Feijóo ignora na súa viaxe á Arxentina o Centro Gallego que vén de salvar o histórico legado da emigración

Feijóo, cos participantes do Conecta con Galicia 2019, en Bos Aires © Xunta

No Nadal de 2017, o Centro Gallego de Bos Aires (CGBA) celebraba unha asemblea de socios que activaba as negociacións para a venda da súa histórica sede e da xestión sanitaria. Logo de sete anos intervida polo Estado arxentino e cunha xigante débeda, a máis importante institución da emigración galega asomábase ao precipicio da quebra, viu como se ía desmantelando o hospital e mantiña impagos con centos de traballadores. 

Daquela, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reaccionaba asegurando que o Goberno galego estaba xa "traballando" e "valorando" como se podía "preservar" o importante patrimonio histórico e cultural galego que garda o CGBA. Ano e medio despois, o pasado maio, e logo de ducias de xuntanzas e atrancos, o Centro evitaba a temida creba, mantendo a atención sanitaria e salvando o legado da emigración, pero quedando sen a súa emblemática sede máis de cen anos despois. 

Feijóo non incluíu o Centro Gallego na axenda da viaxe institucional á Arxentina malia que vén de salvar o seu legado tras anos de crise e risco de quebra

O Grupo BASA asumía a xestión da entidade sanitaria con opción de compra do inmoble durante 30 anos, comprometéndose a cancelar as débedas e asumindo todos os impagos. A mutual do CGBA quedou con todo o espazo non sanitario do que dispoñía, a histórica sala de xuntas e a sede do Instituto Arxentino da Cultura Galega, pero tamén o cuarto onde faleceu Castelao, o teatro, o edificio situado en Valentín Alsina e o gran panteón galego no cemiterio da Chacarita. Salvou o seu legado malia as queixas que desde a presidencia da institución se ergueron contra o desleixo e inacción da Xunta. Todo un legado que virou en eterno dentro do histórico edificio

O pasado domingo, tan só uns meses despois do acordo, Feijóo iniciou unha viaxe institucional de varios días á Arxentina na que non incluíu visita ningunha ao Centro Gallego nin xuntanza coa directiva recentemente elixida, o que provocou a indignación dos seus dirixentes. 

Edificio do Centro Gallego de Bos Aires © Google

"Como presidente electo do Centro Gallego, nin eu nin a intervención residual recibimos ningunha mostra dun posíbel interese da contorna presidencial por achegarse polo menos para facer unha visita", di Ramón Suárez, máximo dirixente do CGBA, que considera "unha mágoa" que Feijóo "non tivese tempo ou interese en visitar o emblema máis importante da diáspora galega". 

"Nin eu, como presidente electo, nin a intervención recibimos ningunha mostra dun posíbel interese de Feijóo por achegarse polo menos a facer unha visita", di Suárez

Fontes do Centro van máis aló nas críticas e advirten de que "nunca" desde a Xunta se preocuparon nos últimos meses pola crise e grave risco que pasou a entidade e lamentan que que "nin tan sequera agora, nun momento idóneo", o presidente acudise a ver o resultado do acordo co Grupo BASA e a situación no que quedou todo o legado histórico e cultural, "perfectamente a salvo". 

Entre todo este patrimonio, medio cento de esculturas e estatuas, máis de cen pinturas de Seoane, Colmeiro, Castelao ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes centrados no país, un teatro histórico de 400 butacas, un inxente arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Blanco Amor e Cunqueiro.

"Doe que Feijóo si asista á inauguración da nova sede da obra social Ospaña, da que a petición da propia Xunta fora excluída o CGBA. A obra social Ospaña foi creada hai 13 anos para soster economicamente o Centro Gallego", lembra Suárez, que advirte que a institución "presta xa atención sanitaria plena aos asociados". 

"Cos gobernos de Manuel Fraga ou de Pérez Touriño, a ningún presidente se lle ocorría pasar por Bos Aires e non visitar o Centro Gallego"

"Cos gobernos de Manuel Fraga ou de Pérez Touriño, a ningún presidente se lle ocorría pasar por Bos Aires e non visitar o Centro Gallego", insisten outras fontes dunha institución con máis de 110 anos de historia e que chegou a superar os 120.000 asociados. 

Desde a Xunta, preguntada pola posibilidade de que Núñez Feijóo acuda finalmente ao CGBA, remítense á axenda oficial, na que non está prevista ningunha visita á institución. Si houbo actos no centro galego de Comodoro Rivadavia, reunións con dirixentes políticos da provincia de Chubut ou co propio presidente arxentino, Mauricio Macri; así como numerosos actos institucionais e culturais, unha visita ao Instituto Argentino Gallego Santiago Apóstol e a participación no acto conmemorativo da 30 edición do programa Conecta con Galicia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.