Castelao, un galego "quimicamente puro" para os vascos na emigración

Fotografía da capa do libro ''A presenza de Castelao en Euskadi', de Xosé Estévez © Editorial Toxosoutos

Xosé Estévez, galego emigrado en Euskadi, presenta un libro sobre a relación de Castelao co País Vasco a través da investigación que realizou sobre o Galeusca

A presenza de Castelao en Euskadi. Un líder carismático para os vascos é "un tributo de amor á patria". Así define o seu autor, Xosé Estévez, o libro que presenta agora da man da editorial Toxosoutos e no que recompila a información que foi acadando nas súas investigacións sobre a relación de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao co País Vasco. 

Xosé Estévez conta que nos anos 40 e 50, durante o exilio, Castelao era "un admirador dos vascos" e "un moi fervente amigo" de políticos como Manuel de Irujo, José Antonio Aguirre, Francisco Basterrechea, José María Lasarte, Andoni de Astigarraga ou Pedro de Basaldúa.

"Dese contacto tan íntimo cos vascos fíxose un fervente admirador dos vascos e eles pagáronlle coa mesma moeda, convertíndoo nunha especie de líder carismático para eles, sobre todos para os vascos exiliados en América que vían nel unha especie de conciencia da Galiza eterna. Dicían del que era un galego quimicamente puro infusible ao soplete e outros epítetos que lle dedicou a prensa vasca do exilio".

© Toxosoutos

Xosé Estévez presenta estes días o seu libro en Galicia. A primeira cira será na Casa da Cultura de Rianxo este venres, día 25, ás 20.30 horas. Onde o escritor estará acompañado do autor do limiar, o profesor da Universidade da Coruña Uxío-Breogán Diéguez; do editor de Toxosoutos, Roberto Abuín; e do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.

E da vila natal de Castelao á vila natal do autor deste volume que vén de editar Toxosoutos. O día 2 de xullo haberá unha segunda presentación esta vez en Quiroga, ás 20.00 horas na Casa da Cultura, coa presenza do autor xunto a Uxío-Breogán Diéguez e mais o concelleiro de Quiroga polo BNG Xosé Manuel Fernández.

"Despois de levar un gromo da árbore de Guernica para Galiza foise facendo cada vez máis euskerófilo", di Xosé Estévez sobre Castelao

"Eu son galego de nación e euscaldún de adopción", asegura Xosé Estévez, quen marchou para o País Vasco no ano 1973 e onde desenvolveu a súa carreira como profesor na Universidad de Deusto. O seu obxecto de investigación estivo centrado no Galeusca e a partir de aquí documentou o vínculo do de Rianxo con Euskadi que explora neste libro.

"No Galeusca Castelao tivo unha importante intervención. A súa primeira opción –como case todos os galeguistas– era Catalunya. Agás Losada Diéguez, que era euskerófilo, todos os demais eran catalanófilos. Pero despois da súa visita no ano 1932 a Euskadi e no 1933, cando pronunciou un mitin, e de levar un gromo da árbore de Guernica para Galiza foise facendo cada vez máis euskerófilo".

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no Paseo dos Escritores de Rianxo CC-BY-SA Praza Pública

"Castelao é figura galega máis importante no País Vasco, sen dúbida", di Xosé Estévez. Ao longo do País Vasco hai lembranzas da figura de Castelao como a praza na súa honra de Donosti, a rúa que ten en Pasaia ou o monumento que lle dedicaron nun parque de Bilbao. 

"Incluso aparece colateralmente a figura del nun monumento a Rosalía que hai ao lado do centro galego de Barakaldo", apunta Estévez, que lembra que a maioría das obras de Castelao están traducidas ao éuscaro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.