Este 5 de novembro a Real Academia Galega inaugura en Pontevedra o ciclo Momentos da cultura galega cunha xornada que analizará os anos de Castelao na capital arxentina
Continúa a celebrarse o Ano Castelao, que conmemora o 75 cabodano do político e creador rianxeiro, finado en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950. Na capital arxentina pasara exiliado os seus derradeiros anos de vida, dende o verán de 1940. Unha década na que cunha saúde cada vez máis precaria, traballou arreo para devolver a democracia ao país e para ver recoñecidos os dereitos nacionais de Galicia.
O vindeiro mércores 5 de novembro a Real Academia Galega inaugura en Pontevedra o ciclo Momentos da cultura galega cunha xornada que analizará os anos de Castelao en Bos Aires. O encontro, que se celebrará no Museo de Pontevedra a partir das 18 horas, afondará na etapa do intelectual no exilio na Arxentina e na súa relevancia no legado intelectual, político e artístico do autor.
A cita contará coas intervencións do presidente da RAG, Henrique Monteagudo, o historiador Xosé Manoel Núñez Seixas e a directora do Museo, Ángeles Tilve, e rematará coa proxección das imaxes de Castelao na capital porteña. A xornada, de entrada libre, poderase seguir ademais en directo dende academia.gal e a canle de Youtube da RAG.
A cita contará coas intervencións do presidente da RAG, Henrique Monteagudo, o historiador Xosé Manoel Núñez Seixas e a directora do Museo, Ángeles Tilve, e rematará coa proxección das imaxes de Castelao na capital porteña
Ramón Villares moderará a mesa, na que Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, retratará o Castelao ensaísta e orador na intervención titulada De Sempre en Galiza a Alba de Gloria, en referencia ao volume que publicou en Buenos Aires no ano 1944 e o derradeiro discurso público que pronunciou tamén na capital porteña o 25 de xullo de 1948.
Ángeles Tilve falará d’As cruces de pedra na Galiza, un estudo que iniciara nos anos 20 e que rematou ao outro lado do Atlántico, e que significa “o cumio do Castelao investigador”; e o historiador Xosé Manoel Núñez Seixas pronunciará o relatorio Castelao e a construción da "Galiza ideal" no exilio (1940-1950). A Real Academia Galega organiza Momentos da cultura galega. Castelao en Buenos Aires coa colaboración da Deputación de Pontevedra e do Museo de Pontevedra.
O encontro afondará na etapa do intelectual no exilio na Arxentina e na súa relevancia no legado intelectual, político e artístico do autor
Villares explica que “a palabra momentos está bastante acreditada na historia intelectual europea. Serve para remarcar o papel que ás veces exerce nun contexto cultural determinado unha obra, outras un individuo, en ocasións unha institución”.
"Para o noso caso, temos varios exemplos, e decidimos comezar por Castelao neste ano que se lle dedica, cadrando co seu 75 cabodano, porque marcou profundamente varios aspectos da cultura galega. Queremos reflexionar sobre a importancia que tivo como autor, na política do exilio e no desenvolvemento da estratexia para a construción do que el chamou a Galiza ideal”, engade o historiador e académico da número da RAG.
"Queremos reflexionar sobre a importancia que tivo como autor, na política do exilio e no desenvolvemento da estratexia para a construción do que el chamou a Galiza ideal”, destaca Ramón Villares
Con esta iniciativa a RAG continúa a celebrar o Ano Castelao. Mentres Castelao viviu no obrigado desterro, a Academia non declarou vacante a súa cadeira, en recoñecemento ao seu legado e á súa significación. Tras o seu pasamento, conservou viva a súa memoria e neste Ano Castelao volve poñer o foco no seu pensamento.
O sitio web de Castelao consta de dúas seccións. En “Castelao na RAG” preséntanse de maneira divulgativa materiais da Academia relacionados co intelectual que poden ser de interese para a comunidade investigadora e tamén para o público xeral. Na outra sección, “Pezas destacadas”, membros da RAG e outros especialistas presentan cada mes unha peza senlleira relacionada coa biografía ou a obra de Castelao.