'Castelao. Mirar por Galicia' xa se pode visitar na Cidade da Cultura, onde permanecerá ata xaneiro de 2026
75 anos despois do seu pasamento, podemos mirar –literalmente– a través das lentes de Castelao. Neste denominado Ano Castelao os avances tecnolóxicos aplicados á arte do audiovisual permítennos achegarnos a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao dunha maneira insólita e, á vez, máis empática ca nunca. A exposición Castelao. Mirar por Galicia, que xa se pode visitar no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, onde permanecerá ata o 11 de xaneiro de 2026, cumpre un desexo que a realidade impediu: que as xeracións posteriores escoitemos o de Rianxo falar en galego.
A mostra nace do soño do artista audiovisual Carlos Seijo, director do estudo Maxina, que quixo ir máis alá tras ler o Diario 1921 do político, artista, intelectual e humanista galego. “Nese diario el relata a súa viaxe a París para coñecer a arte europea e, mentres vou lendo, collo o móbil para ver as obras que está vendo el tamén diante; e sinto que o estou acompañando nesa viaxe. A partir desa experiencia quixen facer algo así, unha especie de túnel inmersivo no que sentimos que estamos acompañando a Castelao porque era algo que nunca se fixera; e aí xa comezo a traballar, convencido de que tiñamos que facer esta viaxe”, conta Seijo a Praza.gal na primeira visita á exposición.
O propio Castelao recibe as persoas que visitan a exposición e, incluso, saúdaas con entusiasmo. Tan certo é que ese saúdo nunca se produciu en vida do gran persoeiro, como que a súa reacción é moito máis natural do que a priori implica un panel cunha cámara que detecta as persoas e activa con iso o programa que ‘move’ ao Castelao que alí se proxecta. Unha recomendación, se tedes crianzas ao voso arredor, levádeas alí para que interactúen co de Rianxo, que ten a deferencia de agacharse á súa altura cun sorriso. Un xesto que non é gratuíto, pois quere mostrar a especial empatía que tiña cara ás nenas e nenos, máis aínda despois de perder ao seu único fillo; un dos pasaxes da súa vida que ensina tamén o filme Antes de nós, estreado o pasado maio.
A mostra percorre os fitos da biografía de Daniel Castelao e ensina os obxectos, as fotografías e as obras orixinais das que parte para ir máis alá coa axuda de técnicas que permiten resultados impensables a comezos deste século
Esta mostra sería impensable sen as tecnoloxías actuais, mais tampouco sen o profundo traballo de documentación sobre a vida e obra de Castelao realizado por Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao, para a súa tese de doutoramento, que se converteu á vez na maior biografía do político nacionalista, editada por Galaxia en tres tomos.
“Durante anos, na investigación de Castelao, fun un pouco obsesivo recollendo moitos datos que consideraba que eran bos, pero que non adoitan formar parte das teses porque non entras nesas interioridades, ao mellor non che interesa saber cando fixo a confirmación ou quen foron os padriños da voda... Pero eu fun tan indiscreto! Pois unha vez que me poñía, non me custaba nada carretar toda esa información e metela nun ordenador. Como carrexei todo canto atopei, sen ocultar nada, encontreime coa felicidade de que ese material, que eu pensei que ao mellor era intranscendente, interesáballe a alguén: onde viviu, como era co seu fillo, que altura tiña, de que cor eran os seus ollos, que enfermidade tiña na vista... A miña indiscreción permitiume traer toda esa información a este proxecto expositivo. Nunca esperei que todos eses datos podían ser tan útiles, estou especialmente satisfeito dese grande esforzo porque agora pode ser compartido pola cidadanía galega, que poderá sentir a Castelao”, debulla Seixas.
A mostra percorre os fitos da biografía de Daniel Castelao e ensina os obxectos, as fotografías e as obras orixinais das que parte para ir máis alá coa axuda de técnicas que permiten resultados impensables a comezos deste século, pero que tamén hai que empregar de maneira ética. Neste sentido, Carlos Seijo destaca os intensos debates que mantivo –incluso consigo mesmo– sobre por onde levar os materiais e como enfocar a exposición final. Por isto, optou pola “honestidade” coas persoas que visiten a Cidade da Cultura, para que tamén vexan do que foi capaz este equipo a partir do pouco que se conserva de Castelao.
