O Centro Gallego perde tras un século a súa histórica sede en Bos Aires pero mantén o patrimonio cultural

Centro Gallego de Bos Aires CC-BY-SA Praza Pública

No Nadal de 2017, o Centro Gallego de Bos Aires celebraba unha asemblea de socios que activaba as negociacións para a venda da súa histórica sede e da xestión sanitaria. O grupo español Ribera Salud era o principal interesado na emblemática institución da emigración galega, que leva sete anos intervida polo Estado arxentino, acumula unha xigante débeda, asomouse ao precipicio da quebra, viu como se ía desmantelando o hospital e mantén impagos con centos de traballadores. 

O Centro Gallego evita a súa quebra cedendo a xestión sanitaria ao grupo BASA, que se compromete a pagar todas as súas débedas e ten a opción de quedar coa emblemática sede

Ano e medio despois, e logo de ducias de xuntanzas e atrancos, o CGBA atopa por fin unha solución que evita a temida creba, mantén a atención sanitaria aos socios que aínda quedan e salva o importante patrimonio histórico e cultural de Galicia e da súa emigración que a entidade garda desde hai décadas. Pero queda, con case total seguridade, coa súa emblemática sede. 

O Centro Gallego asinou este pasado martes co grupo BASA (Buenos Aires Servicios de Salud) o contrato de xerencia da entidade sanitaria por un período de cinco anos con posibilidade de extendelo a 30, con opción de compra do emblemático edificio erguido por milleiros de emigrantes que formaron parte dunha institución con 112 anos de historia. 

Fachada do Centro Gallego, en Bos Aires © CGBA

O acordo foi aprobado por unanimidade na asemblea extraordinaria celebrada no Teatro Castelao. Nel aclárase que BASA asumirá o pagamento de todas as débedas do Centro Gallego, que segundo o responsable do grupo, Roberto Olmos, ascende a uns 2.000 millóns de pesos, uns 40 millóns de euros. Será cando se vaian cancelando os pasivos cando o inmoble poderá ser transferido ao grupo sanitario, que ten o dereito "exclusivo e irrevogable" durante eses 30 anos de adquisición da propiedade e que poderá "exercerse parcialmente en etapas". 

O grupo BASA asumiu este pasado mércores xa a xestión do hospital e anunciou que a primeira medida sería “pagar os salarios deste mes” para logo “poñerse ao día cos traballadores do Centro, uns 300 empregados, mediante un plan de pago”. “A nosa prioridade é restablecer o máis axiña posible os servizos do centro hospitalario”, insistiu Olmos, que anunciou a chegada de equipamento médico a unha entidade “practicamente desmantelada” e con medios “obsoletos”. Ademais, os socios que aínda quedan na institución –uns 3.000-- poderán ser xa atendidos en calquera dos 18 centros que o grupo ten na Arxentina.

A mutual do Centro Gallego cede a xestión da entidade sanitaria pero controlará o labor do grupo BASA e conserva, segundo os termos do contrato ao que puido acceder este diario, o dereito de "uso e goce" do primeiro andar do edificio e dun espazo con entrada independente. É alí onde está a histórica sala de xuntas e a sede do Instituto Arxentino da Cultura Galega, pero tamén mantén será o encargado do cuarto onde faleceu Castelao, o teatro, o edificio situado en Valentín Alsina e o gran panteón galego no cemiterio da Chacarita, sendo tamén responsable do seu "coidado e seguridade".

A entidade dos emigrantes mantén o dereito de "uso e goce" do primeiro andar, do panteón da Chacarita ou do cuarto onde faleceu Castelao e mantén todo o patrimonio histórico e cultural

O Instituto Arxentino da Cultura Galega, fundado en 1969 e continuador da antiga Comisión de Cultura, ocúpase da difusión da cutlura galega e da custodia do patrimonio cultural da institución. Porque o CGBA garda, por exemplo, medio cento de esculturas e estatuas, máis de cen pinturas de Seoane, Colmeiro, Castelao ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes centrados no país, un teatro histórico de 400 butacas, un inxente arquivo fotográfico ou unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Blanco Amor e Cunqueiro.

Homenaxe a Castelao no Centro Gallego © Galegos na Diáspora

A emigración galega deixa de xestionar o seu hospital 112 anos despois de que se fundase o histórico Centro Gallego, que chegou a superar os 100.000 socios e onde naceron ou foron atendidos milleiros de descendentes de galegos. Ante a posibilidade de quebra, e da perda mesmo de todo o patrimonio cultural, os asociados optaron pola cesión da xestión durante 30 anos e a posibilidade de perder un edificio emblemático. A condición unánime era a de manter o control sobre todas as pezas históricas e todo o legado. 

A emigración galega deixa de xestionar o seu hospital 112 anos despois de que se fundase o Centro Gallego e case un século despois de inaugurar a súa sede

Fundado en 1907, e logo de varias mudanzas en dez anos, o Centro Gallego adquiriu en 1917 o inmoble no que se empraza hoxe, na avenida Belgrano, en pleno centro bonaerense. Foron necesarios máis de 100.000 pesos, conseguidos grazas a unha subscrición popular entre a diáspora. Un ano despois comezou a obra que rematou en maio de 1920. Case un século despois, a emigración perde os seus dereitos sobre el. 

Pero a sede foi aumentando coa adquisición de inmobles contiguos. O Centro contaba nos seus inicios con 5.000 socios, pero a cifra foi imcrementándose ao tempo que o facían as doazóns nas colectas e festivais para completar un edificio de 34.000 metros cadrados. A obra rematou e foi inaugurada en 1941, logo de que anos antes, para a colocación da primeira pedra do Edificio Social, emigrantes trouxesen terra das catro provincias galegas. O número de asociados era xa de 70.00, que chegou nos 50 aos 120.000 asociados que gozaban dunha asistencia sanitaria envexada en toda a Arxentina.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.