Ferror Records celebra o seu décimo aniversario convertido no selo de referencia do undergound galego. Dez anos con máis de 160 referencias discográficas publicadas e a organización dun gran número de eventos: concertos, exposicións ou iniciativas como o Ciclo Solpores ou a Feira do Disco
Cando en 2015 Sérgio Sequeiro e Fernando Fernández Rego puxeron en marcha a discográfica Ferror Records pode que nin pensaran en que o proxecto seguiría activo dez anos despois e, sobre todo, que neste tempo o selo ferrolán editase máis de 160 referencias discográficas, publicando máis de medio cento de álbums en formatos físicos (vinilos, cds e mesmo cassettes). E dende logo, nin podían soñar en que na súa festa de décimo aniversario, celebrada o pasado mes de outubro no Centro Cívico de Canido, se xuntasen máis de mil persoas.
Ferror Records consolidouse neste tempo como a gran referencia do underground en Galicia. O selo, que naceu co obxectivo de "dar saída a propostas musicais e culturais dende a militancia e a autoxestión" e inicialmente centrado na comarca de Ferrolterra, hai tempo que foi máis aló, editando a bandas do resto do país, como Chicharrón, Músculo!, Garza, Auto Sacramental, Devalo, Copa Turbo, French Riviera ou Radio Océano, que se unen a un gran número de grupos ferroláns, como Zavala, Nüca, Lume, Mentah, Bule, Quant, Todo el Largo Verano, Cuerpo Astral ou Los Eternos. Sempre mantendo a máxima de "apoia a túa escena local".
"No ano 2015 era unha época efervescente do asociacionismo e dos colectivos musicais, practicamente en todas as cidades estaba funcionando algún e había un tecido moi bonito no underground en Galicia. Nós decidimos facer algo semellante en Ferrol", di Fernando Fernández Rego
O proxecto, ademais, foi diversificando a súa actividade, comisariando senllas exposicións no Centro Torrente Ballester de Ferrol: Andrés do Barro. Saudade e Memoria. Unha Ollada dende Ferrolterra e Ferrol Underground 1985-2021′ acompañadas de CD-libros. E, finalmente, coa organización de múltiples eventos, cun cento de concertos en iniciativas como o Ciclo Solpores ou a Feira do Disco, que nas súas últimas edicións foron quen de xuntar máis dun milleiro de persoas. Quen dixo que en Ferrol nunca pasaba nada? Está a pasar.
"As expectativas, dende logo, non eran durar dez anos nin facer tantas cousas. Fomos diversificando a nosa actividade e fomos aprendendo polo camiño", di Fernando Fernández Rego, en conversa telefónica con Praza.gal. "Cando nacemos no ano 2015 era unha época efervescente do asociacionismo e dos colectivos musicais en Galicia, porque practicamente en todas as cidades de Galicia estaba funcionando algún. Había un tecido moi bonito no underground en Galicia e nós decidimos facer algo semellantes en Ferrol un pouco a rebufo de todo iso", comenta.
No crecemento de Ferror Records, convertido en refererente do underground de toda Galicia influíu a progresiva desaparición da maior parte das iniciativas equiparables que funcionaban noutras cidades: Discos Porno, Discos da Máquina, Seara...
O mesmo subliña Sérgio Sequeiro, que salienta como foi medrando o proxecto, case sen querer: "Isto foi como quen fai unha festa para cinco amigos e cada un dos cinco convida outros cinco, e ao final a cousa descontrólase". "Comezamos con esa idea, de cinguirnos a grupos da comarca pero despois comezamos a falar tamén con bandas de fóra que nos gustaban ou que chegaban a nós porque alguén llo recomendaba", di. "Estamos moi orgullosos do que fixemos nestes anos, porque se fixo con moito traballo e con bandas que foron medrando con nós", engade.
No crecemento de Ferror Records, convertido en refererente do underground de toda Galicia influíu a progresiva desaparición da maior parte das iniciativas equiparables que funcionaban noutras cidades, ese tecido underground que nos primeiros anos da pasada década rebulía en toda Galicia: Discos Porno en Ourense, Discos da Máquina en Santiago, Metamovida e Seara en Vigo, Disco Episcopal en Lugo, o Liceo Mutante en Pontevedra, Nave 1839 na Coruña...
Fernández Rego apunta ás dificultades atopan en Galicia os selos e bandas que fican fóra dun sistema musical marcado por macroeventos "inflados con cartos públicos" que priman un número moi limitado de produtoras, artistas e estilos, mentres que o resto queda á marxe
"Moitos foron desaparecendo e dese tecido underground quedamos practcamente nós sós", destaca Sequeiro. "A desaparición de proxectos é normal no underground, porque son iniciativas que non están profesionalizadas e que non serven para gañar diñeiro, pero non houbo renovación", di Fernández Rego, que engade que "moitos dos selos discográficos que hai en Galicia non son realmente selos, son axencias de management ou booking que editan algún disco. O concepto de selo discográfico entre o gran formato e o pequeno formato desapareceu, porque desapareceron a maior parte dos selos underground".
A burbulla dos festivais e unha escena musical galega limitada
Fernández Rego, mestre e escritor (autor de Unha historia da música en Galicia 1952-2018 e de biografías de Andrés do Barro e Suso Vaamonde, entre outras obras), apunta ás dificultades que dende hai anos atopan en Galicia os selos e bandas que fican fóra dun sistema musical marcado por macroeventos "inflados con cartos públicos" que están a primar a un número moi limitado de produtoras, artistas e estilos, mentres que o resto queda á marxe.
