A pandemia mudou de vez os hábitos culturais en Galicia: menos eventos en vivo pero máis lectura e consumo dixital

CC-BY-SA Xunta

O Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura, publicou este luns o informe Hábitos e prácticas culturais, que mide o comportamento cultural da cidadanía nas últimas dúas décadas. O documento amosa cambios profundos no comporamento de galegos e galegas ante as distintas manifestacións culturais, especialmente no que atinxe aos soportes empregados para acceder a ela, debido principalmente á xeneralización do uso de plataformas e equipos dixitais. O texto, ademais, revela o grande impacto provocado pola pandemia de COVID entre 2020 e 2022, que sobre todo reduciu a asistencia a eventos en vivo e espazos físicos, incrementando en cambio o consumo de cultura dende o fogar.

A porcentaxe de persoas que en Galicia acudiron ao cine en 2022 foi do 24%, fronte ao 44% de 2019. E o mesmo sucedeu cos concertos de música, que baixaron do 37% ao 14%, cos museos (do 36% ao 20%), coas bibliotecas (do 23% ao 16%) ou co teatro (do 18% ao 6%)

Neste senso, os datos do informe, procedentes da Enquisa de Hábitos e Prácticas Culturais en España realizada periodicamente polo Ministerio de Cultura, amosan a forte redución na asistencia a museos, bibliotecas, teatros, concertos ou ao cine no ano 2022 en relación ao 2019, cortando unha tendencia de recuperación iniciada despois do descenso provocado pola crise económica de hai algo máis dunha década.

Así, a porcentaxe de persoas que en Galicia acudiron ao cine en 2022 foi do 24%, fronte ao 44% de 2019. E o mesmo sucedeu cos concertos de música, que baixaron do 37% ao 14%, cos museos (do 36% ao 20%), coas bibliotecas (do 23% ao 16%) ou co teatro (do 18% ao 6%).

A porcentaxe de persoas que leron algún libro no último trimestre foi do 55,5%, mantendo a tendencia de aumento que procede do ano 2007 (40,2% de lectores e lectoras habituais)

En cambio, segundo salienta o informe, no pasado ano incrementouse a lectura e a compra de libros, destacando o documento que o confinamento foi un momento clave que “incidiu de maneira importante na xestión do ocio no fogar”. A porcentaxe de persoas que leron algún libro no último trimestre foi do 55,5%, mantendo a tendencia de aumento que procede do ano 2007 (40,2% de lectores e lectoras habituais). De igual xeito, a proporción de persoas que non len "nunca ou case nunca" baixou do 22% ao 15% entre 2019 e 2022, menos da metade do dato de 2007 (38%).

A porcentaxe de persoas que mercan libros de forma habitual en Galicia pasou do 27% ao 34% entre 2019 e 2022

Este efecto tamén se percibe na porcentaxe de persoas que mercan libros de forma habitual (cando menos un no último trimestre), que en Galicia pasou do 27% ao 34% entre 2019 e 2022, situándose de forma clara por riba da media española (27,5%). A tendencia é claramente ascendente no caso galego, se comparamos o dato co que 2007 (23%).

O número medio de libros comprados en Galicia é de 5 nun trimestre, cantidade semellante á do conxunto estatal (5,3). Do total de persoas que mercaron nun trimestre, o 11,3% adquiriu de 2 a 3 libros; o 6,8%, de 4 a 5, e o 9,3%, máis de 5.

Pola contra, estes mesmos datos indican que nos últimos anos tamén se incrementos a porcentaxe de persoas que non teñen ningún libro nas súas casas, ata superar o 8% do total. Entre 2019 e 2022 tamén se reduciu o número medio de libros que galegos e galegas acumulan nos seus fogares, pasando de 239 a 214.

As persoas que en Galicia pagan polo acceso a plataformas de música (o 19%) ou de distribución de películas e series (48%) duplican os datos de tres anos antes

Un dos elementos que máis mudou nos últimos anos foi a forma de acceder á cultura, especialmente debido á popularización de plataformas dixitais de distribución que levan os contidos directamente ata os fogares ou aos dispositivos móbiles de cada persoa. O cambio máis importante produciuse nos últimos anos, nos que se deu un evidente salto na cantidade de persoas que en Galicia pagan polo acceso a estas plataformas de música (o 19%) ou de distribución de películas e series (48%), duplicando os datos de tres anos antes. 

O uso do teléfono móbil como reprodutor musical multiplicouse dende o 9% de hai unha década ata o 55% de usuarios no último ano

De igual xeito, mudaron tamén por completo os soportes a través dos cales consumimos estes produtos culturais. Por exemplo, no que atinxe á música, pódese constatar unha evolución que vai paralela ao avance das 
tecnoloxías. Así, se en 2010-2011 o 87,5% da poboación en Galicia utilizaba a radio, en 2021/22 o emprego 
destes aparatos reduciuse en 25 puntos. Outro feito destacable é que o uso de equipos de música portátiles se reduciu á metade. En cambio, o uso do teléfono móbil como reprodutor musical multiplicouse dende o 9% de hai unha década ata o 55% de usuarios no último ano. 

Un 62 % dos proxenitores que len e un 54,9% dos que visitan museos, monumentos ou outros sitios de interese adoitan facelo cos seus fillos e fillas, destaca o informe

Nas conclusións, o documento de traballo do Observatorio da Cultura Galega subliña dúas variables: a primeira é o incremento xeneralizado do nivel educativo da sociedade e a segunda, o condicionante familiar. “Aproximadamente un 62 % dos proxenitores que len e un 54,9 % dos que visitan museos, monumentos ou outros sitios de interese adoitan facelo cos seus fillos. Ademais, o 63,2 % dos que van ao cinema, o 53,4 % dos que asisten a espectáculos escénicos ou musicais e o 54,5 % dos que participan noutras prácticas culturais comparten estas actividades cos seus fillos e fillas”, asegura o informe.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.