En 2017 a Academia Galega do Audiovisual puxo en marcha os galardóns co obxectivo de "fomentar a investigación sobre o audiovisual en lingua galega". Dende entón, recoñecéronse varias ducias de traballos nas catro categorías de ensaio e videoensaio, con achegas sobre a produción máis recente e as tendencias de futuro e tamén pescudas sobre obras e profesionais do pasado
No ano 2017 a Academia Galega do Audiovisual puxo en marcha os Premios María Luz Morales co obxectivo de "fomentar a investigación sobre o audiovisual en lingua galega". Dende entón van xa oito edicións que recoñeceron 32 traballos nas súas catro categorías (ensaio sobre audiovisual galego, ensaio sobre audiovisual internacional, videoensaio sobre audiovisual galego e videoensaio sobre audiovisual internacional) ademais dun gran número de accésits, escollidos entre un gran número de propostas presentadas.
Un amplísimo corpus que estimulou a reflexión e a pescuda sobre o audiovisual de aquí e o de fóra, que ampliou a ollada sobre temas antes non profundados e que tamén contribuíu a recuperar algunhas figuras e traballos ata entón ignorados. Comezando pola propia reinvindicación da moi interesante figura de María Luz Morales (A Coruña, 1889 – Barcelona 1980), xornalista especializada na crítica de cine e de teatro, feminista, republicana e galeguista, e que durante a Guerra Civil se converteu na primeira muller en ser directora dun diario estatal: La Vanguardia.
As investigacións premiadas percorren os temas, discursos e escollas estéticas do audiovisual feito en Galicia nos últimos anos e a forma en que estas pezas retrataron e definiron o país
Un repaso aos traballos premiados nestes oitos anos permite trazas unha panorámica sobre o audiovisual feito en Galicia na actualidade e tamén en décadas anteriores. Podemos tamén explorar, cunha ollada propia, a produción realizada noutros países e tamén anticiparnos a fenómenos que probablemente marcarán o cine e a televisión nos vindeiros anos.
As investigacións premiadas percorren os temas, discursos e escollas estéticas do audiovisual feito en Galicia nos últimos anos e a forma en que estas pezas retrataron e definiron o país, con traballos coma Leña aos ollos! A paisaxe forestal no Novo Cinema Galego, de Iván Villarmea ou O campo de atrás: paisaxes rururbanas no cinema galego, do mesmo autor. Tamén o fai Equilibrios precarios. Unha aproximación aos vídeos dunha escena underground galega, de Cibrán Tenreiro, un traballo que estuda os vídeos que recollen a actividade da escena musical galega ligada a centros sociais e colectivos autoxestionados, a través de análise fílmica e entrevistas.
Pero as propostas escollidas polo xurado tamén miran cara aos profesionais e producións pioneiras do cine en Galicia, aínda que sempre vencelladas co presente
Pero as propostas escollidas polo xurado tamén miran cara aos profesionais e producións pioneiras do cine en Galicia, aínda que sempre vencelladas co presente. Así, Mamasunción. Na xénese do novo cinema galego, de Manuel Barreiro, destaca que Chano Piñeiro "anticipou boa parte dos elementos cos que traballa e definen o Novo Cinema Galego". Barrero, que se pregunta se é unha tolemia establecer a Piñeiro como referente do NCG, concede que "pode ser", pero engade que "tamén o era facer cinema en Galiza e en galego en 1983 e ter como protagonista a unha anciá de oitenta anos sen experiencia escénica" e conclúe que "Chano foi intre futuro doutros intres que son agora presente".
Esta pescuda das bases que foron alicerzando o audiovisual do país lévanos tamén a 1931, a un curioso libro editado en Vigo nese ano, Argumentos de películas, que pasara desapercibido para a historiografía do cine galego e español malia ser, con diferenza, o libro sobre cine máis antigo publicado en Galicia e tamén a primeira monografía en España dedicada á práctica do guión cinematográfico. No traballo galardoado na terceira edición dos premios, titulado precisamente Argumentos de películas, Pepe Coira non só analiza a singular obra, senón que afonda na súa autoría, a cargo de Jorge de Borrán, un militante anarquista que desenvolveu a súa actividade nos Estados Unidos e México entre os anos dez e vinte; e Jesús Iglesias Janeiro, un escritor de literatura esotérica establecido en Arxentina dos anos corenta en diante, dous homes envoltos no misterio.
