'Amorodios': un encontro entre o jazz e o tradi liderado por Xan Campos coa voz de Faia

Amorodios, o proxecto que une ao Xan Campos Trío con Faia © cedida

Amorodios é un lugar de encontro e unha meta, é un proxecto musical pero que vai máis alá porque influencia as vidas dos seus participantes. É unha xanela aberta á experimentación dende o jazz e o enfoque da música tradicional galega, é a primeira vez que o músico cangués Xan Campos compón letras para acompañar as súas músicas. Tamén é a primeira vez que Faia Díaz canta ‘cancións’ con base de jazz. E en setembro será a primeira vez que os dous artistas, xunto aos músicos Virxilio da Silva e Iago Fernández, entren nun estudio de gravación para darlle forma ao que será o primeiro álbum do proxecto.

Mais antes, o vindeiro luns 18 de agosto, o cuarteto actuará en Cedeira no marco de Festival Jazz de Ría, organizado por Luneda Producións e promovido polo Padroado da Cultura do Concello de Narón, o Concello de Neda, o Concello de Cedeira e o Concello de Valdoviño, coa colaboración da Deputación da Coruña a través da Rede Cultural, e AIE (Artistas en Ruta).

Xan Campos, Faia Díaz, Virxilio da Silva e Iago Ferández son Amorodios © cedida

"O Hevi regaloume un vinilo de Faia e a partir de aí comecei a fantasiar coa súa voz, non podía imaxinar os temas que ía facendo interpretados por outra persoa que non fose ela"

En Amorodios Xan Campos toca o piano, o harmonio e a percusión, Faia Díaz pon a súa voz e atende tamén as percusións, Virxilio da Silva está coa guitarra e o baixo e Iago Fernández á batería. “Había moito tempo que tiña gana de facer música con voz e con letra porque ao final é unha mensaxe moito máis directa e moito máis pura. Dinlle moitas voltas, pero eu non teño cualidades para cantar e, seguramente por iso, non aconteceu antes. Ata que din con Faia non tiña á persoa que quería que fose a miña voz. 

Cheguei a ela a través do Hevi, que me recomendou que a escoitara mentres estabamos gravando o meu disco anterior co trío. O Hevi regaloume un vinilo dela e a partir de aí comecei a fantasiar coa súa voz, non podía imaxinar os temas que ía facendo interpretados por outra persoa que non fose ela”, lembra Xan Campos.

"O entendemento foi total dende o principio", asegura Faia Díaz

“O entendemento foi total dende o principio”, asegura Faia Díaz, que nestes momentos compaxina este proxecto xunto ao trío de jazz coa súa participación nos concertos da xira de Guadi Galego, os seus plans con De Vacas e o seu proxecto musical en solitario, co que acaba de publicar un novo disco, Alvela. “A música é unha linguaxe que ten como varios dialectos, pero sobre ela están as persoas e eles son xente marabillosa. Iso fai que todo sexa máis fácil, eu póñome contenta cada vez que os vexo”, salienta a creadora.

Para Faia é preciso diversificar co fin de vivir só de cantar. “Tal e como están as cousas non está fácil, pero á vez é moi enriquecedor. Eu síntome como unha artesá da voz. Ter que traballar coa voz en Amorodios non ten nada que ver con como fago os coros na banda de Guadi, cando estou sentada coas miñas compis das Vacas ou cando estou eu soa. Son ámbitos da voz e da escena moi diferentes e todos se complementan e conviven. É unha sorte poder estar en tantas cousas”, asegura.

A banda participa no Festival Jazz de Ría © cedida

Para Xan Campos este novo proxecto foi un reto porque todo a súa vida formouse no jazz, por moitas outras influencias doutros estilos que teña, e a soa presenza de Faia condicionou de maneira moi profunda a música que quixo compoñer. “Ela ten unha personalidade musical moi forte e sacala de aí era unha aberración. Eu quería intentar aproveitar ao máximo todas as súas cualidades e facela brillar”, debulla.

O músico quería falar máis directamente co público, pero mantén un enfoque moi persoal na maneira de facelo. “Realmente non sei se quería falar de algo. Está a ser un exercicio persoal moi chulo isto de falar de cousas. Quería ter esta ferramenta de conexión directa co ouvinte a través da voz, pero non tanto a través da mensaxe da letra. Iso foi algo que pensei a posteriori. O proxecto chámase de Amorodios, entón falo da vida, de como a entendo eu, e de como entendo a música, que son amor-odios”, sinala.

A pesar de que incorpora letras á música, a espontaneidade e experimentación do jazz non se perden en Amorodios, e a iso tamén se suma a propia Faia, que está a aprender a crear en conxunto sobre a marcha a forma definitiva das cancións. Unha procura que está a ser enriquecedora para ambos e para a propia escena musical, xa que esta colaboración xorde da propia inquietude destes artistas.

"A pandemia foi un golpe moi duro a unha escena que xa era precaria de antes. A verdade é que é unha pasada a cantidades de compañeiros, grandísimos músicos, que decidiron facerse carpinteiros, fontaneiros... e abandonar a música para sobrevivir"

“A pandemia foi un golpe moi duro a unha escena que xa era precaria de antes. A verdade é que é unha pasada a cantidades de compañeiros, grandísimos músicos, que decidiron facerse carpinteiros, fontaneiros... e abandonar a música para sobrevivir. A miña sensación é que cada vez é máis complexo sacar proxectos adiante. Penso que hai dez anos, ou algo máis, parecía que a música en directo estaba en auxe, ou polo menos máis valorada, que a cuestión ía na boa dirección... Incluso o propio jazz estaba un pouco de moda. Pero despois demostrouse que era unha ilusión, era realmente moi difícil seguir ese camiño, principalmente porque non é moi sostible. E agora é unha realidade que os hábitos da xente mudaron, como a maneira de consumir cultura. Aínda que seguramente se escoita moita música, pero fundamentalmente nas plataformas”, analiza Xan Campos.

Con todo, Campos salienta que “existen iniciativas moi positivas como o Jazz de Ría e moitos outros festivais e ciclos que hai no país, que apostan por unha programación independente e que se preocupan de buscar proxectos artísticos de calidade e darlles apoio e espazo. É de agradecer tamén cando Concellos ou outras institucións apostan por concertos menos comerciais e achegan estas propostas á xente. O feito de ver eses concertos ateigados de público é a mostra de que se se fan ben as cousas a música en directo ten moito futuro!”. O propio músico é un dos organizadores do festival Canjazz do 20 ao 23 de agosto en Cangas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.