0 Gardados para despois

O Centro Gallego de Bos Aires activa a venda da súa histórica sede e da xestión sanitaria

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


O Centro Gallego de Bos Aires (CGBA) xa non volverá ser nunca o mesmo. Na asemblea extraordinaria celebrada este luns, os representantes acordaron por unanimidade autorizar o inicio das conversas para a próxima venda do histórico edificio e da xestión sanitaria ao grupo formado pola entidade española Ribera Salud e a Fundación Favaloro arxentina. Para levala a cabo, formarase unha comisión composta polos delegados das diferentes agrupacións políticas, que retrucaron ás condicións impostas polo grupo empresarial interesado esixindo, entre outras cousas, o pago de todas as débedas e o mantemento en mans da institución dos emigrantes de todo o importante patrimonio histórico-artístico que garda a sede dunha entidade con máis de 110 anos de historia. 

A asemblea acordou iniciar as conversas para a venda do edificio e da xestión sanitaria a Ribera Salud; a negociación durará un mes

Terán un mes de prazo os representantes da asemblea -serán seis, un por cada unha das organizacións políticas nas que historicamente se divide a representación do CGBA- para negociar coa empresa as condicións dunha venda que todos ven xa inevitable nunha entidade intervida polo Goberno arxentino desde hai cinco anos, cunha grave crise económica e asistencial e importantes débedas tanto a traballadores como acredores varios. A disxuntiva estaba ben clara na convocatoria da xuntanza, na que se aclaraba que se sometía a consideración a solicitude de quebra do Centro Gallego en caso de que non se aprobase a cesión da xestión e a venda do edificio no centro da capital arxentina ao grupo investidor.

Ao final, as negociacións -malia as diferenzas- dos diferentes grupos políticos permitiron que todas elas presentasen por unanimidade unha proposta ante o punto que pedía "considerar" a oferta realizada polo grupo Ribera Salud e a Fundación Favaloro. Os representantes botaron abaixo case todos os puntos da asemblea, incluídas todas as memorias económicas e o informe sobre a débeda actual do CGBA, para denunciar uns números que din non coñecer con exactitude e amosar o seu rexeitamento á xestión levada a cabo polos administradores nos últimos anos. "Suporía aprobar unha política que nos levou á situación na que estamos; se as cousas se tivesen feito de acordo ao espírito da institución, hoxe non estaríamos aquí", lembrou Aida Díaz, voceira da maoiría das agrupacións.  

As diferentes agrupacións na asembla acordaron por unanimidade presentar unha proposta coas condicións ante a futura venda

A asemblea -na que houbo 46 representantes e que durou unha hora- respondeu á proposta presentada por Ribera Salud coa súa aceptación a iniciar conversas, pero puxo tamén as súas esixencias. O grupo empresarial español, envolto en polémicas polo seu modelo público-privado aplicado sobre todo na Comunitat Valenciana, puxera como primeira condición a "adquisición do inmoble do Centro Gallego, debendo negociar o importe en base ao valor en libros revisable e prazo de pago". Ademais, aclarara que o inicio da actividade debía ser "libre de cargas e débedas de todo tipo, asumindo a nova sociedade a única responsabilidade sobre a xestión realizada por esta".

A asemblea esixe a Ribera Salud que asuma todo o persoal coas actuais condicións e a atención "a perpetuidade" dos socios do Centro

Os representantes da asemblea responderon este luns cunha proposta na que aclaran que a compradora deberá, entre outras cousas, asumir e contratar todo o persoal actual "respectando as súas condicións laborais, remuneración, antigüidade e cargo", así como "asumir a atención a perpetuidade dos socios actuais do GGBA, que terán dereito ás mellores prestacións e cobertura sanitaria" e asegurada a súa atención médica e que pagarán a mesma cota, á marxe dos aumentos que se fixen polas institucións. 

