Segismundo García paraliza a histórica factoría de Cervo por unha "visita rutineira" para "comprobar o cumprimento das melloras" esixidas tras a detección de dúas traballadoras con silicose, obras nas que a Xunta admite que está a "colaborar co financiamento"
Apenas nove meses despois de protagonizar un peche patronal para non cumprir cos requirimentos da Inspección de Traballo, centrados en cuestións de saúde laboral tras detectar dúas traballadoras con silicose, o propietario de Sargadelos repite e acrecenta o movemento na súa factoría de Cervo. Incluíndo, desta volta, un expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) por 15 días para o plantel, de case 90 persoas, e un anuncio da súa propia dimisión.
O conflito aberto a pasada primavera por Segismundo García culminara cun acordo coa Xunta, na súa condición de autoridade laboral, que incluía outorgar á compañía "a maior flexibilidade" posible para aplicar as "posibles melloras" requiridas pola Inspección. O pacto implicou tamén, segundo admitía este xoves o Goberno galego, "colaborar co financiamento das obras".
As consellerías de Emprego e Cultura lembraban o compoñente económico do pactado despois de que García dese en volver pechar tras "unha visita rutineira" da Inspección, indica a Xunta, para "comprobar o cumprimento das actuacións solicitadas". Pero, cando menos de momento, García non cede.
O empresario anuncia agora un ERTE de quince días e a súa dimisión como "xestor ou CEO"
Asegura o propietario que para a produción en Cervo "obrigado" pola Inspección, que segue detectando "riscos asociados ao po de sílice" na fábrica. Di "confiar", non obstante, en que a interrupción sexa "temporal". Pero de momento asegura ter unha "causa de forza maior nos termos previstos na normativa laboral" para recorrer ao ERTE.
Informa El Progreso de que, canda a presentación da regulación temporal de emprego, Segismundo García comunicou tamén a un Xulgado do Mercantil da Coruña, a súa dimisión como "xestor ou CEO" da histórica empresa, da que tamén é principal accionista. Faino entre queixas pola lexislación vixente nun contexto no que dependerá do xulgado designar unha persoa para poñerse á fronte.
Á espera da evolución dos acontecementos, este venres no complexo mariñao de Sargadelos repetíronse as escenas de persoal á porta da fábrica agardando noticias sobre os seus postos de traballo. Facíano horas despois de que mesmo a Xunta "instase" a Segismundo García a retomar a actividade "de inmediato".
O Goberno galego mantén que "o subsanamento das eivas é perfectamente compatible co mantemento da actividade" da fábrica
O executivo galego especifica agora, asemade, que "dentro da colaboración" pactada co empresario, "xa se completaron os estudos sobre as condicións do sistema de ventilación e extracción. Tamén "parte das actuacións esixidas" por Inspección.
Neste sentido, a Xunta sostén que "o subsanamento das eivas detectadas é perfectamente compatible co mantemento da actividade", ao contrario do afirmado por García, e "permite garantir a seguridade e saúde do persoal".