Nos planos do contrato asinado polo Grupo BASA e o Centro Gallego (CGBA) para a cancelación da débeda da institución e a venda da súa emblemática sede, un recadro verde sinala con rotulador un pequeno espazo do segundo andar. É unha das partes do edificio que manterá para “o seu uso e goce” a entidade da emigración galega, obrigada tamén ao seu “coidado e seguridade”. É o cuarto 202 do sanatorio, onde faleceu e pasou os seus últimos días Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha habitación que se mantén desde aquel xaneiro de 1950 practicamente inalterable e como pequeno museo e homenaxe ao ensaísta, político, debuxante e figura transcendental da historia de Galicia e do galeguismo.
O contrato entre BASA e o Centro Gallego aclara que varios espazos, entre eles o cuarto onde morreu Castelao, serán "para uso e goce" permanente da institución da emigración
O Centro Gallego mantén baixo a súa xestión as áreas identificadas como banquito no inmoble que acabará en mans do Grupo BASA, “con ingreso independente sobre a Avenida Belgrano 2133 (con dúas oficinas no entrechán), Presidencia localizada no primeiro andar con acceso por Belgrano 2145, Biblioteca e Librería situadas na planta baixa e Teatro Castelao”, segundo o contrato ao que tivo acceso a este diario. Tamén “a habitación de deceso do doutor Castelao”.
O mantemento en mans da emigración do importante legado cultural e histórico que garda o Instituto Argentino de Cultura Gallega no CGBA foi sempre un dos obxectivos das diferentes agrupacións da entidade, ademais de garantir a asistencia sanitaria dos 3.000 socios que aínda quedan. A quebra –unha posibilidade que foi moi factible durante os últimos meses-- supuña poñer en risco, por exemplo, medio cento de esculturas e estatuas, máis de cen pinturas de Seoane, Colmeiro, Castelao ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes centrados no país, un teatro histórico de 400 butacas, un inxente arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Blanco Amor e Cunqueiro.
O Centro Gallego mantén un importante patrimonio, con pinturas de Seoane ou Castelao, unha biblioteca, un teatro, un arquivo fotográfico ou unha fonoteca
A mutual Centro Gallego mantén, xa que logo, todos eses espazos mentres o Grupo BASA xestiona a atención sanitaria e se fai coa propiedade do emblemático edificio construído pola diáspora galega en Bos Aires hai un século. O contrato asinado a pasada semana aclara tamén que a entidade máis importante da emigración galega manterá a titularidade sobre esas áreas ou o cuarto de Castelao mesmo se o dono decide vender o inmoble posteriormente a outra empresa ou persoa.
“No caso de que os espazos outorgados [...] sexan requiridos para uso do Centro Gallego, o administrador e/ou persoa que el designe para adquirir o inmoble outorgará en comodato os devanditos espazos”, di o contrato, que aclara que “o dereito de uso non concluirá coa perda da titularidade do dominio por parte do administrador e/ou a persoa que se designe”. “Este dereito de uso por parte do Centro Gallego deberá transmitirse ao novo dono”, engade.
O contrato especifica que calquera outro posterior comprador do edificio nun futuro deberá manter o "dereito de uso" dos espazos do Centro Gallego para a emigración
Alén disto, o contrato especifica tamén que o novo administrador recadará a cota dos asociados, de cuxo montante total deberá transferir cada inicio de mes o 10% ao Centro Gallego como achega para o mantemento dos espazos cedidos e para o funcionamento da mutual. A cantidade, no entanto, non será dabondo para o “coidado, seguridade, uso e goce” de todo o patrimonio por parte do CGBA, que xa advertiu da necesidade de axuda das administracións, tamén das galega e española.
Ao tempo, o Grupo BASA tamén se compromete no acordo a “dar o apoio necesario para que o Centro Gallego realice toda as xestións suficientes para acadar a recuperación dos seus dereitos na Obra Social Ospaña e a recuperación e desenvolvemento dos outros servizos mutuais que poidan ampliar os seus ingresos”.
A perda do edificio máis dun século despois
A emigración galega deixa de xestionar o seu hospital 112 anos despois de que se fundase o histórico Centro Gallego, que chegou a superar os 100.000 socios e onde naceron ou foron atendidos milleiros de descendentes de galegos. Ante a posibilidade de quebra, e da perda mesmo de todo o patrimonio cultural, os asociados optaron pola cesión da xestión durante 30 anos e a posibilidade de perder un edificio emblemático. A condición unánime era a de manter o control sobre todas as pezas históricas e todo o legado.
Fundado en 1907, e logo de varias mudanzas en dez anos, o Centro Gallego adquiriu en 1917 o inmoble no que se empraza hoxe, na avenida Belgrano, en pleno centro bonaerense. Foron necesarios máis de 100.000 pesos, conseguidos grazas a unha subscrición popular entre a diáspora. Un ano despois comezou a obra que rematou en maio de 1920. Case un século despois, a emigración perde os seus dereitos sobre el.
Pero a sede foi aumentando coa adquisición de inmobles contiguos. O Centro contaba nos seus inicios con 5.000 socios, pero a cifra foi imcrementándose ao tempo que o facían as doazóns nas colectas e festivais para completar un edificio de 34.000 metros cadrados.
A obra rematou e foi inaugurada en 1941, logo de que anos antes, para a colocación da primeira pedra do Edificio Social, emigrantes trouxesen terra das catro provincias galegas. O número de asociados era xa de 70.00, que chegou nos 50 aos 120.000 asociados que gozaban dunha asistencia sanitaria envexada en toda a Arxentina.