Fachada do Centro Gallego, en Bos Aires

Fachada do Centro Gallego, en Bos Aires / © CGBA

Respecto de todo o patrimonio cultural, histórico e artístico que garda o CGBA, Ribera Salud limitárase a dicir que ía "velar" por el e "potencialo". A asemblea foi clara e esixe que a empresa compradora "outorgue gratuitamente e a perpetuidade" á asociación mutual do Centro Gallego as dependencias do Teatro Castelao, a sala de sesións, presidencia e Ramón Otero Pedrayo e "todas aquelas destinadas a preservar o patrimonio histórico e cultural" como "a pinacoteca, biblioteca e demais obras de arte". Ademais, require que se permita o funcionamento da asociación nas instalacións, sendo esta sempre a propietaria e "quen defina no seu caso o destino definitivo" de todo o patrimonio, "non podendo trasladarse fóra da Arxentina"

A asemblea reclama que todo o patrimonio histórico-artística e as dependencias dos emigrantes queden nas súas mans "de balde e para sempre"

En canto ao histórico inmoble, a asemblea advirte de que Ribera Salud deberá "abonar o valor correspondente á cancelación de todos os pasivos actuais, futuros e/ou continxentes, debendo subrogarse as obrigas do CGBA e ocuparse da cancelación destas". Ante este punto, o interventor Martín Moyano avisou das dificultades de chegar a este acordo logo de que non se aprobasen oficialmente na asemblea as cifras da débeda. A resposta dos representantes foi clara. "O comprador sabe máis ca nós da situación financeira; leva negociando desde marzo e participando en auditorías; o día que vendamos esta propiedade, non poderemos negociar porque non teremos ningún elemento de forza", dixo Díaz para xustificar a postura. "Non podemos aceptar  unha venda sen saber a situación real nin quedarnos con débedas", insistiu. 

Martín Moyano, interventor da entidade, recoñeceu ao final da asemblea e ante os traballadores que protestaban ás portas que o feito de "non aprobar balances nin a valoración xudicial das débedas" supoñía "un problema". "Pero temos 30 días para negociar", asegurou entre os aplausos dos sanitarios, que recibiron a noticia de que neste vindeiro mes a intención é pechar a venda, traspasar todo o persoal e cancelar as débedas con todos eles. "Foi un día difícil, pensei que non chegabamos", recoñeceu. 

Os representantes da asemblea só aceptann a venda do edificio se o importe supón a cancelación de todas as débedas da entidade

Fundado en 1907, na sede de 34.000 metros cuadrados (con seis andares e dous sotos) do Centro Gallego distribúense 60 salas de consulta e seis quirófanos e nel ocupábanse máis de 500 camas, aínda que agora a media é de moitas menos. Nunha delas faleceu Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. O cuarto onde morreu, o 202, mantense practicamente igual 67 anos despois do seu pasamento. Ademais, a histórica institución conta cunha biblioteca con 20.000 volumes, moitas delas pezas históricas; unha importante fonoteca; o Teatro Castelao, con case 400 butacas; unha sala de exposicións ou unha pinacoteca con obras de Luís Seoane ou Carlos Maside.

Nos últimos tempos, na histórica institución sucedéronse impagos, deterioro, protestas laborais e cada vez menos asistencia. E alcanzouse unha débeda millonaria. Nin as achegas da Xunta a través da Fundación Galicia Saúde nin a intervención do Goberno arxentino arranxaron a situación logo dos intentos da Administración galega, coa chegada de Feijóo a San Caetano, de privatizar a institución a través de axudas públicas. Segundo informacións da prensa arxentina, o investimento previsto pola Fundación Favaloro e Ribera Salud para a remodelación do inmoble ou a adquisición de equipos achegaríase aos 60 millóns de euros, mentres que a proposta inclúe tamén a compra do histórico edificio levantado coas achegas de milleiros de emigrantes galegos por uns 42 millóns. Agora, anos despois, a venda do que quizais sexa o máis importante centro da diáspora galega no mundo parece feito. Queda un mes para saber en que condicións. 

Asemblea extraordinaria do Centro Gallego

© CGBA

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Feijóo traslada o interese da Xunta por "preservar as obras" pero recoñece que "non é fácil" compralas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou aos directivos do Centro Gallego de Bos Aires o interese de Galicia por "preservar as obras" culturais que acolle a entidade unha vez se confirme, se así se fai, a venda do edificio ao grupo Ribera Salud. "Trasladámoslles aos directivos o interese por preservar as obras e aí estamos a traballar; estamos a valorar como se poden preservar esas obras", dixo quen asumiu que "non é fácil", dado que a "restritiva" lei arxentina dificulta "poder comprar as obras e sacalas" do país.

