Os realizadores Ángel Santos, Sonia Méndez e Xacio Baño xa o advertiran no manifesto en defensa das axudas ao talento que lanzaron o pasado mes de abril: o cinema galego estaba chegando a circuítos internacionais nos que nunca antes estivera presente. E, se non queremos renunciar a esa visibilización do traballo dos nosos creadores en mostras, certames e festivais de prestixio, a continuidade destas subvencións debía estar garantida. Xa daquela, os argumentos eran poderosos. Como o premio que gañara en Cannes Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe. Pero o tempo deulles, máis aínda, a razón.
Pablo Cayuela e Xan G. Viñas acaban de presentar no festival CPH:Box, en Copenhague, o seu documental Fóra, que recibiu 16.000 euros na última convocatoria das axudas ao talento. “O proxecto xurdiu dunhas xornadas celebradas o ano pasado, A memoria silenciada, nas que houbo unha conferencia de Emilio González e Antón Seoane sobre o psiquiátrico de Conxo no tardofranquismo. Alí estaba María do Cebreiro, que nos falou da reforma realizada neste centro nese tempo...”, explica Cayuela.
A idea inicial destes dous directores, -Fóra é o seu primeiro filme-, foi gravar as pegadas que podían quedar, no psiquiátrico de Conxo, daquela reforma dos 70. Pero non lles foi permitido tomar imaxes no interior. “Fomos variando, entón, o proxecto. En realidade, falamos da historia do psiquiátrico desde a súa fundación ata a actualidade. E o que atopamos foi uns movementos moi semellantes que no resto de Galicia ou do Estado a nivel social e político. Xa na República houbera conflito. Nos 70, todo comezou coas reivindicacións laborais do persoal do psiquiátrico. Entón os internos tamén empezaron a reivindicar os seus dereitos. Foi, en realidade, unha consecuencia lóxica de todo o que estaba pasando: as revoltas obreiras do tardofranquismo, as folgas, a memoria do maio do 68 que estaba recente...”, indica Cayuela.
Mais, tras a reforma, chegou a contrarreforma. “Houbo despedimentos, e produciuse unha regresión, como a volta ao peche dos doentes, que é contra o que loitaban os psiquiatras da reforma. E aínda ata hai pouco seguiron no poder, nesta institución, os que estaban coa contrarreforma. Por iso despediron, por exemplo, a Ramón Muncharaz, xa nos anos 80. Atopamos materiais moi diversos, que fomos organizando en bloques que chocan entre si e mesmo chegan a contradicirse. E nós mesmos non sabemos moi ben que conclusión tirar, aínda que desde logo a nosa non é unha historia oficial”, engadiu.
O cinema galego viaxa a Arxentina
Do 17 ao 25 de novembro celebrarase o Festival Internacional de Cine de Mar del Plata, en Arxentina. E nel haberá unha nutrida representación galega: Anacos de Xacio Baño; Fantasmas#1 e Fantasmas#2 de Ángel Santos; Á luzada, Lupita e Noite de Xurxo Chirro; Goitik behera, behetik gora do galego Vicente Vázquez e a vasca Usue Arrieta e Engurras, de Ignacio Ferreras, unha das triunfadoras dos premios Mestre Mateo 2011.
Anacos recibiu case 6.700 euros na última convocatoria das axudas ao talento. Pero os resultados que acadou, en termos de recoñecementos, valen moito máis. A curtametraxe foi premiada no XIV festival Abycine, en Albacete; no Festival de Málaga, no de Las Palmas, no Shnit Film Festival en Suiza, en Curtocircuíto ou no Fic Bueu. Mais o seu periplo nacional e internacional non se esgotou aí, pois foi seleccionada para o Kaohsiung Film Festival de Taiwan, o Fesancor de Chile, o Unabhängiges FilmFest Osnabrück de Alemania, o Cinespaña de Toulousse ou o London Spanish Film Festival, entre outros.
