Nos últimos días Sargadelos notificou cando menos tres despedimentos na súa fábrica de Cervo. Fíxoo apenas vinte días despois de divulgar que acadara un acordo coa Xunta para poñer fin á crise na que o seu propietario, Segismundo García, ameazara con pechar a emblemática factoría para non cumprir coas esixencias de Inspección de Traballo en materia de saúde laboral e de adaptación das súas instalacións neste ámbito.
Con este pano de fondo, o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu este 30 de abril ao complexo mariñao canda outros cargos do partido. Alí o líder socialista, alén de trasladar o seu apoio ao persoal, especialmente aos traballadores despedidos, esixiu en declaracións aos medios que o Goberno galego "faga público que tipo de acordo ten coa empresa".
Durante esas declaracións, Besteiro foi increpado por Segismundo García por atender a prensa no "terreo da propiedade". "Poña un marco que diga propiedade privada", ironizou o secretario xeral socialista. O empresario, sinala o partido "tentou interromper a gravación" de Besteiro en compaña da secretaria de organización do PSdeG, Lara Méndez, e de representantes da formación en concellos da Mariña.
O secretario xeral do PSdeG advirte de que "calquera apoio público" a Sargadelos debe ter "como condición indispensable o mantemento dos postos de traballo" e atender a que "a seguridade dos traballadores non é unha opción"
Alén deste incidente, Besteiro reclama que a Xunta divulgue os detalles do seu pacto con García porque "calquera apoio público" a Sargadelos, defende, debe ter "como condición indispensable o mantemento dos postos de traballo". E atender a que "a seguridade dos traballadores non é unha opción" para o propietario, senón "unha obriga, algo que hai que cumprir por parte das empresas".
Estas esixencias, asevera o socialista, son tamén unha maneira de defender unha compañía que "máis alá de ser unha empresa, un centro de traballo, é un patrimonio cultural para toda Galicia". E neste sentido, subliña, cómpre ter en conta que a Xunta ostenta "as competencias non só de patrimonio cultural", senón tamén "en materia de industria e de saúde laboral".
