Castelao: a loita silenciada na memoria da colectividade

Castelao, coa locutora Maruxa Boga en Bos Aires en 1945 Dominio Público Consello da Cultura Galega

Castelao chegou a Bos Aires no 1940, despois de pasar polo exilio en Nova York e A Habana. Aquí converteuse na voz máis recoñecida do galeguismo republicano no desterro e no guía moral da emigración galega. Mais as súas ideas non cadraban coas máis cómodas dunha parte da colectividade. Mentres el soñaba cunha Galiza libre, con dereitos políticos propios, moitas asociacións preferían dedicarse á preservación cultural e ao auxilio mutuo, sen se meter coa orde imposta

Castelao chegou a Bos Aires no 1940, despois de pasar polo exilio en Nova York e A Habana. Aquí converteuse na voz máis recoñecida do galeguismo republicano no desterro e no guía moral da emigración galega. Mais as súas ideas non cadraban coas máis cómodas dunha parte da colectividade. Mentres el soñaba cunha Galiza libre, con dereitos políticos propios, moitas asociacións preferían dedicarse á preservación cultural e ao auxilio mutuo, sen se meter coa orde imposta. Así, malia ser a figura galega máis universal do século XX, en Bos Aires quedou nun limbo tras o seu pasamento á inmortalidade: querido polos sectores populares e militantes, mais ignorado nos espazos oficiais.

O guieiro propoñía reorganizar as vellas sociedades locais e comarcais en “centros”, porque sabía que había que ir máis alá do mutualismo asumindo un papel cultural, histórico e patriótico, reforzando a colectividade diante da xente arxentina e da segunda xeración de migrantes. Miraba con recelo a dirección do Centro Galego: vía que sectores “apolíticos” próximos ao réxime podían controlar a entidade, e chamou a unir republicanos e galeguistas para defender un rumbo democrático. Aquel paso foi, sen dúbida, a pedra sobre a que se asentou o esquecemento da súa figura.

O 7 de xaneiro de 1950, a súa morte no Centro Galego de Bos Aires provocou unha fonda conmoción. Galegos e galegas acudiron ao velorio, e doce carrozas negras, tiradas por cabalos cargadas de coroas, abriron o adeus. Milleiros enchían a avenida Belgrano, parando o tráfico deixando abraiada a veciñanza. Poucos sabían que aquel home que ía ser soterrado no cemiterio da Chacarita era o máis alto símbolo da Galiza naquela época. A maioría non o relacionaba coa política.

Aquel recoñecemento popular non tivo eco nos aliñados co franquismo. Cumpriron ao pé da letra as instrucións da Oficina de Prensa do Goberno español: “…La noticia de su muerte se dará en páginas interiores y a una columna. Caso de insertar fotografía, esta no deberá ser de ningún acto político. Se elogiarán únicamente del fallecido sus características de humorista, literato y caricaturista. Se podrá destacar su personalidad política, siempre y cuando se mencione que aquella fue errada y que se espera de la misericordia de Dios el perdón de sus pecados…”

Discurso de Francisco “Paco” Lores, expresidente da Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina na praza Castelao na cidade de Buenos Aires fronte ao busto do guieiro colocado no ano 1971 © IGADI

Coa súa morte, comezou un esquecemento deliberado que puxo en marcha mecanismos para ocultar ou minimizar a súa figura

Coa súa morte, comezou un esquecemento deliberado que puxo en marcha mecanismos para ocultar ou minimizar a súa figura. A prensa silenciou o seu compromiso político, as institucións evitaban pronunciar o seu nome e instalouse a idea de que falar de Castelao era falar de política, algo sen lugar nos espazos da colectividade. Esa estratexia de silencio, alimentada polo medo ao franquismo e polas complicidades de certas elites, consolidouse durante décadas.

Cando chegamos cos meus país a este país no 1961, a miña vida pasaba entre o Ourensán, o Galego e o Lucense. Alí ninguén falaba publicamente de Castelao. Se saía o seu nome nun acto, a resposta era a mesma: “eiquí non falamos de política”. Iso era o que se mamaba na colectividade. Así pasaron anos, e a súa figura permaneceu ausente da memoria oficial durante case medio século. Só se falaba del en privado e con moita cautela; se xurdía unha chispa entre quen tiña opinións distintas, reaparecía axiña aquela frase “eiquí non se fala de política”, coma un mandato paterno herdado por orde do franquismo logo da súa morte.

Foi con Paco Lores, xa presidente da Federación de Asociacións Galegas, cando por primeira vez se homenaxeou o pasamento de Castelao cun acto cada 7 de xaneiro na praza que aínda leva o seu nome

Foi con Paco Lores, xa presidente da Federación de Asociacións Galegas, cando por primeira vez se homenaxeou o pasamento de Castelao cun acto cada 7 de xaneiro na praza que aínda leva o seu nome. Alí, Paco lembraba sempre con dor a falla de recoñecemento das institucións galegas a un líder coma el. Máis dunha vez o franquismo de Bos Aires fixo desaparecer o busto da praza, e non digamos das veces que tivemos que facer garda nos días previos para evitar que o enchese de pintura quen quería impedir o acto. Só en 2014 o Centro Galicia organizou a súa primeira homenaxe e, dous anos despois, fixo o propio o Centro Galego.

Co tempo semellaba que aquela inxustiza iase reparando, cando menos en parte. A comezos do século XXI, as novas xeracións da emigración e algunhas das institucións galegas comezaron a recuperar a memoria de Castelao, reeditar as súas obras e renderlle tributo, aínda que a maioría descoñecía a súa loita política, grazas á que Galiza conquistou o seu Estatuto. Mesmo vin homenaxes que semellaban máis ofensas ca recoñecementos, amosando a ignorancia de quen as organizaba. Lembro sempre a frase de Paco: “…se levantase, volveríase morrer vendo estas barbaridades

Hoxe, lembrar a Castelao en Bos Aires é recoñecer non só o creador, o político e o humanista, senón tamén a forza viva dun proxecto que o franquismo quixo borrar e que segue a ser faro para o pobo galego, no territorio galego e na diáspora.

Naqueles anos, só se rendía homenaxe a Castelao nesa praciña, e ás celebracións asistían unicamente directivos, socios, socias e amizades das entidades que formaban parte da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, a única institución que proclamaba con orgullo o seu republicanismo. O resto da colectividade mantíñase en silencio e na indiferenza. © IGADI

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.