Xacio Baño compara a vida cunha receita de biscoito na sinopse de Anacos. Porque diso fala: do breve e simple que é, no fondo, vivir. Como unha vez lle dixo o seu avó: “estudar os fillos, amañar a casa e mercar uns montes”. Acababa de resumir, en só dúas liñas, o fundamental. Como fixo Xacio na súa curta, cuxa imaxe está partida, precisamente, en anacos. Pedazos verticais polos que desfila o desacougo dunha nai que non sabe como encarreirar a súa vida unha vez que os fillos marcharon da casa. Este fondo existencial tamén o tiña Estereoscopía, filme beneficiario dunha das axudas ao talento do 2010, que competiu en festivais de París, Londres e outras cidades.
“A vantaxe das axudas ao talento é que están enfocadas de xeito que podes facer proxectos máis persoais, sen ter unha produtora detrás. E eu creo que, nun mundo globalizado, o camiño vai ser iso, achegar unha visión persoal. Así, estas axudas fan que haxa voces propias, e non só produtos prefabricados”, opina Baño. Con el amósase de acordo Ángel Santos, que non deixa de insistir na elevada rendibilidade, medida en visibilización do cine galego, que conseguen estas axudas “cun investimento pequeno, que pasou de 300.000 euros en total no ano 2010 a 150.000 no 2011. No 2012 non se convocaron, e non sabemos que vai pasar con elas”, indica.
“A vantaxe das axudas ao talento é que están enfocadas de xeito que podes facer proxectos máis persoais, sen ter unha produtora detrás. E eu creo que, nun mundo globalizado, o camiño vai ser iso, achegar unha visión persoal"
Fantasmas#2, que recibiu 5.800 euros de subvención, é a segunda parte dunha triloxía aínda sen rematar que esculca no xeito no que as imaxes constrúen a nosa memoria. "As vellas fotografías, as cintas de Super 8, dannos unha imaxe de como foi a realidade. Pero quizais nós non nos identificamos, por exemplo, con aquela estampa de felicidade que vemos na foto. Se cadra ese non é o noso recordo. Ou pasa ao revés. É como se a imaxe construíse a súa propia realidade, independentemente de nós”, comenta. Fantasmas#1 percorre cadernos de fotos familiares que nos trasladan a un pasado que semella irreal. Fantasmas#2 contrapón as fotografías das distintas casas nas que viviu Ángel na súa infancia coa imaxe actual das mesmas. E Fantasmas#3 deterase na súa vivenda de hoxe.
A consolidación de autores independentes
"Ser recoñecido nun festival de prestixio internacional non é, tampouco, garantía ningunha de non seguir, nos proxectos seguintes, coa mesma precariedade de sempre"
Ser recoñecido nun festival de prestixio internacional non é, tampouco, garantía ningunha de non seguir, nos proxectos seguintes, coa mesma precariedade de sempre. A continuidade de apoios como os das axudas ao talento é, así, fundamental para que os autores independentes poidan seguir traballando. Oliver Laxe recibiu o ano pasado unha subvención de 7.000 euros para Retroceder xamais. Ficción do intermedio, aínda que na actualidade anda máis centrado en As mimosas, filme ao que se lle concederan 9.000 euros no 2010. “O espírito das axudas ao talento é contribuír a que os autores poidan experimentar, equivocarse, para que a súa mirada se forme de maneira máis orgánica, natural, persoal”, salienta.
Na listaxe de beneficiarios das axudas ao talento do 2011 figuran outros realizadores xa coñecidos polo éxito acadado antes, como Pablo Millán. A súa curta do 2010, Fatum, unha reflexión sobre a opresión do individuo a partir do seu sometemento á cultura do medo creada polas noticias macabras, percorreu importantes certames de varias cidades estadounidenses e europeas, e levou o Director’s Choice Award no Black Maria Film Festival, o premio especial do xurado á mellor curta no 44º WorldFest Houston International Film Festival, o galardón á mellor obra experimental no Euroshorts de Varsovia ou o Director’s Choice Award do Brno 16, na República Checa. Fatum contou cunha axuda ao talento, como Gymnopedie nº 1, o proxecto que este autor preparou para o 2012.