"Esta é a política cultural que queremos? Estase facendo moi grande a unha decena de grupos pero hai moitísimas propostas que están quedando fóra. Estase apostando todo ao mesmo e vez de diversificar a outros estilos e outro tipo de festivais e de grupos", denuncia
"Vivimos no tempo do eventismo no que só importa o gran formato [macrofestivais e concertos con cachés moi elevados], un gran formato ademais, que non é rendible e que só se sostén pola achega inxente de cartos públicos", denuncia Fernández Rego, que sinala que "hai produtoras que están cobrando unha gran cantidade de cartos da Xunta, de forma permanente, e organizando os mesmos concertos na mesma cidade unha e outra vez. Concertos con cachés que doutro xeito non se poderían pagar, porque non teñen o público suficiente".
"Eu vou a moitos festivais e teño estado en festivais en Galicia nos que sumando cachés e demais o custo se achegaba ao medio millón de euros, pero vías que non había nin dúas mil entradas vendidas. Así estáste cargando o tecido de salas, estáste cargando os pequenos formatos e estás facendo macroeventos con millóns de euros de cartos públicos dados a dedo a tres ou catro produtoras", di.
"Todos os festivais son sempre o mesmo. Hai unha serie de artistas que se repiten nos carteis de todos os festivais e o resto da escena queda desatendida", apunta tamén Sérgio Sequeiro
"Esta é a política cultural que queremos? Estase facendo moi grande a unha decena de grupos pero hai moitísimas propostas que están quedando fóra. Estase apostando todo ao mesmo e vez de diversificar a outros estilos e outro tipo de festivais e de grupos", remata, recomendando que "os concellos teñen que ter máis técnicos de cultura" e que "ten que haber unha idea e un concepto de onde estamos investindo cartos públicos". "As políticas culturais teñen que revisarse", conclúe..
Sequeiro apunta na mesma denuncia: "Todos os festivais son sempre o mesmo. Hai unha serie de artistas que se repiten nos carteis de todos os festivais e o resto da escena queda desatendida". E sinala, con todo que, temos a sorte de que aínda vai quedando o FICH de Chantada, o Esmorga Fest de Sarria, o Facela de Lugo ou o que facemos nós nos Solpores".
Ferrol mola: o futuro de Ferror Records
"O eslogan de Ferrol mola quere dicir iso, que Ferrol é unha cidade que ten todo para molar. Houbo políticas e situacións que fixeron moito dano, pero é moi bonito facer estes eventos na túa cidade e sacar adiante estes proxectos"
O éxito de Ferror Records constátase na longa lista de discos que publica todos os anos e tamén na asistencia masiva aos eventos que organiza, comezando polo ciclo de Solpores de Canido, un éxito que contribúe a rachar con algúns dos estereotipos instalados sobre Ferrol. "A xente fala mal de Ferrol porque hai moito descoñecemento da cidade. Case sempre pasa que os que peor falan son os que nunca estiveron en Ferrol", di Fernando Fernández Rego.
E o mesmo di Sérgio Sequeiro: "Cando hai cousas e cando as cousas se fan ben, a xente en Ferrol responde. Fíxate que o día do noso aniversario había tamén un festival de electrónica, o Pavo Fest, e nós tivemos moitísima xente e eles tamén".
"Nós tivemos a oportunidade de coller algún grupo bastante potente e non o fixemos porque nos ía esixir practicamente dedicación exclusiva. Que fas cos demais? Déixaos de lado? Non poderíamos facer iso", di Sequeiro
"A xente que vén a Ferrol ve que é unha cidade con moito que achegar, cunhas praias impresionantes, cunha vida musical que non a hai noutros lugares. E o problema é que os focos non estaban nunca en Ferrol, por iso queriamos crear algo dende aquí", remata Fernández Rego. "O eslogan de Ferrol mola quere dicir iso, que Ferrol é unha cidade que ten todo para molar. Houbo políticas e situacións que fixeron moito dano, pero é moi bonito facer estes eventos na túa cidade e sacar adiante estes proxectos", engade.
E cal é o futuro de Ferror Record para os seguintes dez anos? De forma inmediata, ten xa un gran número de traballos que acaban de ver a luz (Carlos Ordóñez, Nocturna...) e outros que o farán nos vindeiros meses, entre eles os novos de Chicharrón, Zavala, Devalo e Nüca. Un 2026 que volverá ser intenso en novidades discográficas e eventos, pero no que o selo quere manter a mesma filosofía.
Os novos discos de Chicharrón, Zavala, Devalo e Nüca son algunhas das novidades de Ferror Records para os primeiros meses de 2026
"Para medrar teríamos que cambiar a nosa forma de traballar", sinala Fernández Rego, o mesmo que Sequeiro: "Como dicía o outro, medrar para que? Para non dar atendido a todo? Pasa con moitos negocios, que crecen, abren novos locais e despois teñen que pechar todo". "Nós tivemos a oportunidade de coller algún grupo bastante potente e non o fixemos porque nos ía esixir practicamente dedicación exclusiva. Que fas cos demais? Déixaos de lado? Non poderíamos facer iso", di.