O 56% dos filmes producidos en Galicia entre o ano 2000 e 2015 teñen como lingua principal o castelán, fronte a un 18% que empregou o galego. Cifras reducidas para a lingua galega a pesar de que as subvencións entregadas pola Xunta entre 2000 e 2014 para a realización de filmes especificaban que o seu destino eran as "producións e coproducións audiovisuais en lingua galega”. No 2015 o título da convocatoria das axudas mudou a "producións e coproducións de contido cultural galego”, eliminándose a esixencia de entregar unha copia do filme en galego.
O 56% dos filmes producidos en Galicia entre o ano 2000 e 2015 teñen como lingua principal o castelán, fronte a un 18% que empregou o galego
Brais Romero (director de A Cuarta Parede) ven de defender na USC a súa tese de doutoramento, 'O rol do galego no cinema galego de ficción: 2000 - 2015', unha investigación na que fai un repaso á política audiovisual deste período e o seu efecto na produción de longametraxes e no emprego neles da lingua galega. O traballo elabora ademais unha pioneira base de datos de longametraxes producidas nese período de tempo. E, ademais, establece unha serie de tres requisitos para a definición dun filme galego: ter sido realizado orixinalmente en galego, contar cun mínimo do 20% de participación galega na súa produción, ou ser beneficiario dunha axuda autonómica ao fomento do cinema.
Na tese, Romero conclúe que o galego "está lonxe de estar normalizado" na produción cinematográfica do país e chama a atención sobre a ineficacia da política audiovisual para promover o seu uso, en boa medida pola falta de control da Xunta sobre o cumprimento das esixencias contidas nas súas propias convocatorias.
Alerta, así mesmo, dun "estigma" que bloquea a utilización do galego para a exhibición comercial dos filmes, pero detecta unha tendencia positiva nos últimos anos, da man dunha nova xeración de creadores e creadoras que realizan cine en galego sen complexos e con éxito de crítica e público dentro e fóra de Galicia, dende Dhogs a O que Arde. "Existe un cinema galego e en galego que pode facer vida comercial nas salas tradicionais" ,apunta como hipótese futura. Falamos con el.
Romero conclúe que o galego "está lonxe de estar normalizado" na produción cinematográfica do país e chama a atención sobre a ineficacia da política audiovisual para promover o seu uso
A túa investigación abrangue o período 2000-2015. Por que escolliches o ano 2000 para comezar a mostra?
Pareceume axeitado acoutar pola promulgación da Lei Audiovisual, aprobada no ano 1999. Anteriormente houbera políticas audiovisuais, pero foran intermitentes ou erráticas e non se apoiaban nunha lei-marco. A lei de 1999 puxo negro sobre branco o vínculo que existe entre cine e lingua, nun documento no que a propia Xunta de Galicia recoñece as obrigas que ten de cara á promoción e normalización da lingua no audiovisual. Despois de aprobarse a lei o número de películas producidas aumenta considerablemente. Por exemplo, entre 1989, outra data clave, e 1999, prodúcense en Galicia dúas ou tres longametraxes ao ano. Pero a partir do 2000 comezamos a falar de 13 ou 14 longas por ano e dun sector que xa comeza a estar consolidado.
"Entre o 2000 e o 2014 todas as axudas son ao fomento da produción en lingua galega. Pero iso non se reflectiu na realidade, porque moita xente dobra os filmes en galego para entregar a película"
Empregas unha serie de tres criterios para definir un filme como galego. Cales son?
É obvio que se unha película está rodada en galego é unha película galega, pero este non podía ser un criterio exclusivo, porque podería botar fóra unha película sen diálogo, e máis en Galicia, onde o cine experimental foi moi habitual nos últimos anos. Por outra banda, está a produción galega, que fixamos nun mínimo do 20% para que un filme poida ser considerado cine galego. E, despois, o que quizais chama máis a atención é engadir aquelas películas que son beneficiarias dunha axuda. Isto é así porque sería absurdo que unha película financiada polo Goberno de Galicia non sexa considerada como galega. Iso si, que sexa unha película galega non quere dicir que ao mesmo tempo non poida ser tamén unha película inglesa ou arxentina.
