"Castelao é unha liña recta. Eticamente non hai nada que reprocharlle"

Miguel Anxo Seixas Seoane © Xurxo Lobato

O historiador Miguel Anxo Seixas Seoane (Arzúa, 1960) remata con Castelao. Construtor da nación. Tomo III 1949-1950 (Editorial Galaxia) a monumental biografía que desenvolveu nunha tese desde o grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago de Compostela. 

Un periplo que comezou en 2019 coa publicación do primeiro volume, que acompañou no tempo á mostra Castelao Maxistral, da que foi comisario, e que trouxo por primeira vez a obra A derradeira leición do mestre desde Bos Aires a Galicia. 

Máis de vinte anos de traballo despois, este terceiro e derradeiro tomo da historia vital de Castelao chegou ás librarías este xaneiro, que para Seixas Seoane, vicepresidente da Fundación Castelao, é o mes predilecto. Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao naceu en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e morreu exiliado en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950.

Capa do terceiro tomo da biografía 'Castelao. Construtor da nación', de Miguel Anxo Seixas Seoane © Editorial Galaxia

Miguel Anxo Seixas Seoane completa con 'Castelao. Construtor da nación. Tomo III 1949-1950' (Galaxia) a monumental biografía que desenvolveu nunha tese desde o grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago de Compostela

Por que non existía un traballo coma este sobre Castelao?

Iso era o que me sorprendía a min. Temos a avenida de Castelao, a praza Castelao, o instituto Castelao, medallas Castelao, pastelería Castelao... Somos un país que moitas veces recoñecemos as persoas con monumentos ou rúas, porque estamos en débeda e somos prestameiros desa xente, pero á hora da verdade non sabemos por que lles debemos tanto. Como llo agradezo eu neste caso? Pois cunha biografía para que a cidadanía saiba quen é Castelao. Neste mundo tan intercomunicado, e con tantas identidades, dilúese un pouco máis a nosa identidade galega. E prevalecer con ela é importante.

Eu creo que esta biografía era importante porque se trata dunha persoa que está no panteón de Galicia e que é indiscutible, xunto con Rosalía, como símbolo do país. Eles son as persoas ás que máis lle debemos. Que non tivese ningunha biografía cando se vas ao mundo vasco ou catalán non é que teñan unha, é que teñen moitas! De Companys ou Aguirre hai moitas biografías. Hai máis agradecemento por parte da cidadanía a estas persoas. 

E cando digo biografía non me refiro a un texto canónico, poden ser textos divulgativos, en banda deseñada, películas, documentais... Un neno pequeno ten que ter a súa biografía de Castelao contada polos Bolechas e terá que ter outra, máis adiante, cando sexa adolescente. Creo que moitas veces a cidadanía non recibe esa información, ou non somos quen de darlla, para que teña armas para defenderse, para saber quen son. Unha das miñas reflexións era que quería facer algo moi ben feito universitariamente, pero que fora transferible á cidadanía. Non ten sentido facer teses na universidade se non acaban na xente, en calquera soporte, pero que chegue. Hai unha gran devoción a Castelao en rúas, prazas, monumentos, premios... pero non había ese libro no que xustificar o por que de todo iso. Un libro no que ver que aínda nos quedamos escasos en agradecementos a Castelao porque se hai un Parlamento galego, case llo debemos a el; se hai unha Autonomía, só lla debemos a el; se temos clases en galego é en parte grazas a el... É moito o que se lle debe, case todo.

Máis de vinte anos de traballo nos que se achegou ao esforzo do rianxeiro para que "o mundo fora menos inxusto con Galicia". "Se hai unha Autonomía, só lla debemos a el", afirma o historiador

Despois de todo o tempo que leva pasado con Castelao –figuradamente– para preparar esta biografía, ten a sensación de que o coñece?

Tratei a algunhas persoas que si o coñeceron e hai cousas que son reiterativas: todo o mundo conta o bondadoso e o entregado que era. Era un tío que emocionaba. Unha cousa era escoitar a Otero Pedrayo, que era un home máis erudito e con moita retórica na súa oratoria, e, sen embargo, o sinxelo que era Castelao e como emocionaba. Axudan moito as cartas, non é o mesmo velo a través da súa parte pública. No íntimo tamén se ve a súa grandeza e como el se entregaba á cidadanía, e como loitou para que Galicia non perdera a súa identidade. Ese esforzo e comportamento ético si que os notas a medida que vas lendo. 

