O 7 de xaneiro de 1950, no cuarto 202 do hospital do Centro Gallego de Bos Aires (CGBA), falecía Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. Morría no exilio o escritor, debuxante, político e galeguista histórico, figura que cada ano é lembrada en Galicia pero venerada con devoción entre a emigración. Na capital arxentina, un acto réndelle homenaxe cada día despois de Reis, de maneira ininterrompida desde aquel cabodano de 1951. Desta vez, e por primeira vez en 70 anos, un representante do Estado participou tamén na reivindicación do "guieiro".
A colectividade emigrante reivindicou a figura do "guieiro" Castelao nunha homenaxe que leva celebrando ininterrompidamente desde 1950
Así se refire a colectividade emigrante a Castelao, como lembrou na súa intervención o profesor Carlos Rodríguez Brandeiro, director do Instituto Santiago Apóstol en representación desta entidade e do Centro Galicia, que organiza a homenaxe xunto co histórico CGBA, representado polo seu presidente, Ramón Suárez. Ademais de coas súas intervencións, o acto contou tamén coa de Jorge Noval, cónsul adxunto de España en Bos Aires.
"É a primeira vez en 69 anos que un representante de España na Arxentina acode ao acto de homenaxe a Castelao", destaca Suárez sobre un "feito inédito", xa que diplomáticos españois nunca foran convidados nin acudiran pola súa propia iniciativa a un tributo que leva celebrándose cada xaneiro desde 1951, organizado pola diáspora galega. O cónsul adxunto Jorge Noval participou nos discursos e foi recibido logo polas autoridades dos dous principais centros galegos da Arxentina.
"Esta homenaxe e a existencia mesma destes centros son a proba de que non só non se perde a memoria, senón que se acentúa no exterior", destacou Noval.
Coa deste ano, son xa un total de 69 homenaxes incluíndo o deste ano, celebrado no vestíbulo de acceso ao Centro Gallego, na avenida Belgrano, xunto ao busto do rianxeiro que preside a entrada á histórica entidade. Houbo música tradicional galega e a interpretación por parte de Ángeles Rubial dunha versión de Lela. Todo no mesmo lugar onde se leva a cabo este tributo desde 1984, data na que os restos de Castelao foran trasladados, con fonda polémica, ao Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval.
Por primeira vez en 70 anos, un representante do Estado español na Arxentina, o cónsul adxunto en Bos Aires, acudiu á homenaxe a Castelao
Logo de moitos anos de homenaxes no panteón que o CGBA ten no cemiterio da Chacarita, onde fora enterrado Castelao, e noutras entidades da emigración, será en 1974 cando, por primeira vez, se leve a cabo unha homenaxe diante do busto que Castelao ten no vestíbulo do Centro Gallego, colocado alí tres anos antes malia ser pensado orixinalmente para un espazo exterior. Naquel 1971 erguérase tamén outra estatua do político rianxeiro na praza que leva o seu nome, na esquina da Avenida Independencia coa rúa Bernardo de Irigoyen.
En 1978 celébrase por primeira vez un acto na plazoleta Castelao e outro no panteón, que será sede das homenaxes ata 1983. Será a última vez que se celebre alí, por razóns obvias, logo de que os restos do rianxeiro fosen trasladados a Galicia
Desde aquela, todas as homenaxes tiveron lugar diante do busto do vestíbulo do CGBA, na avenida Belgrano, a mesma rúa na que residira Castelao na Arxentina, uns 500 números máis arriba. Convocado pola propia entidade, e entre 2013 e 2018 polos inteventores, a diáspora rende homenaxe ao “guieiro” ou ao “inmorredoiro”, denominación que loce no cuarto 202, onde faleceu, case intacto desde o seu pasamento e sede dun pequeno museo con obxectos e obras do escritor e político.