Na listaxe de beneficiarios das axudas ao talento do 2011 figuran outros realizadores xa coñecidos polo éxito acadado antes, como Pablo Millán
A estética de Gymnopedie é distinta da de Fatum. “Unha parella fai pic-nic, nunha imaxe moi bucólica. Permanecen estáticos, sorrintes, mesmo cando comezan a devoralos as formigas. A transición entre Fatum e Gymnopedie foi outro traballo que acabamos tamén este ano, O almorzo, na que vemos unha parella inmóbil ante a comida. Este filme estivo xa no Asiana Short Film Festival, en Seúl, e no Athens International Film Festival. E gañou, como Fatum, o Director’s Choice no Black Maria. Gymnopedie aínda non comezamos a envialo a festivais”, subliña Millán.
Tamén Conversa cunha muller morta, de Sonia Méndez, -levou 4.900 euros das últimas axudas ao talento-, conta xa uns cantos festivais percorridos. Gañou o galardón da asociación contra a violencia de xénero Bezok Becko no festival de curtas Ikuska en Pasaia (Guipuzkoa), e foi hai pouco nominada a mellor curtametraxe en vídeo no Cineculpable de Vila-real. Foi escollida mellor curta galega no IX Curtocircuíto e obtivo o premio ao mellor actor no IX Festival de Cans. No 2010, esta realizadora recibira 6.000 euros das subvencións ao talento para As damas negras, que foi premiada no Taiwan Kaohsiung Film Festival e nos Mestre Mateo. En Conversa cunha muller morta, unha dona volve desde o alén para reencontrarse co seu asasino, o seu marido.
Unha historia ben diferente, tamén protagonizada por unha muller, é Piedad, de Otto Roca, seleccionada para competir no Miradas Doc, en Tenerife. Apoiado con 5.000 euros na última convocatoria das axudas ao talento, o filme afonda, como Enrugas, na vida cotiá das persoas maiores, e faino coa mesma calma que a cámara captou na aldea de Piedad, na que todo, ata a soidade, camiña máis a modo.
Outros espazos para a visibilización
"A presenza en festivais non é a única maneira de visibilizar o cinema galego. Algunhas pezas atopan o seu lugar noutros espazos, como os museos"
A presenza en festivais non é a única maneira de visibilizar o cinema galego. Algunhas pezas atopan o seu lugar noutros espazos, como os museos. É o caso doutras dúas obras que figuran na resolución da última convocatoria de axudas ao talento: Vivencias dunha pega de Amaya González, que formou parte da exposición Entrar na obra do MARCO de Vigo, e A quem se lhe conte de Alberte Pagán, que está integrada en A balea negra, a mostra que conmemora a apertura deste centro hai dez anos, o mesmo día que se afundía o Prestige.
Vivencias dunha pega tamén se pode ver en Ecos de Baudelaire, Brecht e Benjamin, unha das últimas exposicións que abriu a Fundación Seoane. “Naceu como proxecto escénico, e consolidouse como proxecto audiovisual. Interésame moito esa mestura, e a mutua contaminación entre distintas artes. A idea básica é a relación absurda que temos cos obxectos, por iso o da pega. É un obxecto, unha lámpada de cristal, moi desexado, que acaba sendo ao final case máis importante que o cuarto que o vai albergar”, explica González.
A quem se lhe conte foi xa proxectada en Cineuropa, e estes días está se cadra máis de actualidade que nunca. Pagán traballou, nesta longa, con imaxes que tiña gardadas do desastre do Prestige. Non hai, nesta obra, máis voces que as das pintadas nas paredes, como a que lle dá título ao filme. A máis simbólica, é, se cadra, unha que apareceu sobre un dos carteis publicitarios do Plan Galicia: Fuzilar-vos era pouco. Que nos devolvan o mar!. Ou Fraga muerte, que alguén tapa con pintura branca. Mais o filme inverte as imaxes: a que estaba para arriba pasa a mirar para abaixo, e a que andaba cara adiante muda para camiñar para atrás. Por iso, as pintadas borradas reaparecen sempre.
