O Foro reúne a expertos internacionais para abordar os desafíos e oportunidades da intelixencia artificial para o sector, analizando como esta tecnoloxía está a revolucionar a creación, produción, distribución e exhibición de contidos audiovisuais
Este xoves botou a andar na Cidade das TIC da Coruña I Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), organizado pola Academia Galega do Audiovisual en colaboración coa Deputación da Coruña. O encontro, que remata este sábado reúne a expertos internacionais para abordar os desafíos e oportunidades da intelixencia artificial para o sector, analizando como esta tecnoloxía está a revolucionar a creación, produción, distribución e exhibición de contidos audiovisuais.
A conferencia inaugural foi impartida por Asa Bailey, supervisor de produción virtual de Netflix. Bailey explicou como posicionar os proxectos nunha contorna asolagada de contidos de calidade grazas ás achegas da IA e como o emprego desta tecnoloxía está a afectar á cadea de valor. Ademais da súa vinculación con Netflix, Bailey desenvolve a súa traxectoria profesional en empresas como Apple TV, NBC Universal, OSF Future ou Saatchi & Saatchi.
A conferencia inaugural foi impartida por Asa Bailey, supervisor de produción virtual de Netflix. Bailey explicou como posicionar os proxectos nunha contorna asolagada de contidos de calidade grazas ás achegas da IA e como o emprego desta tecnoloxía está a afectar á cadea de valor
Durante as tres xornadas do Foro, pasarán pola Coruña outros expertos en materias como lexislación, posprodución, dirección ou guión, abordando os desafíos e oportunidades que a IA está a presentar para o sector audiovisual. Por exemplo, Óscar Olarte, cofundador de MR Factory, fai un repaso das principais ferramentas que empregan IA para acelerar tarefas de preprodución, produción e posprodución. De igual xeito, os avogados Víctor Salgado e Francisco Menéndez explican a produtores, guionistas e creadores de contido a problemática que presenta o emprego de IA xerativa para a propiedade intelectual.
Pola súa banda, Gabriel Olarte e Elba Fernández explorarán as ferramentas que a Intelixencia Artifical pon a disposición de compositores e compositoras de bandas sonoras. Tamén se presentarán proxectos galegos que están a empregar a Intelixencia Artificial nos seus procesos de traballo, como Serea Films, Medretia e PLAT VR.
Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual, destacou que a Intelixencia Artificial é “un tema de actualidade, que preocupa e xera incertezas no sector”
O Foro foi presentado e inaugurado por Álvaro Pérez Becerra, presidente da Academia Galega do Audiovisual, que destacou que a Intelixencia Artificial é “un tema de actualidade, que preocupa e xera incertezas no sector” e manifestou o seu desexo de que no foro “se chegue a conclusións útiles para incorporar ferramentas para que os integrantes do sector poidamos facer mellor o noso traballo”.
Pola súa banda, Alba Meijide, coordinadora de contidos en Intelixencia Artificial de FIGA, salientou que a irrupción da IA “abre un mundo de posibilidades pero tamén vén da man de consideracións tecnolóxicas, éticas e legais que corresponde ao sector debatelas”.
Tempo para o debate
Para Alba Mejide, a irrupción da IA “abre un mundo de posibilidades pero tamén vén da man de consideracións tecnolóxicas, éticas e legais que corresponde ao sector debatilas”
Nas xornadas tamén haberá un espazo destacado para o debate, no que diversos profesionais intercambiarán os seus puntos de vista sobre cuestións que preocupan ao sector, como as implicacións éticas do uso da tecnoloxía na industria do entretemento, que serán abordadas por Amparo Alonso e Fernando Suárez, especialistas en intelixencia artificial, nunha conversa con representantes de Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG) e o Cluster Audiovisual Galego. Carlos F. de Vigo e Pepe Coira falarán dos últimos desenvolvementos en IA e dos desafíos que implica a súa utilización nun relatorio dirixido a guionistas e profesionais da dirección e a realización audiovisual.
O foro finalizará cunha mesa redonda sobre interpretación, na que despois dunha presentación a cargo de David Guaita de El Ranchito, se abrirá un diálogo coa avogada Nerea Sanjuan e representantes de Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e Asociación de Profesionais da Rama Artística da Dobraxe de Galicia (APRADOGA) sobre as potenciais ameazas que estas aplicacións supoñen para intérpretes de dobradores.
A Coruña, na vangarda
“A Coruña volve a situarse á vangarda na busca de explorar novas linguaxes audiovisuais aproveitando o gran potencial do que dispoñemos grazas á futura AESIA e á Cidade das TIC”, sinalou o concelleiro Gonzalo Castro
A deputada de cultura da Deputación da Coruña, Natividad de Jesús González, puxo en valor este xoves o sector audiovisual do país, “un sector estratéxico porque conecta a parte económica e industrial coa cultural”. “Nos últimos anos estamos a ver un crecemento e transformación exponenciais do audiovisual en Galicia, que crea novas oportunidades e enfrenta novos retos. E esta situación de cambio hai que abordala desde a cooperación, a implicación do sector público e privado, o coñecemento e a reflexión”, engadiu Natividad González.
O evento conta, ademais, co apoio do Concello da Coruña, que busca explorar as posibilidades que ofrece a intelixencia artificial, e máis tras ser escollida a cidade como sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial. “A Coruña volve a situarse á vangarda na busca de explorar novas linguaxes audiovisuais aproveitando o gran potencial do que dispoñemos grazas á futura AESIA e á Cidade das TIC”, sinalou o concelleiro Gonzalo Castro durante o acto de presentación.