Centro Gallego: a gran 'casa' da emigración na Arxentina deixa de ser galega cen anos despois

Inauguración do Sanatorio Social a mediados dos anos 30 © CGBA

Medio cento de esculturas e estatuas, máis dun cento de pinturas de Castelao, Seoane, Colmeiro ou Maside, unha biblioteca de 20.000 volumes centrados en Galicia, un teatro histórico de case 400 butacas, un enorme arquivo fotográfico, unha fonoteca con discursos de Otero Pedrayo, Cunqueiro ou Blanco Amor... Todo ese patrimonio artístico e cultural da emigración -e moito máis- garda o Centro Gallego de Bos Aires (CGBA), cuxa asemblea aprobou este pasado luns iniciar as negociacións para a venda do seu histórico edificio ao grupo español Ribera Salud. Nada volverá ser o mesmo no maior símbolo, xunto ao da Habana, da diáspora galega no mundo. Esa que, representada nos seus socios e representantes máis veteranos, loita por salvar o seu legado histórico dunha operación que deixaría en mans da empresa sanitaria e da Fundación Favaloro un hospital de 60 salas de consulta, seis quirófanos e máis de 500 camas. Para concretala, poñen como condición que sexa a asociación mutual do CGBA quen quede "gratuitamente e a perpetuidade" con todas esas outras dependencias que acollen toda a historia dun país e da súa quinta provincia. 

Unha homenaxe a Pascual Veiga en 1906 impulsou a creación do Centro Gallego, fundado en maio do ano seguinte

Nela, xusto cando se cumpren 110 anos da primeira interpretación do himno galego na Habana, celebrouse a finais de 1906 unha homenaxe ao seu autor, Pascual Veiga, falecido e daquela coñecido pola súa Alborada Gallega. Un artigo xornalístico sobre aquel acto mobilizou a colectividade galega, que xuntou representantes de varias asociacións para asinar a acta de fundación do Centro Gallego, en maio de 1907. 

Durante aquel verán, o CGBA sitúase nun local da rúa Estados Unidos, aproba os seus estatutos, elixe o seu primeiro presidente (Roque Ferreiro), imparte as primeiras clases de alfabetización, crea unha oficina de traballo, comeza coa asistencia sanitaria e publica o primeiro número dunha revista mensual, Región Galaica, que co nome de Galicia chega aínda até os nosos días. Logo de varias mudanzas en dez anos, en 1917 adquírese o inmoble no que se empraza hoxe, na avenida Belgrano, en pleno centro bonaerense. Foron necesarios máis de 100.000 pesos, conseguidos grazas a unha subscrición popular entre a diáspora. Un ano despois comezou a obra que rematou en maio de 1920. 

A actual sede, con sucesivas ampliacións, foi adquirida pola entidade da emigración galega hai cen anos: inaugurouse en 1920 e completouse até 1941

Pero a sede foi aumentando coa adquisición de inmobles contiguos. O Centro contaba nos seus inicios con 5.000 socios, pero a cifra foi imcrementándose ao tempo que o facían as doazóns nas colectas e festivais para completar un edificio de 34.000 metros cadrados. A obra rematou e foi inaugurada en 1941, logo de que anos antes, para a colocación da primeira pedra do Edificio Social, emigrantes trouxesen terra das catro provincias galegas. O número de asociados era xa de 70.000. 

Centrado ata daquela, fundamentalmente, na atención sanitaria, laboral e social dos emigrantes, a partir de mediados da década dos 40 o CGBA aposta con forza pola difusión da cultura e da historia de Galicia, converténdose tamén en refuxio de figuras exiliadas ou fuxidas do franquismo e antes da guerra civil. Dieste, Otero Pedrayo ou Castelao adoitan escribir na revista Galicia, que tivo de directores figuras como Seoane ou Blanco Amor. Tamén alí naceu a idea das Mocedades Galeguistas que varios mozos emigrados fundarían en 1953. 

Nos 50, con 500 médicos e máis dunha ducia de ambulancias para asistencia a domicilio, o Centro alcanzou os 120.000 socios

Naqueles anos 50 o CGBA chegou a alcanzar os 120.000 socios que gozaban dunha asistencia sanitaria envexada en toda Arxentina. Tamén a gozou Castelao, ata que faleceu no cuarto 202 dun sanatorio que mantén o espazo case como cando morreu a figura histórica do nacionalismo. Miles de fillos de galegos naceron alí, onde traballaban máis de 500 médicos e técnicos de saúde.Había máis dunha ducia de ambulancias con todos os medios para a atención a domicilio e un millonario orzamento do que abondaba o 2% dedicado á cultura para converterse nun referente tamén nese ámbito. Era a Casa de todos os galegos, dos como mínimo 600.000 que se asentaron na Arxentina no século que vai desde 1857 até 1960.  

Emigrantes ás portas do Centro Gallego, na avenida Belgrano de Bos Aires / © CGBA

Ao cumprírense o 50º aniversario do Centro, a diáspora homenaxea nel a María Casares. Son múltiples e variados os actos culturais durante anos que, por pór un exemplo, logran reunir nun certame a Jorge Luis Borges e Álvaro Cunqueiro en 1967. Cada mes de xullo persoeiros galegos acudían á avenida Belgrano para falar de Galicia: Otero Pedrayo, García-Sabell, Fernández del Riego, Paz Andrade ou Sebastián Martínez Risco, entre outros.