Houbo durante anos un debate entre visións máis culturais e outras máis industriais á hora de considerar o que era o cinema galego. As primeiras primaban o uso da lingua galega e outros elementos identitarios, as segundas incidían máis en que a produción fose galega. Acabou triunfando a visión industrial?
Hai unha cita de Xosé Nogueira, que di que nos anos 80 houbo un cambio: deixouse de falar de cine galego e comezouse a falar de cine en Galicia, e que este cambio significa tantas cousas que á vez non significa nada. Isto é un signo desta deriva industrial que tivo o cinema nos últimos anos. Nos anos 70, cando os cineastas amadores comezan a facer filmes en Galicia, sempre poñen a cultura por diante, como algo imprescindible. Pero cando comeza a existir unha profesionalización do sector, comeza a verse a lingua como un sobrecusto, porque pode supoñer barreiras á hora da distribución. E mesmo nestes momentos é máis habitual falar de cinema feito en Galicia que de cinema galego, que mantén unhas connotacións militantes que non debería ter, cando si falamos de cinema francés, cinema español ou cinema arxentino.
"Mesmo nestes momentos é máis habitual falar de cinema feito en Galicia que de cinema galego, que mantén unhas connotacións militantes que non debería ter"
Serviron as axudas ao audiovisual para promover a utilización do galego no cine?
Non, non o creo. Aí están os datos: de todas as longametraxes de ficción que se fixeron entre o 2000 e 2015 só un 23% foron películas feitas en versión orixinal galega. E isto é aínda máis sangrante se pensamos que entre o ano 2000 e o ano 2014 todas as axudas son ao fomento da produción ou da escrita de guión en lingua galega. Pero iso non se reflectiu na realidade, porque moita xente dobra os filmes en galego para entregar a película e moitos nin sequera fan iso, pero a administración non controla a finalización desas axudas. As axudas funcionaron moi ben para consolidar a produción de cinema en Galicia, pero para fomentar o cinema en galego non funcionaron. Á vista está.
Na tese subliñas que a dobraxe ao galego non se utiliza tanto para a exhibición dos filmes nesta lingua coma para superar un requisito administrativo, para acceder a estas axudas. Era moi frecuente isto?
Si, iso é certo. É moi difícil ter datos da exhibición en galego ou en castelán dos filmes, temos datos dos espectadores de cada película, pero non sabemos cantas veces se proxectaron en cada lingua. A realidade é que poucas veces pode verse un filme en galego nas salas e como moito esas versións quedan relegadas aos seus pases na TVG. Porén, as versións dobradas serven para disfrazar a realidade á hora de pedir as axudas. Cambian tamén os títulos, e así vemos que nos Mestre Mateo se presenta 'O descoñecido', aínda que o filme foi proxectado en castelán.
"Hai moita xente que pensa que 'O que Arde' non pode compartir espazo con 'Os Vengadores' nuns multicines. E por que non? Hai público para todo"
Existe un estigma á hora de filmar en galego? Segue considerándose que o galego é un obstáculo para chegar ao público?
O problema da exhibición é que nos poñemos paus nas rodas nós mesmos. Porque despois vemos que O que Arde, A Esmorga, Dhogs ou A Estación Violenta se proxectaron en galego, tiveron moitísimos espectadores e non tiveron ningún problema. Pasou tamén cando abriu Numax e comezou a ofrecer cine en versión orixinal subtitulada: ninguén o estaba a ofrecer pero estaba claro que había un público para iso. Hai un estigma que pouco a pouco vai sendo superado. O mesmo que hai moita xente que pensa que O que Arde non pode compartir espazo con Os Vengadores nuns multicines. E por que non? Hai público para todo. Di Miguel Moreira que non é que non haxa demanda, senón que non hai oferta. A demanda constrúese poñendo a oferta sobre a mesa. O público para o cinema galego está aí, a cuestión é que hai que ir a atopalo, hai que ofrecerlle películas.
