
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego, o premio foi para Bowery New York: unha alfaia do cinema galego, de Xurxo González. O ensaio adquire unha gran transcendencia, ao igual que o traballo previo de recuperación do filme, que se converte na primeira curtometraxe coñecida realizada por unha galega, a cineasta afeccionada Tini Andrés
Dende o ano 2017 a Academia Galega do Audiovisual vén impulsando co apoio das catro deputacións provinciais os Premios María Luz Morales procurando "fomentar a investigación sobre o audiovisual en lingua galega. Este xoves a entidade deu a coñecer os traballos gañadores nas diferentes categorías, dous videoensaios e tres ensaios escritos, que reciben un trofeo e un premio económico.
Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego, o premio foi para Bowery New York: unha alfaia do cinema galego, de Xurxo González. O xurado valorou a orixinalidade do tema, a investigación sobre unha cineasta que podería ser a primeira de Galicia e a aposta por saírse do canon establecido, reivindicando o cinema amador desde unha perspectiva feminina.
O ensaio adquire unha gran transcendencia, ao igual que o traballo previo de recuperación deste filme, que se converte na primeira curtometraxe coñecida realizada por unha galega, a cineasta afeccionada Tini Andrés, que no ano 1973 percorreu e gravou en Super 8 as rúas deste barrio de Manhattan.
A Academia Galega do Audiovisual entregou este xoves na Deputación da Coruña a novena edición dos seus galardóns, que buscan "fomentar a investigación sobre o audiovisual en lingua galega". Valeria Gómez, Aldara Pagán, Adrián Canoura e Ione Monje obtiveron os demais premios
O premio ao Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional foi para A estética queer, o camp e as distintas formas de representación transxénero no audiovisual contemporáneo, de Valeria Gómez. Nesta mesma categoría, o accésit correspondíu a Antes de que o mundo aconteza. A memoria mineral dentro do cine experimental, de Aldara Pagán.
Na categoría de Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional o recoñecemento recaeu en Jean Epstein: unha inmensidade de mar. O cinema como marea e pensamento, de Adrián Canoura. O accésit desta categoría foi para Bong Joon-ho e a comida, de Ione Monje.
O xurado desta novena edición estaba formado pola programadora Andrea Franco, a directora, montadora e investigadora Ariadna Cordal e o programador Julio Vilariño.
Bowery NY: unha alfaia do cinema galego
Bowery NY non viu a luz no seu momento e tampouco nos anos seguintes ata que a asociación Proxecto Socheo levou a cabo a dixitalización dos fondos de Tini de Andrés
Bowery NY é o primeiro filme feito por unha cineasta galega, a cineasta afeccionada Tini Andrés, que no ano 1973 percorreu e gravou en Super 8 as rúas deste barrio de Manhattan. A película, de algo máis de tres minutos, non viu a luz no seu momento e tampouco nos anos seguintes ata que a asociación Proxecto Socheo, que dende hai máis dunha década traballa na localización, conservación, estudio e difusión do patrimonio audiovisual da Guarda e da bisbarra do Baixo Miño, levou a cabo a dixitalización dos fondos de Tini de Andrés.
María Florentina Andrés Álvarez, Tini de Andrés, naceu no Rosal en 1947. Medrou na Guarda e despois de estudar Maxisterio, foi mestra nunha pequena escola rural en Rodeiro. Casa moi nova, con só vinte anos, e a partir de aí segue o seu home na procura de traballo na emigración, primeiro en Suíza e finalmente en Nova York. Alí merca unha cámara, coa que comeza a gravar o que a rodea e que tamén leva na maleta nas súas viaxes en vacacións a Galicia. Grazas a iso contamos con películas, recuperadas tamén por Proxecto Socheo (e que se poden ver na rede), que amosan a paisaxe da vila nos anos setenta, escenas da vida cotiá e as festas, desfiles e procesións.
"O filme ten unha preocupación social, mostra un interese nos refugallos da economía capitalista. Hai un interese por recoller as imperfeccións do sistema", sinala Xurxo González
De regreso á Guarda, volve ser mestra e mesmo participa en política como concelleira da derradeira corporación franquista, disolta en 1979. Nos anos seguintes dá clase en varios centros de ensino da comarca, pero tamén en Sevilla e, a partir de 1983, en varias localidades da Comunidade de Madrid, onde tamén se implica no traballo sindical ata a súa xubilación en 2007. Neses anos mesmo consegue licenciarse en Ciencias Políticas facendo o doutorado en Relacións Internacionais.