O videoensaio Galicia, paisaxe de sangue, de Juan Ares, premiado na última edición, nace coa idea de amosar as posibilidades expresivas da paisaxe galega no cinema de terror ao longo das décadas
Este traballo de procura histórica está tamén en A Película de Autos de Marcos Nine, investigación premiada en 2018 e dedicada a Al nasr altair, un dos filmes máis singulares do cinema galego non só polo seu contido senón moi especialmente pola súa historia, pois a película foi obxecto de xuizo durante o franquismo. O filme, titulado co nome árabe da constelación da Águia, foi rodada en 1969 por José Ernesto Díaz-Noriega, catalán afincado en Galicia, por un encargo do Concello de Carballo, que se negou a pagarlle os seus honorarios, descontento por un resultado excesivamente atrevido. O director demandou o concello ante os tribunais e unha histórica sentenza recoñeceu o seu dereito a cobrar polo seu traballo.
Videoensaio sobre o audiovisual galego
Sara Varela analizou no seu videoensaio as 67 nominadas e 17 gañadoras dos Mestre Mateo dende o 2002. Unicamente pasaron o Test de Bechdel o 46% das finalistas e o 35% das gañadoras e só o 23% estaban protagonizadas por algunha muller
Os Premios María Luz Morales recoñecen ensaios e tamén videoensaios, en coherencia coa temática audiovisual do certame. Deste xeito, nestes últimos anos os galardóns supuxeron un extraordinario incentivo para a realización deste tipo de investigacións que empregan a imaxe como vehículo para a expresión.
Os oito videoensaios premiados na categoría centrada no audiovisual galego destacan pola variedade das propostas. Así, Galicia, paisaxe de sangue, de Juan Ares, premiado na última edición, nace coa idea de amosar as posibilidades expresivas da paisaxe galega no cinema de terror ao longo das décadas. Plantéxase como unha viaxe física e emocional por distintos puntos da xeografía galega, atravesando zonas de interior e de costa e coñecendo aos personaxes que as habitan.
En Films from Galicia (?) de Brais Romero, premiada en 2017, o autor fai un reconto das películas realizadas no país nos anos anteriores, buscando analizar e representar as diferencias existentes entre as producións feitas en lingua galega e lingua castelá dentro da cinematografía galega
Pola súa banda, B Positivos, de Sara Varela (2019), toma como eixo central o Test de Bechdel, o método empregado dende hai anos para valorar a cantidade e sobre todo a calidade das personaxes femininas nas obras de ficción, con regras como a obriga de que aparezan dúas mulleres con nome, que falen entre elas nalgún momento e que o tema desas conversas non sexa un home (parella, familiar ou outro). Neste ensaio, Sara Varela analizou todas as películas estreadas en salas en Galicia dende o 2013 ata 2018 e tamén as 67 nominadas e 17 gañadoras dos Mestre Mateo dende o 2002. Neste caso, unicamente pasan o test o 46% das finalistas e o 35% das gañadoras e só o 23% estaban protagonizadas por algunha muller.
En Films from Galicia (?) de Brais Romero, premiada en 2017, o autor tamén fai un reconto das películas realizadas no país nos anos anteriores, buscando analizar e representar as diferencias existentes entre as producións feitas en lingua galega e lingua castelá dentro da cinematografía galega e tamén procurando constatar cal é a posición de institucións coma AGADIC respecto da promoción do cinema en lingua galega. Romero afondou neste tema na súa tese de doutoramento, presentada pouco despois. Tanto Brais Romero coma Cibrán Tenreiro, premiados ambos os dous na primeira edición do certame, convertéronse en xurados dos galardóns en edicións posteriores.
Reflexións sobre o intre presente no ensaio sobre audiovisual internacional
Na última edición Manuel Barreiro Rozados levou o premio con Resurrección dixital e ‘deepfakes’. Os desafíos da intelixencia artificial nun audiovisual hiperreal, un traballo que reflexiona sobre como as últimas tecnoloxías chegan a "impugnar un concepto crucial na sociedade como é o da verdade".