Hai persoas que teñen altos e baixos, pero Castelao é unha liña recta. Ves que unha vez que toma un posicionamento, sempre é recto. É un exemplo dun grande intelectual, cunha gran calidade como persoa, e ao mesmo tempo, é un gran pensador, un home de acción, un gran debuxante... E unha persoa á que, ademais, eticamente non hai nada que reprocharlle. É honesto. Ten unha integridade que non teñen outros personaxes. Penso que só se lle podía comparar Alexandre Bóveda. O de Bóveda é admirable porque deu a vida, non entra na farsa nin na mentira. Eticamente, a actitude de Bóveda é insuperable, pero Castelao dá a vida doutra maneira. Ten un comportamento moi valente e irreprochable. Para min era importante dicir que a súa obra como persoa é exemplar, é un home cunha actitude que hai que valorar: como se esforza a pesar de que está enfermo, no exilio, case cego, sen recursos, que chega ás Cortes de México no ano 1945 para que aproben o Estatuto de Autonomía no último minuto, como fala cos vascos... E todo iso el só, sen un peso, porque non é o Goberno catalá ou vasco no exilio con moitos recursos e contactos.

Descendentes de Bóveda, o presidente da Xunta e o conselleiro de Cultura atenden as explicacións de Seixas na inauguración da exposición 'Castelao maxistral' na Cidade da Cultura Dominio Público Xunta de Galicia

"Esa habilidade que tiña para representar a sociedade galega fixo que a cidadanía o abrazase, que se identificase con el"

Que tiña Castelao para ser tan bo líder e sumar as emocións e a conciencia nacional?

Non te podes postular a ser símbolo de Galicia, escóllente. Nel conxugábanse unha serie de cualidades que os demais lle recoñecían –parte fundamental– e se sometían a el con admiración.

Correspóndese o que sabe vostede del coa imaxe que temos en xeral?

Todo depende da formación cultural que teñas. Canto máis leas o que escribiu, máis admirador poderás ser del. Pero só cos seus debuxos xa podes apreciar o ocorrente e enxeñoso que era. Uns levan un pin cun debuxo de Castelao coa bandeira de ′denantes mortos que escravos′, outros tatúanse ou levan un bolso coa súa silueta... Dunha maneira ou doutra, todo o mundo lle recoñece algo a partir do que saben del, non é necesario coñecer a súa obra enteira para facelo.

Porque se converteu en icona pop.

E que é icona. Ademais é que se presta a selo, e non só polos seus libros. Tes os seus debuxos, as caricaturas, a súa propia imaxe singular... Vas a unha manifestación e aínda é normal atopar algún debuxo del. As súas caricaturas aínda teñen vixencia. Ten moito material moi aproveitable. É o que teñen os clásicos, que sempre podes volver a eles. Ao mellor faltáballe ser máis feminista, agora nos tempos que estamos, ou ter un discurso maís ecoloxista. Hoxe non fumaría, porque evidentemente fumaba e, de feito, morre por fumar. Pero ten elementos transcendentais na súa obra, que ademais resumen moi ben a Galicia. A súa prosa é moi sinxela, pero moi traballada. A xente cando le, por exemplo, Chamábanlle a “Marquesiña”, ve que é un conto moi fácil e que case o memorizas. Ten moitos elementos de enganche para o mundo de agora. Os pés que acompañan aos seus debuxos son case como os chíos de hoxe. Esa habilidade que tiña para representar a sociedade galega fixo que a cidadanía o abrazase, que se identificase con el. Por outro lado, foi o artista galego que máis representou ao pobo. Fixo miles de caricaturas, é como se toda a cidadanía pasase por un xornal e se puidese sentir identificada. Penso que nunca se deu unha identificación tan grande –salvo con Rosalía– entre un pobo e o seu representante. Aí houbo unha comunicación moi acertada onde dignificaba a un pobo esteticamente nas imaxes e nos textos, que estaban por primeira vez en galego.

"Elaborou unha estratexia deliberada para, empregando un medio de comunicación que comezaba a ser masivo, chegar ao pobo"

Cre que lle facemos xustiza ao seu sacrificio persoal, máis alá dos logros conseguidos?

Non, pero é que o que hai no mundo é inxustiza. Nuns sitios pasan sede e noutros abunda a auga. O mundo caracterízase pola súa diversidade, pero pola inxustiza. Entón, unha vez que vimos ao mundo intentamos –ou polo menos Castelao o intentou– que o mundo sexa menos inxusto. El fixo un grande esforzo para que o mundo fora menos inxusto con Galicia e con outros territorios. Pero tivo moi mala sorte: mórrelle un fillo, venlle unha cegueira, asasinan aos seus e morre no exilio. Fixo un esforzo para que nós agora teñamos clase en galego no instituto, para que haxa un Estatuto de Autonomía e un Goberno en democracia. El esforzouse e moita xente morreu. Se cres que o recoñecemento é poñerlle unha rúa, que estea recomendado nos institutos, ou que unha editorial publique as súas obras... pois eu creo que non. Se fósemos máis conscientes do que fixeron esas persoas poderíamos ser máis agradecidos.

Descubriu algo sobre Castelao que lle sorprendera mentres elaboraba a tese Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao. Biografía dun construtor da nación?

