Sargadelos: A empresa que sempre foi moito máis

Fábrica de Sargadelos © Sargadelos

A historia de Sargadelos apágase estes días. O plan de viabilidade aprobado polo consello de administración da empresa, que inclúe "medidas contundentes" e unha "importante reestruturación de persoal" pode levar por diante unha parte importante dos 172 postos de traballo que aínda se reparten entre as dúas factorías de Cervo e Sada. Entre estes traballadores e traballadoras segue predominando a preocupación e a incerteza, entre a ausencia de información sobre o alcance final das medidas. As negociacións entre a empresa e os representantes do cadro de persoal comezaron este xoves e determinarán o futuro de Sargadelos.

A empresa vén arrastrando problemas económicos nos últimos anos, e foron varias as medidas parciais de redución de empregos e custes que se foron adoptando. Dende un ERE temporal de seis meses de duración, que afectou á meirande parte do cadro de persoal durante o primeiro semestre de 2013, ou un ERE de extinción que afectou a 26 postos de traballo en 2010.

Hai unha década, o proxecto do fundador, Isaac Díaz Pardo, de crear a Fundación Sargadelos para xestionar as distintas empresas do grupo provocou as desavinzas entre os propietarios. Finalmente, nunha tensa reunión, a xunta de Sargadelos decidiu apartar do consello a Díaz Pardo e aos seus fillos. Dende entón, Sargadelos pasou por distintas fórmulas de xestión. Este mesmo ano os fillos de Isaac Díaz Pardo, Xosé e Camilo Díaz, asinaron un acordo con Anxo e José Luís Vázquez, descendentes doutro dos principais fundadores, para volver ao control deste importante grupo empresarial galego.

A xunta de Sargadelos decidiu apartar do consello a Díaz Pardo e aos seus fillos

A pasada fin de semana finou Mimina, a viúva de Díaz Pardo, e a outra grande impulsora do proxecto de Sargadelos. "Da súa famila eran os terreos cedidos para a construción da mesma; dela son os primeiros deseños das porcelanas; e foi ela quen montou o taller de decoración: distintivo básico da casa", destacou a súa neta nun fermoso obituario publicado por Praza. O falecemento de Mimina, dous anos despois do de Isaac, como símbolo e como peche a unha fermosa etapa, a un proxecto empresarial que quixo ser diferente, que quixo ser algo máis. 

Sargadelos é unha institución en Galicia, entre outras cousas por antigüidade: foi fundada en 1806 como fábrica de Cerámica polo enciclopedista e afrancesado marqués de Sargadelos, e retomada en 1947 por Isaac Díaz Pardo, pintor e intelectual galeguista e de esquerdas. É o impulso de Díaz Pardo o que converteu a Sargadelos nun símbolo que identifica a Galicia en todo o planeta, e o que, ademais, a inscribiu no ADN da oposición cultural e política á ditadura. Sargadelos era e é unha empresa, pero foi e é algo máis. Así a concibiu Isaac, finado hai case dous anos, e a pesar de que foi apartado da dirección da compañía hai anos en nome da eficiencia empresarial e do beneficio económico, é ese carácter de manifesto, de proclama, de xerador de discurso da que a dotou, o que fai de Sargadelos algo moito máis importante.

Sargadelos é o exilio, interior e exterior, dos esquerdistas galegos (Luís Seoane, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Núñez Búa, Antonio Baltar, Blanco Amor, Laxeiro, Arturo Cuadrado...). A través de Sargadelos (e todo o que o rodeou), transmitiuse o legado, as palabras e o proxecto colectivo da xeración republicana. Como escribiu Manuel Rivas, "alguén tiña que facerse cargo da esperanza e Isaac foi o elixido". De Díaz Pardo repítese que na súa vida cultivou máis fracasos de triunfos, pero enumerando as súas obras resulta difícil estar de acordo con iso. 

Isaac é lembrado como un home de acción, como un creador, como un motor humano, empeñado en construír un país sen deixar que os obstáculos ou as dúbidas sobre a imposibilidade de levar adiante os proxectos o freasen

Isaac é lembrado como un home de acción, como un creador, como un motor humano, empeñado en construír un país sen deixar que os obstáculos ou as dúbidas sobre a imposibilidade de levar adiante os proxectos o freasen. Seu é o Laboratorio de Formas (un exemplo de I+D+i antes da palabra, unha idea xenial de combinar a investigación sobre as formas e o deseño tradicional galego coa innovación e os achados da Bauhaus e a produción seriada), a recuperación do Seminario de Estudos Galegos (un precursor de CSIC ideado nos anos vinte polo nacionalismo galego e borrado do mapa polo franquismo), editoriais, museos e mesmo o proxecto de crear en plena Transición un grupo de comunicación cunha visión progresista e autogobernada de Galicia.

En xeral, dá a impresión de que Isaac Díaz Pardo, que sempre camiñou uns cantos pasos por diante do seu tempo, sería hoxe máis que nunca unha ave rara na xestión capitalista imperante no Estado Español, que despreza a investigación e o valor engadido asociado á innovación. Este capitalismo preocupado polo beneficio monetario inmediato. En Sargadelos primou ante todo o I+D+i e o beneficio social antes que o económico, o que a converteun nun dos símbolos da Galicia moderna.

Un patrimonio inmaterial que leva anos esmorecendo, e que estes días boquea na procura dun futuro. Sería bo que procurase ese futuro nos elementos que fixeron grande e valiosa a empresa durante a segunda metade do século XX.

Isaac Díaz Pardo e Mimina, con Lorenzo Varela © Sargadelos
Isaac Díaz Pardo CC-BY-SA Martiño de Lopo
Fábrica de Sargadelos © Sargadelos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.