Lucía Veiga, nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual

Lucía Veiga, presidenta da Academia Galega do Audiovisual © AGA

A coruñesa convértese así na novena presidenta da institución e a terceira muller en ocupar o cargo. Entran tamén na xunta directiva  a maquilladora e perruqueira Fani Mosqueira, o director de produción Javi Lopa, e os produtores Sara Horta e Xosé Manuel Barreira

A actriz Lucía Veiga é a nova presidenta da Academia Galega do Audiovisual. A elección tivo lugar nunha asemblea xeral da entidade celebrada o venres na que Veiga foi escollida entre os socios e socias da Academia para un período de dous anos, substituíndo a Álvaro Pérez Becerra. 

A coruñesa convértese así na novena presidenta da institución e a terceira muller en ocupar o cargo. A actriz estará acompañada na xunta directiva por profesionais de recoñecido prestixio do sector audiovisual. Incorpóranse a maquilladora e perruqueira Fani Mosqueira, o director de produción Javi Lopa, e os produtores Sara Horta e Xosé Manuel Barreira. Ademais, repiten como membros da directiva as actrices e directoras Carmen Méndez e Saamira Ganay, a directora e produtora Anxos Fazáns, a script e produtora Alba Gallego e o distribuidor e exhibidor Milo Baños.

O novo equipo salientou que "o audiovisual é un traballo colectivo, unha engranaxe perfecta na suma xenerosa de moitos talentos individuais" e puxo de manifesto a súa "ilusión e compromiso por comezar esta nova etapa da Academia". Esta é a Xunta directiva con maior representación feminina de todas as directivas da Academia. 

Lucía Veiga, co Premio Mestre Mateo obtido no ano 2023 © AGA

Entre as liñas mestras do mandato da nova directiva estarán dar continuidade do traballo feito polas directivas anteriores para que a Academia sexa un lugar de encontro do sector audiovisual galego

Entre as liñas mestras do mandato da nova directiva estarán dar continuidade do traballo feito polas directivas anteriores para que a Academia sexa un lugar de encontro do sector audiovisual galego, que aglutine a todos os oficios que participan no mesmo. Outro dos obxectivos será reforzar o papel da Academia como institución cultural vertebradora avanzando na cooperación entre administracións públicas e fomentando as alianzas entre as entidades representativas do sector e coa vista posta na celebración do 25 aniversario da Academia en 2027.

"A Academia ten na súa man o deber de traballar por un sector plural no que conflúen profesionais moi diversos, e o consenso é fundamental e ao tempo complicado. Só escoitando a todas a partes e integrando as necesidades pode conseguirse representar a un colectivo como este", apuntou Lucía Veiga

"A Academia Galega do Audiovisual ten na súa man o deber de traballar por un sector plural no que conflúen profesionais moi diversos, e o consenso é fundamental e ao tempo complicado. Só escoitando a todas a partes e integrando as necesidades pode conseguirse representar a un colectivo como este", apuntou Lucía Veiga tras a súa elección. "Os meus obxectivos principais son continuar na liña do diálogo e de acordo aberta polas xuntas anteriores, e que as persoas asociadas perciban o valor que lles aporta esta institución, que se sientan representadas", engadiu.

Actriz, humorista e presentadora de televisión, Lucía Veiga é coñecida polas súas aparicións en populares programas de TVG como Malicia noticias, Luar e Malo será,  e por papeis en series como Rapa, Vivir sin permiso, Serramoura ou El desorden que dejas. Foi nominada aos Premios Goya polo seu papel en Soy Nevenka, filme de Icíar Bollarín e gañou tres Premios Mestre Mateo consecutivos polos seus traballos como comunicadora no programa Malicia noticias, e como actriz na serie Rapa e no filme As Neves

Lucía Veiga recibe o Premio Mestre Mateo en 2025 © AGA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.