O 19 de outubro de 1912, Virxinia Pereira e Castealo casan na Estrada. Partindo dunha foto moi distorsionada e deteriorada, os responsables da exposición adestraron unha Intelixencia Artificial para ver a evolución do rostro dela co paso dos anos. Limparon a foto dixitalmente, pintárona a man, recrearon os ollos e outras partes do corpo que estaban borradas. Despois, animaron a foto empregando ferramentas de IA xenerativas. O resultado é moi destacado e só anticipa o que vén no resto da visita. Miguel Anxo Seixas destaca a “complicidade que se ve entre eles”. Detrás destes traballos está o equipo do Estudo Maxina, animadores tradicionais e artistas do deseño 3D que son especialistas en Intelixencia Artificial como Gael Lendoiro.
O traballo técnico permite aos visitantes sentir que forman parte dun mitin de Catelao a prol do Estatuto de Autonomía
A través dos anteollos de Castelao, recreados dixitalmente a partir dos orixinais que conserva o Museo de Pontevedra, asistimos aos momentos considerados máis dramáticos da súa vida, truncada polo golpe de Estado e a guerra, que o forzaron ao exilio en Buenos Aires. Colocados nunha parede a distintas alturas –tamén accesibles para persoas en cadeira de rodas– hai que achegarse moito, meter case a cara no dispositivo, e alí se ven os principais motivos polos que Miguel Anxo Seixas afirma que “Castelao non tivo sorte na vida”.
O traballo técnico tamén nos permite sentir que formamos parte dun mitin de Catelao a prol do Estatuto de Autonomía. En xuño de 1936 unha avioneta sobrevoou Galicia deixando caer milleiros de pasquíns co lema “Autononomía, si”, por ese tempo o de Rianxo participaba activamente en actos públicos para explicar o que propoñían o Estatuto que axudara a redactar. De aí, a mostra Castelao. Mirar por Galicia traslada aos visitantes ata Barcelona, xa en plena Guerra Civil, onde acaba ferido ao refuxiarse dos bombardeos.
A derradeira parada da mostra é un percorrido de doce minutos dentro dun cubo de seis por seis metros no que se fai a luz. Alí escoitamos a voz de Castelao narrarnos os grandes logros da súa vida, tanto no persoal como no político e no artístico. Vémolo sentado nunha das cadeiras do Consello de Galicia no ano 1944, do que era presidente. Vemos os seus pais, as caretas que pintou para a obra Os vellos non deben namorarse –que foron escaneadas das orixinais que están no Museo de Pontevedra– ou os seus debuxos para o álbum Cousas agora animados.
O proceso para recrear a voz de Castelao contou con locutores profesionais que axudaron a ir matizando o timbre e con técnicas da Intelixencia Artificial xenerativa
Sen dúbida, escoitar a Castelao falar en galego é algo que ningún de nós agardaba ver na súa vida. O propio Miguel Anxo Seixas confesaba durante a visita no Gaiás a emoción que experimentou ao sentilo por primeira vez. Conta o biógrafo que Castelao cantaba nunha coral polifónica e formaba parte do grupo dos baixos, tiña unha voz grave. Sabémolo pola fonopostal que se conserva do seu discurso, en castelán, para desculpar a súa ausencia na estrea de Os vellos non deben de namorarse en Montevideo.
Era 8 de outubro de 1941 e a intervención de Castelao gravouse desde a Central de Correos de Buenos Aires. Como se trata dun discurso, proxecta máis a voz que como falaría nunha conversa, de aí o gran reto de adestrar unha IA para lograr que Castelao fale en galego en calquera circunstancia. O proceso foi moi laborioso e contou con locutores profesionais que axudaron a ir matizando o timbre da voz. Coas técnicas da Intelixencia Artificial xenerativa analizaron as entoacións ata dar cunha voz que resulta idéntica á que coñecemos del a través desa fonopostal. Agora teñen adestrada unha IA que pode facer que Castelao diga calquera cousa, pero na exposición só le fragmentos dos seus escritos, aos que engadiron algunhas frases necesarias para que sexa a súa voz a que guíe a derradeira parte da visita.