"Somos fillos de Herminio Molero, o grande esquecido da movida"

Carrero Bianco, nun recente concerto no Cachán de Compostela Dominio Público Praza Pública

Os ferroláns Carrero Bianco levan semanas presentando por toda Galicia (e tamén cunha parada en Madrid) Horror! Horror!, o seu segundo lunga duración, que ten, nin máis nin menos, música para bailar. Este sábado, a partir das 22.15, pecharán an primeira xornada do compostelán Mercado da Estrela, que ao longo de toda a fin de semana amosará unha completa oferta de creadores e artesáns, baixo o lema de "talento galego para regalar". A música será unha das grandes protagonistas do evento, cos concertos de Apenino, Sinestesia, Trampoline, The Winning Numbers e os propios Carrero.

Despois de dous discos, varios eps e algún que outro cambio nos seus integrantes, Carrero Bianco semellan ter atopado a súa identidade e a súa fórmula: cancións directas, hits, cancións para bailar e corear. Cada vez máis electrónicos e máis sintéticos, achegan novoso sons a un campo que en Galicia aínda necesita de máis exploración. Aviador Dro, Svper, Los Punsetes, Hot Chip, Depeche Mode..., referencias que aquí e alá, condensadas para ofrecer, ás veces, o máis sinxelo e difícil a un tempo: que movas os pés. Falamos con Sérgio e Tony, dous dos seus compoñentes, do presente e futuro do grupo, da escena electrónica e de Herminio Molero (fundador de Radio Futura) e que dá título a unha das súas cancións.

"Non sei se aparcaremos de todo a guitarra, pero si que nos novos temas que estamos a facer non aparece"

Cara a onde se move Carrero Bianco en Horror! Horror!?

Tony: Cara ao lado escuro do pop. Aínda que tamén hai algunha canción mais luminosa, penso que neste disco bebemos de influencias mais ben escuras.

Cara a onde vai o grupo agora?

T: Onde nos leven as cancións. Xa temos algúns esbozos, a idea non está moi lonxe de traballos anteriores, cancións directas, pero esta vez con algunha sorpresa que aínda non podemos contar.

Cada vez máis sintetizadores e menos guitarras? Carrero aparcará a guitarra nalgún momento?

Sérgio: Si, cada vez tiramos máis polos sintetizadores e as caixas de ritmos e o sampler, sentímonos cómodos e gostamos dos trebellos. Estamos por esconderlle a guitarra a Quincho, pero ao final sempre aparece por algures, cousa que tampouco nos desagrada. Hai momentos que nalgún tema falta algo, e dáste conta de que é a guitarra. Non sei se aparcaremos de todo a guitarra, pero si que nos novos temas que estamos a facer non aparece.

Como xorden as cancións? Primeiro a música, primeiro o concepto?

T: As dúas cousas van da man. Ao principio todo xorde dunha idea simple, normalmente é Quincho quen aporta a primeira semente e a partir de aí imos incorporando os ingredientes que nos vai pedindo a propia canción.

"Estivemos a movelo ao longo duns meses, e ao ver que non saía nada, pois volvemos autoeditalo, xa sabes: DIY"

Por que decidistes finalmente autoeditarvos?

S: Non nos quedou outra, botábasenos o tempo enriba, xa que este disco está practicamente rematado dende maio, agás un par de temas. Estivemos a movelo ao longo duns meses, e ao ver que non saía nada, pois volvemos autoeditalo, xa sabes: DIY. O bo que ten (ou non?), e que nós temos o control sobre todo: produción, edición, distribución, management... Cremos que o futuro pasa pola autoedición.

Un dos temas está mesturado por Mario Gil (Paraíso, La Mode, Aviador Dro, Un Pingüino En Mi Ascensor...). Seguiredes colaborando con el?

S: Iso foi xenial, colgamos o tema e ao dia seguinte Mario estábanolo pedindo para mesturar, xa que dicía que o estaba escoitado en varios estudios e cría que se podía mellorar a mestura. Non tardamos nin media hora en mandarlle as pistas e nun par de días ai tiñamos a Herminio Molero, que soaba como nós queriamos exactamente. Mágoa de non ter máis tempo para que seguise a colaborar con nos, pero é unha via que non pechamos nun futuro.