"Non é que non haxa demanda, senón que non hai oferta. A demanda constrúese poñendo a oferta sobre a mesa"
O galego pode ser mesmo un elemento que achegue valor ao filmes, que os dote dunha identidade? É dicir, cando vemos cine coreano, romanés ou iraniano valoramos que as películas estean na súa lingua orixinal, faríasenos raro velas en inglés ou en castelán...
Si, da mesma maneira que nós consumimos en Netflix unha película ou unha serie en inglés subtitulada, por que non vai haber alguén que vexa unha película en galego subtitulada en inglés, alemán ou castelán? É unha teima que se ve reforzada por eses criterios industriais que avogaban por empregar o castelán, porque iso aforraba ter que facer unha dobraxe ou porque aforraba uns supostos riscos, era como xogar sobre seguro. Son estigmas que creo que están caendo e estase demostrando que hai un cambio na mentalidade dos novos creadores. Neles hai un compromiso por facer cine en galego e con proxección exterior.
"Hai unha toma de responsabilidade por parte dos creadores, sobre todo por parte dos creadores máis independentes, que avogan por un cine en galego"
Como valoras os datos que obtiveches na investigación? Sorprendeuche a porcentaxe de filmes en galego? Cres que nos últimos anos esta realidade se mantén ou mudaron as tendencias?
O dato deume moitísima pena, porque sinala unha absoluta aniquilación do castelán sobre a produción en galego. Pero, pola contra, todo o que está a suceder agora si que me fai ter unha esperanza. Comecei a investigación no 2015, que é cando remata a mostra, e alegroume ver que nestes últimos catro anos moitos dos argumentos que se adoitaban repetir para xustificar o feito de non usar o galego están sendo refutados.
Catro anos despois é aínda moi cedo para dicir que todo cambiou, pero si que creo que hai unha intención de que isto cambie. Hai unha toma de responsabilidade por parte dos creadores, sobre todo por parte dos creadores máis independentes, que avogan por un cine en galego. Pode que as cifras non variasen demasiado, pero si variou o discurso. Vólvense escoitar aquelas cousas que se dicían nos setenta, que avogaban por un cine máis cultural e non industrial e esa aposta está sendo correspondida nas salas de cine polo público. Esta xeración de creadores, que estivo nun comezo moi centrada no documental ou no cinema experimental está a entrar agora na ficción, e iso é un signo moi positivo, porque estas películas poden chegar con máis facilidade ás salas.
"Moitas cousas cambiaron no audiovisual nestas dúas décadas e deberíamos poñernos de acordo sobre que queremos que sexa o cinema galego nos vindeiros vinte anos"
Que se podería facer dende a administración, por exemplo nas convocatorias de axudas á produción audiovisual, para promover o uso do galego no cine? Que habería que cambiar?
Hai moitas cousas que se poden facer, e o primeiro é volver ás axudas para a produción en lingua galega, e non as actuais axudas para contido cultural galego, onde entra dende a gastronomía ou reinterpretar en castelán a figura dunha autora galega. Falta concreción e unha definición máis clara e falta tamén moito control por parte da Xunta. A min sorprendeume, revisando as películas depositadas no CGAI que recibiron axudas á produción, que un 34% dos filmes non estaban, como é a súa obriga. A administración debe controlar todas as etapas da concesión dunha axuda. Non pode ser que en 15 anos se incumprisen de forma sistemática os criterios para os que estaban convocadas as axudas.
Así mesmo, debería haber un consenso entre todos os partidos para actualizar a Lei do Audiovisual, ao igual que o houbo no ano 1999. Porque moitas cousas cambiaron no audiovisual nestas dúas décadas e deberíamos poñernos de acordo sobre que queremos que sexa o cinema galego nos vindeiros vinte anos.