O que os datos din dos hábitos culturais en Galicia: menos cine e teatro, máis música e activismo

Evolución dos hábitos culturais en Galicia, sobre unha imaxe dun concerto das Fillas de Cassandra no festival Revenidas © Foto: Revenidas | Montaxe: Praza.gal

Se os datos da edición 2021-22 da enquisa reflectiron unha súbita caída na asistencia da poboación a concertos, ao cine, ao teatro, a museos e mesmo ás bibliotecas por mor do efecto da COVID, os indicadores do bienio 2024-25, coñecidos hai uns días semellan amosar un retorno á normalidade

A pandemia de COVID supuxo unha completa transformación das nosas vidas durante moitos meses. Os hábitos de ocio e de consumo cultural estiveron estre as actividades máis afectadas e a varios destes sectores levoulles un tempo longo recuperarse dese golpe. Cada tres anos a Enquisa de Hábitos e Prácticas Culturais en España que elabora o Ministerio de Cultura realiza unha detallada foto fixa de como se relaciona a cidadanía coas distintas actividades culturais e de lecer.

Se os datos da edición 2021-22 da enquisa reflectiron unha súbita caída na asistencia da poboación a concertos, ao cine, ao teatro, a museos e mesmo ás bibliotecas por mor do efecto da COVID, os indicadores do bienio 2024-25, coñecidos hai uns días semellan amosar un retorno á normalidade, con datos semellantes ás da entrega 2018-19.

Porén, detéctase en Galicia un descenso na asistencia ao cine e a museos, pero non así a concertos de música, que demostran estar en auxe

Con todo, e dado que os nosos hábitos de ocio e de consumo cultural están sempre en transformación, nada é como anteriormente foi. A enquisa rexistra os cambios que se están a producir neste eido, cun crecemento das subscricións a plataformas dixitais de distribución de contidos, un descenso na asistencia ao cine e a museos (pero non así a concertos de música, que demostran estar en auxe) e unha redución na presenza dos libros nos fogares e, o que é máis importante, nos índices de lectura.

A enquisa do Ministerio permite trazar ademais un perfil sobre a relación que galegos e galegas establecemenos coa cultura, en comparación coa realidade doutros territorios do Estado. En Galicia vaise menos ao cine, ao teatro e a museos pero escóitase máis música, lese máis prensa, acódese máis a conferencias e mesas redondas e, ademais, particípase máis en asociacións culturais, tanto con traballo voluntario coma con doazóns económicas.

Hai tamén un crecemento claro das subscricións a plataformas dixitais de distribución de contidos

Os datos da enquisa revelan que ao redor do 40% dos galegos e galegas acode ao cine cando menos unha vez ao ano. A cifra supón unha clara mellora dende o nivel de 2022, pero sitúase por debaixo do indicador de 2019, previo á pandemia. O mesmo sucede cos museos (33,4%), tamén por baixo do nivel de 2019. A asistencia ao teatro e a bibliotecas mantense estable en relación ao 2019. E, en cambio, cada vez son máis as persoas que no último ano foron cando menos a un concerto de música (38,9%).

Baixa por primeira vez a porcentaxe de persoas que son lectoras habituais (que leron algún libro na última semana). Do 36,4% de 2019 e o 38,2% de 2022 pásase a un 32,2%

O hábito da lectura comeza a amosar signos de diminución, como xa indicaban outros estudos referidos á poboación nova. Aínda que se reduce a porcentaxe de persoas que nunca le un libro (13,8%, mínimo da serie), tamén comeza a baixar a porcentaxe de persoas que son lectoras habituais (que leron algún libro na última semana). Do 36,4% de 2019 e o 38,2% de 2022 pásase a un 32,2%. 

Tamén descende por primeira vez dende o 2003 a porcentaxe de persoas que leron algún libro nos últimos tres meses: do 55,5% pásase ao 53,8%. É unha caída leve, pero podería estar a amosar un cambio de tendencia nun indicador que nas últimas dúas décadas sempre fora en aumento.

Descende tamén o número de libros que as familias teñen nos seus fogares. No 37% das casas hai 25 libros ou menos

Descende tamén o número de libros que as familias teñen nos seus fogares, nunha tendencia que pode ter máis que ver coa dixitalización de contidos que coa perda de hábito lector. Os fogares galegos acumulan unha media de 200 libros nas casas, por debaixo do dato de 2022 e de 2019, cando se chegou a un máximo na serie (239)

A caída na media prodúcese tanto polo descenso do número de fogares que posúen moitos libros (os fogares con 100 libros ou máis caen do 35% ao 29%) coma polo aumento das familias que teñen un número de libros moi reducido (no 37% dos fogares galegos hai 25 libros ou menos)

Aumenta a porcentaxe de poboación que está subscrita a algunha plataforma de distribución dixital de contidos. Dúas de cada tres persoas en Galicia (66%) teñen acceso a algún tipo de plataforma, fronte ao 58% de hai tres anos e ao 46% do ano 2019

En cambio, o que aumenta é a porcentaxe de poboación que está subscrita a algunha plataforma de distribución dixital de contidos. Dúas de cada tres persoas en Galicia (66%) teñen acceso a algún tipo de plataforma, fronte ao 58% de hai tres anos e ao 46% do ano 2019.

O máis habitual son as plataformas de distribución de contidos audiovisuais (como Netflix ou Disney+), que chegan ao 57,5% da poboación e cuxa porcentaxe se disparou durante a pandemia.

Porén, tamén aumenta o peso da poboación que accede a algunha plataforma de televisión (como Movistar+) e cuxa porcentaxe chega ao 36,7%. Unha proporción semellante (o 36,3%) ten algunha plataforma musical (como Spotify) e cifras inferiores, pero crecentes, acceden a plataformas de podcasts (16,7%), de videoxogos (13,7%) ou de libros (13,6%).

En Galicia acódese moito menos ao cine, ao teatro e a museos, pero vaise moito máis a concertos. Igualmente, escóitase máis música, conformando un perfil de Galicia como país musical

Como se posiciona Galicia no contexto do Estado? A enquisa do Ministerio permite comparar os distintos indicadores entre as diferentes comunidades autónomas e o dato do conxunto do Estado. As estatísticas son moitas e os seus resultados dispares. En Galicia, por exemplo, o hábito de lectora está na media se nos referimos a lectura de libros, pero en cambio lese moita máis prensa e menos revistas culturais que a media.

Acódese moito menos ao cine, ao teatro e a museos, pero vaise moito máis a concertos. Igualmente, escóitase máis música, conformando un perfil de Galicia como país musical

De igual xeito, vese máis a tele e escóitase máis a radio (nuns datos nos que a elevada media de idade da poboación galega pode ter a súa influencia). En cambio, son moitas menos as persoas que están subscritas a algunha plataforma dixital de contidos

Os galegos e galegas presentan un destacado activismo cultural. Galicia é a cuarta comunidade con máis traballo cultural voluntario, a quinta con máis doazóns económicas a proxectos culturais e a sexta en pertenza a asociacións

Onde supera Galicia a media, ademais de na música? Os galegos e galegas presentan un destacado activismo cultural. Galicia é a cuarta comunidade autónoma con máis traballo cultural voluntario, a quinta con máis doazóns económicas a entidades e proxectos culturais e a sexta en pertenza a asociacións. Ademais, ocupa os primeiros postos na asistencia a conferencias e mesas redondas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.