En 1946 o goberno dos Estados Unidos que presidía Harry Truman reformaba a súa estrutura militar e de intelixencia para adaptala ao mundo posterior á II Guerra Mundial. Mentres o seu gabinete ultimaba a lei que, un ano despois, daría lugar á súa Axencia Central de Intelixencia, a espionaxe estadounidense seguía a realizar seguimentos por todo o mundo baixo o mando do Grupo Central de Intelixencia (coñecido na altura pola sigla CIG), herdeiro da Oficina de Servizos Estratéxicos (OSS) e xermolo da CIA. Entre os múltiplos obxectivos dos seguimentos daquel grupo estaban os grupos da oposición antifranquista e o goberno da II República Española no exilio, recomposto en 1946 en París con incorporacións como a de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, episodio sobre o que a intelixencia estadounidense pechou un informe en xaneiro de 1947.
A CIA vén de publicar na súa web un repositorio de máis de 12 millóns de páxinas de informes desclasificados dende finais do século pasado, moitos dos cales ata agora só podían ser consultados presencialmente no Arquivo Nacional dos EUA. Entre eles atópanse informes de intelixencia considerados confidenciais ata 1999 como o que recolle as "declaracións realizadas a finais de novembro de 1946 por un líder do Partido Galeguista" non identificado, a partir das cales é trazado un bosquexo da "atmosfera política" da oposición á ditadura e mais das "aspiracións nacionalistas galegas", ademais dun breve relato do goberno republicano no exilio presidido por José Giral.
A CIA vén de publicar en internet documentos desclasificados dende 1999, entre eles un informe sobre a incorporación de Castelao ao goberno da República no exilio a partir do relato dun "líder" do Partido Galeguista
O informe comeza describindo o panorama xeral de España media década despois da fin da guerra. "Hai unanimidade sobre dúas cousas: o desexo de derrocar a Franco e aos seus satélites" e "exasperación" pola actitude "dos persoeiros republicanos no exilio". O sentimento de "rancor" e amargura contra "o trío que apoia a Franco", isto é, "exército, xerarquía eclesiástica e Falange, unidas no medo de perder o gañado" tras o golpe, "é o mesmo que contra o trío formado por [José] Giral, [Indalecio] Prieto e [Juan] Negrín", di o informe, toda vez que os dirixentes republicanos "están en desacordo, malia a todo o que teñen que perder por mor da súa desunión". "Se o pobo se pode liberar dos primeiros", os franquistas, "non quere caer nas mans dos segundos", conclúe.
Entre a descrición da "estupidez neglixente e imperdoable" dos republicanos e o aproveitamento que, di o informe, estaba a realizar da miseria española o goberno do Reino Unido, o relato pasa a centrarse na situación do Partido Galeguista, "a primeira forza que espertou en Galicia despois da guerra e, actualmente, o grupo máis disciplinado". O PG, indica, estaba a "chegar a acordos con outras organización antifranquistas en Galicia" pero "sen tecer alianzas" estables con elas, xa que a súa "confianza" continuaba depositada "no pacto Galeuzca" con vascos e cataláns. "Os galegos dentro de España -engade- observan con mágoa que o Partido Galeguista non estea organizado no estranxeiro".
O nomeamento de Castelao
Sempre segundo o documento desclaisfiicado pola CIA, os dirixentes do PG no interior foron os "responsables, en boa medida, do nomeamento de Castelao como ministro galego no goberno republicano no canto de alguén do interior". "O secretario político do partido [Ramón Piñeiro, ao que o informe non menciona] foi a Francia e foi quen propuxo a Castelao para o posto". "Desafortunadamente -engade- esta viaxe do secretario político rematou coa súa detención e a doutros dous líderes do partido" ao seu regreso. "Estes homes -informa- permanecen na prisión de Alcalá de Henares, onde imparten en segredo calses de lingua galega e se esforzan en que os seus compañeiros se interesen na causa da autonomía galega".
O informe detalla, sen nomealo, a viaxe de Ramón Piñeiro a Francia e as instrucións que o comité executivo do PG transmite a Castelao
A "declaración" do líder galeguista non identificado recollida pola intelixencia estadounidense finaliza cunha reflexión sobre aspectos que Castelao debería, di, ter en conta no seu labor como ministro do gabinete republicano exiliado. "Aínda que representa a todos os galegos, non debería esquecer que está en débeda co Partido Galeguista polo seu nomeamento". Nesta liña, detalla, van as "resolucións aprobadas polo comité executivo do partido e transmitidas ao ministro", tales como que Castelao debería recoñecer a "autoridade" do comité executivo e render contas ante el, "esforzarse por obter dos galegos de América medios económicos para a expansión do partido e axudar os seus membros encarcerados", así como "estudar os medios para organizar unha delegación do partido en París para dirixir a política galega no exilio".
Este traballo, indica, debería ser realizado por Castelao en colaboración con outros galeguistas exiliados, entre os que cita a Juan José Pla e Isolina Rocha, "os primeiros galegos no exilio en recoñecer a autoridade do comité executivo. "Actualmente -informa- traballan de acordo coas directivas do partido". A actitude de ambos decepcionara fortemente a Castelao, tal e como declararía e escribiría anos despois, tras regresar á Arxentina despois da caída do goberno Giral, a comezos de 1947.
Intento de boicot de Izquierda Republicana
O informe de intelixencia dos EUA recolle unha "campaña" de Izquierda Republicana contra a presenza galega no goberno Giral
Ademais de relatar a incorporación ao goberno republicano no exilio, un episodio histórico controvertido de seu e descrito polo propio Castelao nunha carta a Rodolfo Prada editada en 2006 pola Fundación Bautista Álvarez -a actitude dos piñeiristas, lamenta, "dá pé para que os nosos nemigos sigan decindo eiquí o que sempre dixeron: que Galiza non sinte a necesidade da autonomía e que eu non representaba máis que o desexo d-unha minoría insiñificante"-, a intelixencia estadounidense detalla tamén a oposición á representación galeguista no breve goberno Giral. Eses obstáculos foran guindados, di o informe, polo partido Izquierda Republicana.
A dirección desta formación iniciara "pouco despois do nomeamento de Castelao" unha "campaña contra" o PG. Así, Izquierda Republicana enviara a París unha carta ao goberno exiliado. Nela reivindicábase como a "organización antifranquista máis forte en Galicia" e considerando que "a designación dun ministro galego estaba inxustificada" e o PG, "extinto".