"A obra de Rosalía faime 'clic' cada vez que a leo"

Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado CC-BY-SA Festival Rosalía

Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado, as De Vacas xunto a Guillermo Fernández, teñen preparado un diálogo vocal a tres cos versos de Rosalía de Castro. Un espectáculo inédito que van presentar no Festival Rosalía e no Día de Rosalía, o domingo 23 de febreiro, no Colexio Maior de Santo Agostiño en Compostela, un edificio normalmente pechado á cidadanía e que está ligado á biografía da nosa poeta universal.

A primavera vai chegar implica a unión de poesía e música e desenvolverase literalmente nun corredor de pedra de Santo Agostiño, por tratarse da antiga sede do Liceo no que participou Rosalía na súa mocidade. Haberá dúas actuacións en dúas quendas, ás 16h a primeira e ás 17.15h a derradeira. O acceso é gratuíto ata completar o aforo limitado do espazo, escollido para poder escoitar as voces das tres cantoras a capela.

Detalle do cartel desta edición do Festival Rosalía © Concello de Santiago

"A Erminda saíalle natural: non concibía recitar os versos de Rosalía sen cantalos"

“Traballar co repertorio de Rosalía foi algo que sempre quixen facer. Lendo a súa obra vía moitas relacións coa música tradicional que eu canto”, asegura Faia Díaz, que para explicar cando se lle ocorreu cantar a Rosalía menciona con emoción a Erminda Miramontes, das Casas Novas de Santiago.

“Este concerto vai ser un pouco homenaxe para ela, que morreu hai pouco tempo. Sempre digo que era unha universidade feita persoa porque tiña un coñecemento de melodías, de coplas, de letras... ademais de ser unha prodixiosa do canto, do baile e da pandeireta. Cheguei a ela a través das Leilía porque no primeiro disco ela aparece cantando Arrolo e algún tema máis. Felisa Segade axudoume a contactar con ela e aínda puiden gravala máis maior cantando ese mesmo Arrolo. Un día leveille como agasallo unha edición ilustrada dunha obra de Rosalía e decateime de que ela lía os poemas cantando. Creo que ese momento foi o detonante para decatarme da proximidade das poesías de Rosalía á lírica tradicional, porque a Erminda saíalle natural: non concibía recitar eses versos sen cantalos”, lembra Faia Díaz.

"Ás veces tamén nos gusta facer as cousas máis de preto, coa xente moi próxima a nós"

A obra de Rosalía bebe da mesma fonte que a lírica tradicional, é a conclusión á que chegaron Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado, que empregaron coplas de Erminda, melodías tradicionais e outras que xa estaban no seu repertorio para mesturalas cunhas letras a partir de versos rosalianos. “Entre as tres fomos armando este repertorio baseado na música tradicional. A proposta é facelo coa voz como centro, co xogo das tres voces e o seu eco, así como a resonancia do propio espazo onde imos cantar”, debulla Díaz.

“Interesábanos moito ese espazo e poder facer o concerto sen sonorización. Ás veces tamén nos gusta facer as cousas máis de preto, coa xente moi próxima a nós. Por iso non imos o auditorio e escollemos facelo nun dos corredores do edificio. É importante poder en valor estes espazos, que a priori están pechados, e abrilos tamén á xente que pasa por diante deles constantemente”, engade.

A obra de Rosalía faime ‘clic’ cada vez que a leo. É unha creadora de moita actualidade, que penso que se destaca pouco e é algo espectacular cando a les e ves todos os ecos que aínda ten a súa voz. Penso que escoitar eses ecos dende a actualidade é o que nos fai tamén querer revisala con este enfoque no que a voz está no centro. Poder facelo de maneira coral, ademais, é moi importante porque é a poeta nacional”, destaca Faia Díaz.

"Rosalía parte das glosas e coplas tradicionais, pero logo desenvolve unha historia"

A cantante compostelá incide nesa relación da cantigas tradicionais coa poesía de Rosalía, pois “os Cantares Gallegos están baseados na lírica tradicional, esas introducións que despois ela evoluciona tamén son dunha profundidade brutal porque ao final a lírica tradicional chega a nós tras pasar por moitas voces, e creo que ela soubo ver ese potencial e sacarlle o partido e o xugo que merecía”.

“Normalmente as coplas tradicionais que cantamos son un pouco inconexas, o especial de Rosalía, e tamén o difícil á hora de abordar estes poemas, é que nos Cantares Gallegos si que hai unha narrativa. Ela parte das glosas e coplas tradicionais, pero logo desenvolve unha historia. Por iso nos permitimos a licenza de non respectar as estruturas dos seus poemas, para ir picando versos de diferentes poemas”, abunda Faia Díaz.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.