A Lei de Obra Social de 1970 universaliza a cobertura social na Arxentina e inicia o declive da mutualidade galega

O CGBA chega ao cumio en 1970 e celebra as súas eleccións máis importantes, nas que votaron 20.000 socios e de onde saíu elixido como presidente Eduardo Sánchez Miralles. Tan só catro anos despois, a Dirección de Mutualidades arxentinas considera o Centro como a entidade mutual máis completa do país ante a magniutde dos servizos sociais e médicos que achega e tras a incorporación do servizo de aforro e préstamo. 

Pero aí comeza o seu declive. A aprobación da Lei de Obra Social na Arxentina universaliza a cobertura social e médica para todos os asalariados, o que provoca que accedan ás medicinas e á atención sanitaria sen necesidade de asociarse a mutualidades como a do CGBA. Ao tempo, a emigración galega a Latinoamérica é xa anecdótica e os socios antigos, aqueles que chegaron moito antes, son maiores e teñen maís problemas de saúde. Con menos afiliados, unha media de idade máis alta e o lóxico encarecemento dos tratamentos, o futuro comeza a escurecer.  

Coa chegada dos 90, as asociacións políticas deciden repartir por quendas a presidencia cada catro anos

En 1989 o CGBA incorpórase ao sistema de residencias médicas, mediante un convenio coa Facultade de Ciencias Médicas, e en 1990, a Xunta concédelle a Medalla de Ouro polo seu labor na emigración. Anos despois, o Concello de Bos Aires descobre unha placa na fachada que destaca o lugar como a Esquina Porteña de la Galleguidad Universal. Foi tamén o momento no que as agrupacións políticas nas que se divide a representación no Centro alcanzan un pacto para, durante 20 anos, repartirse a presidencia da institución: catro anos para cada asociación. É aí onde moitos ven un dos golpes definitivos. Mentres outras entidades mutualistas semellantes modernizan as súas instalacións e materiais médicos, a institución vaise estancando. "Non foi dirixida polos máis capaces, senón polos que colocaba cada grupo", di unha voz que participou na xestión durante anos. 

A crise arxentina únese á do Centro e a Xunta crea a Fundación Galicia Saúde para xestionar a entidade e axudar ante os problemas económicos

Coa chegada do novo século, e da grave crise arxentina, os problemas agrávanse. A Xunta crea a Fundación Galicia Saúde, integrada por membros do Goberno galego e do CGBA. Será quen xestione a área asistencial sanitaria da entidade desde 2003. Catro anos despois, ponse a andar Ospaña, a obra social destinada a solucionar os problemas de fondos coa achega do propio Centro, o Goberno de España, a Xunta a través da Fundación Galicia Saúde e a colaboración das autoridades arxentinas. As débedas medran, malia a achega de millóns de euros da Administración galega, e o número de socios cae. 

Feijóo chega a San Caetano e a polémica estoupa cando no outono de 2009 o Goberno galego presenta unha proposta de nova xestión para facer fronte ao importante déficit. Foi un intento por privatizar o CGBA e unha actitude por parte dos cargos públicos, en especial do daquela secretario xeral de Emigración, Santiago Camba, que os emigrantes cualificaron de "mafiosa e chantaxista".

A proposta supoñía que o grupo privado 3A Recoletas xestionase durante cando menos 13 anos o histórico centro da emigración coa axuda dunha importante subvención da Xunta de 3,1 millóns de euros anuais e para colaborar en paliar a difícil situación económica. A empresa limitaríase a achegar 8 millóns de euros a razón de 615.000 euros ao ano, mentres a emigración deixaba de xestionar o seu histórico hospital e a Administración galega de dirixir o proceso. Xa que logo, o Goberno galego poría case 28 millóns de euros fronte aos 8 da firma privada. A oposición dos socios paralizou aquela operación. 

Os intentos de privatización de Feijóo fracasan, celébranse eleccións e a Xunta e a obra social Ospaña retíranse do Centro Gallego

Logo de vinte anos sen eleccións, o Centro Gallego celebra a finais de 2010 uns novos comicios nos que vence Carlos Vello fronte a José Luis Seoane, candidato apoiado desde Galicia por Núñez Feijóo e presidente de Ospaña. Meses despois, disólvese a Fundación Galicia Saúde e Ospaña abandona o CGBA para converterse nunha obra social máis das moitas que hai en Arxentina e que funciona aínda con notable éxito e con moitos socios que mudaron os seus pagos. En 2012, e ante as dificultades económicas, a Administración arxentina intervén a entidade a través do INAES, Instituto Nacional de Asociativismo y Economía Social, que aínda se mantén na xestión. 

A intervención non solucionou os problemas, as débedas medraron e a falta de asistencia médica e os impagos aos traballadores son comúns. As diferenzas chegaron tamén ás asociacións políticas, que impugnaron as últimas eleccións, o que non impediu que nesta última asemblea consensuasen unha proposta común para poñer condicións á venda prevista. Entre elas, manter na propiedade da diáspora todo o legado histórico, artístico e cultural, manter o cadro de persoal nas mesmas condicións e "asumir a atención a perpetuidade dos socios actuais do GGBA" e co pago da mesma cota. Uns 5.000 asociados, moitos pendentes de atención, e outros, emigrantes galegos que aínda pagan desde hai décadas por puro sentimentalismo dun hospital que xa non será dos galegos un século despois. Queda por preservar o rico patrimonio, todo o material pero tamén o imaxinario colectivo dunha quinta provincia. Da outra gran cidade de Galicia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.