu envío e advertiu de que mandarían todas xuntas así que estivesen listas, dando "facilidades" no seu pagamento, tal e como confirma tamén a Praza.gal. Naturgy, que está a enviar xa mensaxes sobre a posibilidade de "fraccionar" o pago unha vez se emitan as facturas.