O 7 de xaneiro de 1950, no cuarto 202 do hospital do Centro Gallego de Bos Aires (CGBA), falecía Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. No exilio, na quinta provincia galega, morría o escritor, debuxante, político e galeguista histórico, un símbolo que a cada inicio de ano é lembrado no país pero que é venerado con devoción na diáspora. Na capital arxentina, un acto réndelle homenaxe cada día despois de Reis, de maneira ininterrompida desde aquel cabodano de 1951.
Cada 7 de xaneiro, desde o cabodano de 1951, a colectividade galega e galeguista de Bos Aires homenaxea a Castelao
Un total de 68 homenaxes incluíndo o deste ano, celebrado no vestíbulo de acceso ao Centro Gallego, na avenida Belgrano, xunto ao busto do rianxeiro que preside a entrada á histórica entidade. Houbo discurso do presidente, Ramón Suárez, música tradicional galega e a interpretación por parte do coro da entidade dos himnos galego e arxentino. No mesmo lugar onde se leva a cabo seguido este tributo desde 1984, data na que os restos de Castelao foran trasladados, con fonda polémica, ao Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval.
Antes, foi noutro panteón, o que o Centro Gallego ten no cemiterio da Chacarita, onde se levou a cabo o acto –con outros paralelos a el ou non-- desde que o 7 de xaneiro de 1951, no cabodano da súa morte, Castelao fora homenaxeado con discursos de Javier Vázquez Iglesias, presidente da institución e recoñecido empresario galego na Arxentina, e Xavier Bóveda, xornalista, escritor e membro da Comisión de Cultura.
"É o acontecemento máis importante do ano para a colectividade galega, a homenaxe ao galego máis extraordinario"
É, segundo aclara Ramón Suárez, “o acontecemento máis importante do ano” para a colectividade galega da Arxentina porque supón render culto “ao galego máis extraordinario da historia, ao inmortal guieiro do pobo galego”. Éo, ademais, malia que “morrer en Bos Aires un 7 de xaneiro non é boa cousa”, como explica con retranca para lembrar que o primeiro mes do ano é “o principal das vacacións no país, sen actividades culturais nas entidades e festivo xudicial”. Con todo, advirte, nunca faltou o tributo ao “irmán Daniel”.
Fíxose sempre desde que naquel comezo de 1950 os milleiros de galegos que vivían na capital arxentina recibiron a noticia do pasamento de Castelao. Dous días despois celébrase un enterro que, di Suárez, aínda é lembrado por ser, posiblemente, o máis concorrido dun persoeiro non arxentino en Bos Aires, a excepción do de Carlos Gardel, uruguaio de nacemento pero porteño universal.
O seu féretro foi trasladado a ombros desde o Centro Gallego ata a porta do Centro Orensano, ao que máis asiduo era Castelao. Desde os balcóns, as mulleres tiraron e cubriron de flores o féretro onde, ademais do cadáver embalsamado, había tamén terra traída desde Galicia. Doce carrozas a cabalo e cheas de coroas seguían outra co ataúde, que foi acompañada por unha multitude nas rúa e outra que ateigou o cemiterio.
Os históricos galeguistas Bieito Cupeiro e Rodolfo Prada foron os oradores na homenaxe celebrada no segundo aniversario do pasamento
Doce meses despois, no cabodano de 1951, ademais da homenaxe no panteón, houbo xa outros dous actos organizados polos centros de Ourense e de Betanzos. No ano seguinte, excepcionalmente, o acto celebrouse o 6 de xaneiro, organizado por unha comisión intersocietaria que integraban varias entidades emigrantes, ademais da Federación de Sociedades Gallegas (FSG) e a Irmandade Galega. Falaron Bieto Cupeiro, histórico nacionalista e compañeiro de Castelao, e Rodolfo Prada, íntimo do rianxeiro, con quen mantivo unha intensa e histórica correspondencia e quen escribiu e rematou un dos seus últimos discursos, estando xa o líder nacionalista gravemente enfermo e encamado.
O CGBA adheriuse a aquel acto e mandou unha coroa de flores, como as que levan os galegos que seguen a acudir á homenaxe nestes tempos na súa man para render culto a Castelao, malia as vacacións e as viaxes habituais destas datas.
Desde aquel cabodano, e ata 1959, o acto realizouse sempre no panteón da Chacarita. En 1960, no décimo aniversario da súa morte, unha Comisión de Homenaxe integrou os centros coruñés, lucense, ourensán, pontevedrés ou betanceiro, ademais da FSG e a Irmandade Galega, para uns actos que duraron máis dunha semana. Houbo exposición de debuxos no Centro Orensano e unha homenaxe floral e oración laica no vestíbulo do CGBA, o lugar onde se levara a cabo o velorio e á mesma hora do pasamento. Tamén unha mostra literaria, unha lectura d’Os vellos non deben de namorarse no Centro Lucense, un tributo no panteón, unha ofrenda floral no monumento que o autor ten no Centro Pontevedrés ou un acto cívico no Teatro Argentino, no que en 1948 pronunciara o histórico Alba de Groria.
No décimo aniversario da morte, a homenaxe durou unha semana; houbo exposicións, mostra literaria, ofrendas florais ou actos cívicos
Nos 60 e ata mediados dos 70, o panteón do Centro Gallego acolleu cada mes de xaneiro a homenaxe, que foi compartida con outros actos como os celebrados varios anos no Teatro Castelao, onde médicos galegos do hospital rendían o seu tributo en forma de discursos.
Será en 1974 cando, por primeira vez, se leve a cabo unha homenaxe diante do busto que Castelao ten no vestíbulo do Centro Gallego, colocado alí tres anos antes malia ser pensado orixinalmente para un espazo exterior. Naquel 1971 erguérase tamén outra estatua do político rianxeiro na praza que leva o seu nome, na esquina da Avenida Independencia coa rúa Bernardo de Irigoyen.
En 1975, o día 5 oficiouse unha misa en galego por parte do cura Luís Villamarín Saavedra e o 7 volvéronse repetir as ofrendas e os discursos diante do busto. En 1978 celébrase por primeira vez un acto na plazoleta Castelao e outro no panteón, que será sede das homenaxes ata 1983. Será a última vez que se celebre alí, por razóns obvias, logo de que os restos do rianxeiro fosen trasladados a Galicia.
Outro acto, o día 12, renderá homenaxe a Castelao na praza que leva o seu nome en Bos Aires
Desde entón, todas as homenaxes tiveron lugar diante do busto do vestíbulo do CGBA, na avenida Belgrano, a mesma rúa na que residira Castelao na Arxentina, uns 500 números máis arriba. Convocado pola propia entidade, e desde 2013 polos inteventores, no ano pasado e neste foron “galeguistas autoconvocados” os que chamaron a render homenaxe ao “guieiro”, como adoita a denominalo a colectividade emigrante, ou o “inmorredoiro”, denominación que loce no cuarto 202, onde faleceu, case intacto desde o seu pasamento e sede dun pequeno museo con obxectos e obras do escritor e político.
Ademais do acto deste luns 7, o vindeiro 12 terá lugar outro en Bos Aires, convocado pola Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina. Será na praza Castelao, xunto ao seu busto, no mesmo lugar onde unha placa lembra a fundación do club Atlanta, histórico rival do Chacarita, equipo fundado ao pé do cemiterio onde repousou o líder galeguista. Calquera pode chegar en metro. Nesa plazoleta Castelao hai unha boca de entrada a unha das estacións da liña C do subte de Bos Aires: a estación Independencia.