Feijóo e a Xunta lembran que a lei arxentina "dificulta" comprar as obras do Centro pero tamén que gozan dunha importante protección

Desde a Consellería de Cultura, a preguntas de Praza.gal, aseguran estar "atentos á evolución dos acontecementos, conscientes da significancia histórica e cultural do Centro Gallego". "Será necesario saber as intencións dos novos propietarios", aclaran no departamento, que aclara que "aínda que o  patrimonio artístico, documental e bibliográfico é propiedade e responsabilidade dos seus socios", estará pendente dos cambios na propiedade dirixirase aos novos dirixentes e ao Executivo arxentino "para que se respecte a normativa de patrimonio cultural existente na Arxentina que protexe e salvaguarda eses bens patrimoniais vencellados coa colectividade galega".

"A lexislación arxentina sobre patrimonio é moi semellante á española; polo tanto, os bens artisticos de Centro Gallego son, para a lexislación arxentina, pezas do seu patrimonio histórico, coa protección q iso supón", aseguran. 

Pola súa banda, Feijóo, en relación ao funcionamento do Centro como hospital, asegura que actualmente presta asistencia sanitaria "a non máis de mil galegos". A maiores, a Xunta "facilita unha mutua financiada polo Goberno de España" para que todos os galegos en Arxentina conten con prestacións médicas.

"Galicia está a cumprir coa asistencia sanitaria de todos os galegos en Arxentina", dixo o presidente, para quen, "desde o punto de vista sanitario", a venda deste centro "non ten ningunha relevancia" para a colectividade galega, que está atendida por outras vías. Do mesmo xeito, lembrou que a Xunta abonou "as débedas que o centro tiña até 2011", un total de 11 millóns de euros, para que "tivese viabilidade económica".

A Consellería de Cultura advirte que o Centro é unha "entidade privada" e son os socios "os que deciden o seu futuro"

"A partir de aí, o que deciden os socios é xestionar ese hospital e, como consecuencia do déficit de xestión e de ingresos, é o Goberno arxentino o que intervén esa institución", lembrou o xefe do Executivo. Desde Cultura, ademais, insisten en que a responsabilidade na toma de decisións da institución "recae exclusivamente nas sucesivas directivas elixidas polos seus socios, polo que a Xunta non ten capacidade nin competencia ningunha no funcionamento do centro". "Ao ser unha entidade privada, deben ser os seus socios quen decidan o seu futuro", explica.

O BNG pide trasladar a Galicia todo o patrimonio cultural da institución

Ante a posible venda do histórico  Centro Gallego de Bos Aires ao grupo Ribera Salud, o BNG anunciou que rexistrará unha batería de iniciativas para reclamar "que a Xunta adopte as medidas necesarias para que os fondos sexan trasladados a Galiza e pasen a formar parte do patrimonio público galego".

O BNG reclama "que a Xunta adopte as medidas necesarias para que os fondos sexan trasladados a Galiza"

A portavoz de cultura, Olalla Rodil asegura que a Lei de Patrimonio cultural de Galiza 5/2016, no seu artigo 4, obriga ao  Goberno galego a salvagardar o patrimonio cultural que se atope no exterior, especialmente en Latinoamérica.

En virtude do disposto na lexislación vixente, anuncia Rodil, o BNG  instará á Xunta, ante da "gravísima situación económica na que se atopa o Centro Galego e que rematará, previsibelmente coa venda desta entidade ao fondo de investimento", que "actúe e defenda o patrimonio galego na diáspora”. O  Centro Galego, lembra o Bloque, conta  cunha biblioteca con 20 mil volumes, algúns deles primeiras edicións con  exemplares de enorme valor histórico; un arquivo sonoro de gravacións de conferencias e actos nos que participaron intelectuais como: Otero Pedrayo, Castelao, Cunqueiro, Blanco Amor ou Martínez Risco ademais  dunha pinacoteca con obras de  Luís Seoane e Carlos Maside.

“A Xunta de Galiza non pode deixar abandonado este patrimonio”, di Olalla Rodil

“A Xunta de Galiza non pode deixar abandonado este patrimonio” e dende o BNG instan ao Goberno galego a "actuar e adoptar as medidas necesarias  para garantir a  salvagarda do patrimonio galego no exterior  e traelo a Galiza permitindo que poida ser desfrutado por todas as galegas e galegos".