No ensaio sobre o audiovisual feito fóra de Galicia destacan nos últimos anos as investigacións que analizan algúns fenómenos en auxe ou o papel que cada vez máis xogan novas tecnoloxías que poden mudar algúns dos actuais paradigmas sobre a imaxe creada e reproducida. Asi, por exemplo, na última edición Manuel Barreiro Rozados levou o premio con Resurrección dixital e ‘deepfakes’. Os desafíos da intelixencia artificial nun audiovisual hiperreal, un traballo no que percorre o desenvolvemento da tecnoloxía do CGI e a súa combinación recente coas tecnoloxías de intelixencia artificial, instrumentos que "fan posíbel a resurrección dixital de xeito interpretes xa mortos participen en películas actuais". O "nivel de perfección" acadado por estas creacións, tanto no cine coma a través de pezas difundidas nas redes sociais fai que o real se converta en "hiperreal" e mesmo chegan a "impugnar un concepto crucial na sociedade como é o da verdade".
De igual xeito, o ensaio premiado nesta categoría un ano antes, Glitch: A arte do accidente. Ontoloxía e evolución de Manuel Iglesias Vila, céntrase no glitch, un termo empregado inicialmente para describir un erro ou comportamento inesperado dun videoxogo, causado por problemas no código ou nos gráficos. O autor destaca que "dun xeito semellante ao proceso mutaxénico nos códigos biolóxicos, supón unha reflexión sobre os métodos de exploración aos que deixa acceso, aporta relevancia e tanxibiliza as limitacións do medio no que se desenvolve" e conclúe que "o glitch debuta un novo deseño de proscenio sobre o cal ten lugar a representación disruptiva dunha nova realidade.
En Barcos ao garete. Formas de esperanza radical no cinema da austeridade, de Iván Villarmea, o autor analiza a forma en que o cinema estivo a representar nos últimos anos os efectos da Gran Recesión e sobre todo a "esperanza radical" que xorde da catástrofe
Pola súa banda, en Barcos ao garete. Formas de esperanza radical no cinema da austeridade, de Iván Villarmea, traballo premiado en 2021, o autor tamén fala do presente, pero non da súa dimensión tecnolóxica, senón socioeconómica e da forma en que o cinema estivo a representar nos últimos anos os efectos da Gran Recesión e o austericidio. Villarmea falaba nesta investigación da "esperanza radical", unha "reacción visceral ao colapso das nosas expectativas que nace en momentos de crise, cando asumimos que todo está perdido". E explicaba que o "cinema da austeridade", aquel que retrata ou reflicte as causas e consecuencias da Gran Recesión, creou "numerosas representacións deste tipo, onde a esperanza radical chega, por camiños diferentes, ao seu paroxismo".
Videoensaio sobre audiovisual internacional
Na lista de videoensaios premiados nos últimos anos destacan varios realizados por mulleres e nas que a muller é protagonista. De feito, 9 dos 15 galardóns nas dúas categorías de videoensaio foron para mulleres
Finalmente, na categoría de videoensaio sobre audiovisual internacional na última edición foi premiado o traballo de Víctor Soho A gran imaxe non ten forma. Apuntamentos sobre a creacion de símbolos identitarios. Neste estudo, que emprega un formato vertical, pon en dúbida a forma europea de relacionar paisaxe cunha comunidade, como vén sucedendo en Galicia no último século e medio, ata chegar ao Novo Cinema Galego. En cambio, o autor presenta alternativas para construír novos emblemas para grupos de persoas oprimidas.
Eire García Cid gañou o premio cun traballo que explora a aparición masiva das figuras das heroínas violentas. E Denise Lozano abordou o uso do nu feminino mergullándose na súa orixe e evolución, dende os inicios do cinema ata os nosos días
Na lista de videoensaios premiados nos últimos anos destacan varios realizados por mulleres e nas que a muller é protagonista. De feito, 9 dos 15 galardóns nas dúas categorías de videoensaio foron para mulleres. Así, Eire García Cid gañou en 2022 con Aileen Wuornos presenta: mulleres violentas da posmodernidade cinematográfica, un traballo que explora a aparición masiva das figuras das heroínas violentas e visibiliza a existencia dunha serie de fórmulas recorrentes, a través das que estas tenden representarse e que serven para asimilalas e asimilar, en definitiva, o trauma que producen.
De igual xeito, Núas. Evolución da estética e o significado no nú feminino de Denise Lozano, premiada en 2018, aborda o uso do nu feminino mergullándose na súa orixe e evolución, dende os inicios do cinema ata os nosos días. Así mesmo, pretende reflexionar sobre unha tendencia actual a romper cos antigos estereotipos e formas, reivindicando o empoderamento da muller a través da exhibición do seu corpo espido.