En realidade, destaca Xurxo González no ensaio premiado, Tini de Andrés leva a cabo as súas películas nun período de tempo breve e acoutado, entre 1973 e 1975, o que leva a situala como "a primeira muller que fixo cinema en Galicia", unha aseveración -engade- "sempre circunstancial, xa que mañá mesmo pode aparecer un novo caso que mellore os rexistros". A súa actividade pioneira, que agora coñecemos, encádrase dentro do traballo de recuperación doutras cineastas do seu tempo, como Cruz Risco.
"Non convén deixar pasar a importancia de Tini Andrés para que serva de referente e nutra a feble liñaxe de todas aquelas mulleres que foron quen de contrarrestar todas as dificultades para poder expresarse cinematograficamente", salienta o autor
"Máis non convén deixar pasar a importancia de Tini Andrés para que serva de referente e nutra a feble liñaxe de todas aquelas mulleres que foron quen de contrarrestar todas as dificultades para poder expresarse cinematograficamente", salienta Xurxo González, que engade que "podemos dicir que Tini Andrés non só foi unha pioneira do cinema senón que estivo na vangarda en moitos ámbitos da vida, unha precursora dos dereitos da muller e unha loitadora pola igualdade".
"Aparte deste recoñecemento o obxectivo desta investigación é intentar que a cineasta deixe de ser unha pantasma, unha omisión eterna, sacala do esquecemento e encher o oco que lle corresponde na historia do cinema galego", salienta González.
"O obxectivo desta investigación é intentar que a cineasta deixe de ser unha pantasma, unha omisión eterna, sacala do esquecemento e encher o oco que lle corresponde na historia do cinema galego", salienta González
O barrio de Bowery caracterizábase nese tempo pola ampla presenza de delincuencia, drogas e persoas sen fogar, unha realidade moi diferente á que coñecía Tini Andrés no barrio residencial no que vivía en New Jersey, preto de Newark. "O filme ten unha preocupación social, mostra un interese nos refugallos da economía capitalista. Hai un interese por recoller as imperfeccións do sistema", sinala.
Xurxo González salienta que Bowery NY "ten características propias das sinfonías das cidades dos cinemas de vangardas de entre guerras, quizais manexa un linguaxe menos poético e formalista pero si aposta por una crueza da realidade que enche todo de desencanto". Igualmente, di, "comparte experiencias biográficas e imaxinario co cinema diario de Jonas Mekas, imaxes fragmentadas, cheas de naturalidade para coller o momento da realidade circundante sendo cinema unha extensión da vida".
A estética queer e a Memoria mineral
O premio ao Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional foi para A estética queer, o camp e as distintas formas de representación transxénero no audiovisual contemporáneo, de Valeria Gómez
O premio ao Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional foi para A estética queer, o camp e as distintas formas de representación transxénero no audiovisual contemporáneo, de Valeria Gómez. Neste traballo, o xurado destacou o rigor da súa investigación, a capacidade de conectar filmes descoñecidos con outros de culto ou populares, e a reflexión profunda sobre a evolución do cinema queer e a estética camp na contemporaneidade.
A partir dunha revisión teórica, Valeria Gómez explora os conceptos de queer e camp, identificando as súas principais características temáticas e estéticas, como o humor, o exceso, a artificiosidade e a súa capacidade para subverter normas sociais e culturais. No ensaio aborda "o papel do audiovisual na visibilización da experiencia transxénero", entendendo estas representacións "non só como fenómenos culturais illados, senón como expresións complexas dunha lóxica política e estética que articula prácticas disidentes, formas de resistencia e procesos de reconfiguración identitaria".
"A estética queer continúa a constituírse como linguaxe de supervivencia, como estratexia de insubmisión fronte aos dispositivos normativos e como afirmación radical da vida e da diferenza", conclúe.
Nesta mesma categoría, o accésit correspondeu a Antes de que o mundo aconteza. A memoria mineral dentro do cine experimental, de Aldara Pagán
Nesta mesma categoría, o accésit correspondeu a Antes de que o mundo aconteza. A memoria mineral dentro do cine experimental, de Aldara Pagán, un traballo que se achega á representación dos obxectos e materiais desde unha perspectiva creativa, sinalando a autora que "a memoria mineral representa os suspiros esenciais que se agochan tras a terra. A historia natural máis resistente, que perdura a través do cambio e a adaptación".
O xurado salientou a "aproximación innovadora ao cinema experimental, atendendo aos elementos non humanos e ofrecendo unha perspectiva poética e orixinal sobre o audiovisual das marxes".
Videoensaios: Jean Epstein e Bong Joon-ho
O francés de orixe polaca Jean Epstein e o director coreano Bong Joon-ho (autor de Parásitos, Memorias dun asasino, entre outros filmes) protagonizan os dous videoensaios premiados nesta edición dos galardóns
O francés de orixe polaca Jean Epstein e o director coreano Bong Joon-ho (autor de Parásitos, Memorias dun asasino, entre outros filmes) protagonizan os dous videoensaios premiados nesta edición dos galardóns.
