O audiovisual galego procura a diversidade no FIGA: "Hai que pensar nas historias que estamos perdendo"

Imaxe do III Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA) © Academia Galega do Audiovisual
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-figa-672cea8.jpeg

A terceira edición do Foro da Industria Galega do Audiovisual na Coruña terá como temática central a diversidade do audiovisual e o debate sobre os retos e oportunidades de incorporar a diversidade como eixo central da creación, da produción e da representación

Dende o ano 2023 a Academia Galega do Audiovisual vén organizando, co apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, o Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), unha cita anual que quere ser un espazo de encontro e reflexión colectiva arredor dos retos do sector. 

A terceira edición do encontro comeza este mércores na Coruña (Espacio Avenida) e terá nas súas tres xornadas como temática central a diversidade do audiovisual e o debate sobre os retos e oportunidades que supón incorporar a diversidade como eixo central da creación, da produción e da representación. 

O programa combina proxeccións de curtametraxes e longametraxes, mesas redondas e ponencias, nas que destacadas voces do sector galego e estatal compartirán experiencias e boas prácticas. Entre os asistentes confirmados figuran profesionais como Nati Juncal, Bea Saiáns, Miguel Canalejo, Xiana do Teixeiro, Eva Libertad, Ian de la Rosa, Lucía Estévez, Charli Bujosa, Laura Galán, Kathy Sey ou Salima Jirari.

Salima Jirari ©

Entre os asistentes confirmados figuran profesionais como Nati Juncal, Bea Saiáns, Miguel Canalejo, Xiana do Teixeiro, Eva Libertad, Ian de la Rosa, Lucía Estévez, Charli Bujosa, Laura Galán, Kathy Sey ou Salima Jirari

Os contidos están programados precisamente pola xestora cultural catalá Salima Jirari, especializada en diversidade, igualdade e inclusión, asesora de proxectos en desenvolvemento con perspectiva de xénero, diversidade e interseccionalidade. Jirari destaca en conversa con Praza.gal que o Foro quere "pensar a diversidade non só diante da pantalla, senón tamén detrás da pantalla: pensar en quen está a configurar os equipos e como sucede iso". "Dentro da industria hai uns e unhas profesionais que non están no mesmo grao de representación que outros. Entón, hai que tentar entender que está a pasar para que algunhas persoas non teñan as mesmas oportunidades ou non poidan acceder coa mesma facilidade a postos de dirección ou a diferentes papeis", sinala.

De igual xeito, salienta que lle interesa afondar no concepto de diversidade "no sentido máis amplo". "Refírome á idea de que diversidade non sexa só o que está nun imaxinario moi concreto do queer ou a diversidade racial, senón entendela tamén como todas esas prácticas que promoven que a industria poida ser un lugar moito máis accesible, moito máis cómodo, moito máis seguro", explica. 

"Dentro da industria hai uns e unhas profesionais que non están no mesmo grao de representación que outros. Entón, hai que tentar entender que está a pasar para que algunhas persoas non teñan as mesmas oportunidades", di Salima Jarari

"É interesante pensar en todas as historias que nos estamos perdendo como público, como audiencia, como sociedade", comenta Jirari. E, neste aspecto, sitúa os Estados Unidos como exemplo: "É algo que os americanos ven moi claro; ás veces pensamos que nos Estados Unidos se puxeron a favor da diversidade e chegan a facer peliculóns como Black Panther por unha cuestión de ética, cando en realidade o fan por unha cuestión económica". "É porque saben que hai audiencias que, como din en inglés, están underserved, desatendidas, por dicilo dalgún modo. E saben que aí hai un diñeiro de audiencias que non están a recibir contido. Falta unha visión máis estratéxica nese sentido", di.  