Que é Herminio Molero para vós?

S: Somos fillos de Herminio Molero, o grande esquecido da movida, pero é un dos grandes. Foi dos primeiros en ter un sintetizador e marcou unha tendencia, un grande artista que non só se dedicaba á musica, tamén pintaba, fotografiaba, e escribía, sendo na pintura onde máis destacou. Merece unha canción e moito máis.

"Si que é verdade que hai unha volta á electrónica, sobre todo en Europa, con proxectos de xente moi nova e moi interesantes. O bo da electrónica é que non precisas de instrumentos físicos para facela, iso dá moitas facilidades"

Estamos asistindo ao comezo dunha idade de ouro da electrónica e da cultura de club?

S: Oxalá, pero non é o caso. Si que é verdade que hai unha volta á electrónica, sobre todo en Europa, con proxectos de xente moi nova e moi interesantes. O bo da electrónica é que non precisas de instrumentos físicos para facela, iso dá moitas facilidades, e pouco a pouco vemos que hai máis grupos e novos estilos, e estanse a facer un oco na escena. Esperemos que en breves si que estale unha idade de ouro. O da cultura de club pode ser nalgunhas cidades, e en certos locais, pero creo que está en horas baixas, só vexo que se reactive cando se fan eventos con grandes artistas da escena, cousa que dá que pensar.

En que medida inflúen as facilidades tecnolóxicas na electrónica que se fai hoxendía? Escoitando discos dos oitenta, non pensades ás veces en 'o que podería ter feito esta xente coa tecnoloxía de hoxe'?

S: Inflúe moitísimo, xa que achega os medios para crear con poucos elementos. Só cun ordenador xa podes facelo todo. Se nos ostenta tiveran os medios de hoxe pois imaxino que chegarían ao infinito. Ou igual non, é difícil sabelo, teriamos que coller o Delorean.

Cales son os lugares nos que mellor se pincha en Galicia?

S: En cada cidade sempre hai un o dous locais nos que se pincha boa musica, pero ultimamente vexo que hai moita monotonía, pinchase moito o seguro, non se arrisca, o único que realmente me sorprende sempre é o Manchita Cosa en Ferrol. Sempre soa moi boa musica e moi variada, pode ser pola variedade de xente que pasa pola súa cabina.

Que bandas vos gustan máis? Que estades escoitando ultimamente? E da escena galega?

T: Escoitamos moitas cousas, se preguntas por grupos concretos neste momento hai moito de Hot Chip, Crystal Castles, Pet Shop Boys, que acaban de sacar un disco xenial. Bandas galegas hai moitas tamén, por exemplo Colectivo Oruga, Músculo, Álex Casanova, Cazador... Hai moitas cousas.

"En Ferrol temos a maior parte dos grupos tributos do pais, hai moita xente boísima nesta cidade, e é unha magoa que se conformen con tocar cancións doutros, pero parece ser que se non tocas versións non tes nada que facer neste mundillo"

Hai demasiados grupos de versións en Ferrol?

S: Aquí creo que temos a maior parte dos grupos tributos do pais, hai moita xente boísima nesta cidade, e é unha magoa que se conformen con tocar cancións doutros, pero parece ser que se non tocas versións non tes nada que facer neste mundillo

Como de brillante é o futuro de Carrero?

T: Espero que moito. Nós estamos a facer cancións que esperemos que vos gosten e teredes que ser vós quen o digades. O que si che podo dicir é que mentres nos siga apaixonando como ata agora compoñer e tocar, seguiremos por aquí a dar a tabarra.

Tedes algo preparado para o 20 de decembro, 40 aniversario da morte de Carrero?

T: Jajajajajajjajaja. Pois non o tiñamos pensado, pero non tes mala idea.

Carrero Bianco, nun recente concerto no Cachán de Compostela Dominio Público Praza Pública
Gravación dalgúns dos temas do seu último disco Dominio Público Carrero Bianco

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.