Na categoría sobre audiovisual internacional o recoñecementor foi para Adrián Canoura por Jean Epstein: unha inmensidade de mar. O cinema como marea e pensamento, un traballo no que o xurado destacou o coidado na montaxe, a combinación de imaxes, son e pantalla partida, e a capacidade de transmitir a fascinación do cineasta polo mar e a súa filosofía cinematográfica.
Canoura afonda na obra de Epstein, "o cineasta da auga", pois na súa produción son fundamentais mares e ríos, non só como escenario, senón cun papel protagonista. As súas obras retratan o mar da Bretaña francesa e a cultura tradicional que nela se desevolve. "No medio desa realidade dura e intensa, Epstein explora os límites da percepción e da forma, entre o rexistro humano e o xeofísico", destaca o autor, que engade: "Repensar o cinema neste ámbito oceánico hoxe é recompoñer unha imaxe de como o cinema pode mutar fronte á abundancia do real".
Canoura explica que "nas súas viaxes ao litoral bretón, Epstein buscaba algo máis que localizacións. Desexaba afiar a súa mirada, dirixida unha e outra vez cara aos corpos e as paisaxes do mar" e engade: "Filmaba o océano por medo, ese medo que nos impulsa a facer o que máis nos abala. Atrapar un temporal no cristal do cinema era para el unha forma de pensamento". No seu estudo, Canoura concúe: "o seu cinema non explica, respira. Convértese en ritmo, en fluidez, en tempo que ondula".
O accésit foi para Ione Monje e Bong Joon-ho e a comida, un videoensaio que ofrece unha análise sociolóxica e política sobre a relación dos personaxes coa comida na obra do director surcoreano, "realizada cunha montaxe coidada e reflexiva", destacou o xurado. A comida sempre está presente nas películas de Bong Joon-ho e "é o medio a través do cal o director posiciona a película", destaca a autora, porque nas películas de Bong Joon-ho "a comida éo todo".
O xeito no que comen é unha mostra "de como son os personaxes", sinaa Monje. De igual xeito, é importante ver "o que comen uns en contraposión co que comen os demais", mostra do seu estatus social e das súas aspiracións. Nas súas películas, destaca Monje, a comida emprégase tamén como un recurso para realizar transicións.
"As súas películas nunca son daqueles que voluntariamente comen sós, senón desas familias, por nacemento ou elección, que protagonizan os filmes", escribe a autora, un "comer xuntos, na pobreza ou na prosperidade" que é fundamental na súa produción. "Para Bong Joon-ho, comer é un acto de amor", conclúe Monje
María Luz Morales, unha pioneira “que abriu camiño a moitas”
A deputada Iria Castro salientou a relevancia de que os premios leven o nome dunha pioneira “que abriu camiño a moitas” e a importancia de “seguir fomentando o pensamento e a literatura arredor do audiovisual”
A entrega de galardóns tivo lugar na Deputación da Coruña e nela estiveron presentes Lucía Regueiro, en representación da Academia Galega do Audiovisual; Natividade González, deputada de cultura da Deputación da Coruña; Iria Castro, deputada responsabel da Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo; César Fernández, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e Jorge Cubela, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra.
A deputada Iria Castro salientou a relevancia de que os premios leven o nome dunha pioneira “que abriu camiño a moitas” e a importancia de “seguir fomentando o pensamento e a literatura arredor do audiovisual”. César Fernández definiu estes galardóns como “síntoma da madurez dun sector que é xa unha potencia en Galicia e que debe seguir reflexionando sobre os seus camiños de futuro”. Jorge Cubela destacou “a necesidade de continuar vertebrando o territorio a través da cultura e de seguir exportando e defendendo a nosa identidade audiovisual”.
Natividade González puxo en valor “a colaboración entre as catro deputacións e o compromiso común de facer da cultura un dereito accesible para toda a cidadanía”, lembrando a figura de Morales como “referente pioneira e inspiradora”
Finalmente, Natividade González puxo en valor “a colaboración entre as catro deputacións e o compromiso común de facer da cultura un dereito accesible para toda a cidadanía”, lembrando a figura de Morales como “referente pioneira e inspiradora”.
Os premios levan o nome de María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona, 1980), pioneira da crítica cinematográfica en España e figura destacada do xornalismo cultural do século XX. Morales comezou a súa actividade en 1924, asinando baixo un pseudónimo masculino, e chegou a ser a primeira muller en dirixir un xornal de ámbito estatal, La Vanguardia, durante a Guerra Civil Española.