Estamos mellor que hai uns anos? A diversidade avanza no mundo do audiovisual e nas historias que conta o sector? "A verdade é que non sei moi ben que dicirche, porque de súpeto analizas contido dos anos 90 e nalgúns aspectos era moito máis transgresor do que pode ser o contido agora", responde Jirari. "Creo que onde si que se avanzou claramente, é nas cuestións de xénero, porque hai unhas políticas públicas; aí si que claramente hai cada vez máis mulleres directoras e por tanto todo iso non só se ve reflectido no tipo de contido que se fai, senón tamén en como se conforman os equipos", di. "Porén, no resto de realidades depende", engade.

Unha das sesións dunha das edicións anteriores do Foro © AGA

"É interesante pensar en todas as historias que nos estamos perdendo como público, como audiencia, como sociedade", di Jarari

"Creo que, sobre todo en termos raciais, é onde fai falta unha aposta moitísimo máis forte e onde a representación está máis estereotipada. Parece que se segue representando só á persoa racializada, inmigrante, vulnerable. E iso perpetúa a idea da sociedade de que as persoas racializadas só poden ser migrantes, cando xa hai varias xeracións que isto non é así. Con todo, segue sen reflectirse na ficción. Creo que iso é un dos maiores retos e dos máis urxentes", di.

Salima Jirari remata celebrando como "moi valente" a aposta da Academia Galega do Audiovisual, sorpréndelle que na terceira edición do seu Foro "decidan facer unha aposta así". "Normalmente a diversidade acaba sendo unha mesa dentro dunha xornada, pero non unha xornada en si mesma. Creo que é unha aposta moi forte e moi valente e que permite tamén profundar no tema", destaca. 

"Iso permítenos, por exemplo, que haxa unha mesa específica de produción, e falar de produción e de diversidade á vez é moi interesante; porque falar de diversidade e orzamentos é un tipo de conversación que se cadra non se ten tantas veces. E iso é algo replicable a cada unha das mesas que haberá", engade.

Tres días de debates, relatorios e proxeccióms

"Sobre todo en termos raciais é onde fai falta unha aposta moitísimo máis forte e onde a representación está máis estereotipada", sinala

O programa abordará cuestións como a representación diversa, a igualdade de xénero, a inclusión de persoas con discapacidade, e novas perspectivas na produción e no casting. Tamén haberá mesas redondas sobre novos roles emerxentes no audiovisual como a coordinación de intimidade e o impacto da diversidade en todas as fases de produción. Consulta aquí o programa completo de FIGA.

Fotograma de 'Sorda' © A contracorriente films

A creadora e performer interdisciplinar Nuria Vil será a encargada de conducir o acto inaugural do FIGA e de presentar o seu espectáculo Flúor significa escuridade, unha peza escénica que combina performance, poesía e música electrónica. 

"Ás veces pensamos que nos Estados Unidos se puxeron a favor da diversidade e chegan a facer peliculóns como Black Panther por unha cuestión de ética, cando en realidade o fan por unha cuestión económica", di

Destaca tamén a proxección de dous filmes, o xoves e o venres. En primeiro lugar, Sorda, candidata a representar a España nos Oscar, un filme que aborda a vida e os retos dunha muller xorda nunha sociedade adaptada á audición. A directora Eva Libertad acompañará a proxección. O seguinte título será La Furia, protagonizado por Ángela Cervantes e Àlex Monner. O filme é un drama español que segue a Álex, unha xoven actriz que sofre unha violación e canaliza o seu trauma a través do teatro e a interpretación de Medea e a proxección estará acompañada pola actriz Ángela Cervantes e a produtora Mireia Graell. 

As entradas para asistir ao foro teñen un custo de 5 euros diarios en concepto de reserva de praza, que deberán aboarse ao completar o formulario de inscrición. Esta cantidade actúa como garantía de asistencia e será devolta integramente ás persoas que finalmente acudan ao evento. Pódese atopar aquí o formulario para acceder aos relatorios e mesas redondas e aquí o Formulario para acceder ás proxeccións.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.