Sorprendeume o seu comportamento ético e como o mantén sempre, e despois esa conexión que tiña sempre coa cidadanía. El achegouse á cidadanía a través dos seus debuxos. Foi habilidoso porque desenvolveu unha estratexia, que a min non se me ocorrera, para chegar a publicar súas caricaturas nos xornais. Elaborou unha estratexia deliberada para, empregando un medio de comunicación que comezaba a ser masivo, chegar ao pobo. E con textos en galego, pero breves, porque á xente aínda lle custaba ler.

Castelao, coa locutora Maruxa Boga, en Bos Aires en 1945 Dominio Público Consello da Cultura Galega

"É un home dunha transcendencia da que aínda non somos conscientes"

Neste terceiro tomo da biografía xa vemos a un Castelao recoñecido como político a nivel internacional e a parte final da súa vida co deterioro causado polo cancro de pulmón. Unha dor que expresaba nas súas cartas con humor e que sintetiza vostede no libro co refrán que di ″as doenzas entran por ferrados e saen por copelos″.

Vino na correspondencia de López Cuevillas, que algúen llo dixera a el, e decidín metelo porque me pareceu que era a sintetización poética do que é a dor. Paréceme unha frase fermosa, como o pobo é quen de contar.

Eu atópome cunha persoa que morre no exilio e que hai elementos del que quedan en Bos Aires, en Montevideo, en Nova York, en Moscova, na Penzol, en Pontevedra... É como se colleras unha árbore e lle puxeras un ventilador, e as follas acabaran ciscadas por todo o mundo. Entón, o meu labor durante anos foi ir collendo unha folliña de aquí e d′alá e aproveitala. Pero non só coas cartas, tamén cos debuxos e as fotografías, para poder ir reconstruíndo o naufraxio dese barco.

É un home dunha transcendencia da que aínda non somos conscientes. Lembremos que fai tres álbums de guerra e que a República española fai un selo coa obra d′A derradeira leición do mestre que se distribúe en todas as cartas do mundo. O Castelao que actúa a favor da República con eses álbums de guerra [Galicia mártir, Atila en Galicia e Milicianos] é como Goya. É o Castelao máis internacional. Non hai pintor galego que tivera a súa repercusión.

Que papel xoga Virxinia Pereira en todo isto?

Xa sabiamos que Castelao tivera unha moza que se chamaba Eva. Ao morrerlle no parto unha irmá, quitáronlle a Eva a Castelao e puxéronlla ao viúvo. El moceaba con Eva, pero o sogro pasoulle a outra irmá que lle quedaba sen casar, que era Virxinia. E ela foi esa muller que se compromete, nunha complicidade intelectual con el, para pouco a pouco ir escribindo en galego. Virxinia acompañouno en todas as etapas dolorosas e non o traizoou. Foi coherente coa vida do seu home, unha vida na que tivo que sufrir moito e ir dun lado para o outro. E defendeu o seu legado dende América.

Eu quixera atopar esas cartas, que non hai, porque non conservamos ningunha carta das que Castelao lle puido escribir a ela sendo mozo. Cartas nas que falasen do seu fillo ou do seu reparto de roles na familia. Vese que hai afecto cara a ela e sabemos que se preocupou moito de que ela quedase amparada cando el falecese.

"Fáltanos ese soporte audiovisual para que os galegos saibamos de nós, porque a xente non ten por que ler"

Con que regusto queda agora que ten a biografía completa publicada?

Quédome co regusto de que fixen un esforzo para entregarllo á cidadanía, que espero que me axude a melloralo. Durante o proceso fun pregoando alí onde ía que estaba a facer a biografía, para que a xente me contara o que sabía. Puiden ter feito como Murguía, que cando ía facer a historia de Galicia puxo un anuncio no xornal para que lle remitiran documentos. Naquel momento eu cheguei a quen cheguei, pero no momento en que é pública a cidadanía pode axudarme a mellorar se hai algún erro involuntario. Para min o máis importante é que a cidadanía poida acceder a ese home ao que lle debemos tanto.

Optei por non facer unha biografía canónica porque tamén tiña o afán de explicar toda unha época a través de Castelao. Foi o contexto cultural de cada sitio e cada momento o que máis tempo me levou documentar. Case intentei facer unha película.

E gustaríalle que se fixera algunha peza audiovisual a partir da súa biografía?

Si, gustaríame que fixeran documentais sobre Castelao. Se temos unha Televisión de Galicia é para que –nese soporte que non é o libro– se transmita cultura galega á cidadanía. Gayoso tamén está ben, pero non só Gayoso. Como non hai unha película de Isabel Zendal ou un documental de Domingo Fontán facendo o mapa? Fáltanos ese soporte audiovisual para que os galegos saibamos de nós, porque a xente non ten por que ler. Vivimos nuns tempos nos que non hai que ler todo. Entón, que destes libros saian vídeoclips, cancións, banda deseñada, documentais, biopics e todo iso sería ideal. Porque cada un pode aprender en distintos soportes, todo é compatible. Oxalá lle serviran de inspiración á xente para facer máis cousas. As novas xeracións están obrigadas a facelo. E hai talento en Galicia, outra cousa é que se perda ou que se vaia para fóra.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.