E ese é o sentido do filme: a paisaxe garda, sempre, as pegadas da historia. Por moito que tentemos esquecela. “O chapapote quedou debaixo da area, ou nalgunhas rochas. Cando a area está chea de chapapote, e a preocupación é borrar as pintadas, temos unha idea clara de cales son as prioridades políticas. Como lles dou a volta ás imaxes, as pintadas sempre volven estar. O tapado volve estar destapado. E esa é a idea, ter presente a paisaxe e a historia, ser conscientes dela. Tamén ser conscientes da propia imaxe, como algo que non nos vén dado, senón no que temos que meternos. O obxectivo é forzar o público a iso, a facerse consciente das imaxes. Como presento as mesmas imaxes que se acaban de mostrar, pero invertidas, o público pode facer un exercicio de memoria e anticipar cal chega despois. E esa é a proposta de A quem se lhe conte: memoria, non esquecer”, explica Pagán.
Do lado máis artístico sitúase tamén a produción audiovisual de Lois Patiño, que acaba de presentar no Festival Internacional de Roma a súa curta Montaña en sombra. Nela segue a afondar na investigación sobre a relación humana coa paisaxe que comezou en Paisaxe-Duración ou Paisaxe-Distancia. Só que desta volta leva a distancia e a inmensidade do espazo ao extremo, tornándose a súa procura pictórica da imaxe, que estaba xa en traballos anteriores, máis abstracta e irreal. Na última convocatoria de axudas ao talento, Patiño recibiu 20.000 euros para Costa da Morte, un proxecto que retomará en decembro tras finalizar a bolsa artística que desenvolve na actualidade en Irlanda.
“En Costa da morte haberá unha dobre distancia perceptiva”, -conta-. “As imaxes serán planos abertos paisaxísticos pero onde sempre haberá unha figura humana afastada. O son que escoitaremos será, porén, un son moi próximo á persoa. Escoitaremos o seu esforzo físico ao traballar na terra, no mar, no bosque... e tamén oiremos as conversas que teñan as persoas, que en moitos casos estarán vinculadas a aspectos históricos ou lendarios da paisaxe. Os protagonistas da película son persoas da terra, que viviron toda a súa vida neste lugar, nesa paisaxe. Con este procedemento técnico busco unha certa identificación do home coa paisaxe, como un ente total. A voz, a respiración, dan ao mesmo tempo a sensación de saír directamente da paisaxe, o que suxire una idea animista”, subliña.
Hai máis nomes na última convocatoria das axudas ao talento. Como Gonzalo García Velasco, Breogán Riveiro, J. Varela Abeledo -autor, xunto con Eduardo Sanches e Vanessa Vila Verde, do documental En companhia da morte-, Pablo López Outón, Susana de la Riva, Alberte García Hermida ou Xoán Escudero, creador de Arquitectura e cine, “unha especie de comedia romántica dun arquitecto en horas baixas e unha cineasta”, segundo el mesmo a define. En Cineuropa poderemos ver as súas Curta nº 2 e Curta nº 3, historias sobre mulleres que comezan unha nova vida. “Unha marcha para Lisboa e non consegue adaptarse, outra vaise a París e deixa o seu mozo aquí...”, adianta. Non hai que confundir estas dúas pezas con Carta 1 e Carta 2, dúas das vídeo-cartas que se intercambiaron Marcos Nine e Eloy Domínguez nunha sorte de memoria cinematográfica do actual tempo de crise.
Marcos Nine resume en poucas palabras a vantaxe das axudas ao talento: “liberdade para crear”
Marcos Nine é, xunto con Rodrigo Losada, o creador de La Brecha, que recibiu 20.000 euros das axudas ao talento do 2010 e foi outro dos éxitos do cinema galego, estreado no Bacifi de Bos Aires. Na última convocatoria destas subvencións tamén se encontra o novo proxecto de Alexandre Cancelo, autor, -con Iago Martínez- do documental Contra a morte. Unha aproximación a Lois Pereiro. Cancelo recunca, desta volta, na biografía, con Dos soños antes do cinematógrafo, que xa presentou en Curtopía. Só que o personaxe escollido, Xosé Freixeira, non é tan coñecido coma Pereiro. “Freixeira é unha das figuras desa outra cara de Galicia, dos que marcharon e non contan na historiografía oficial. Foi a súa filla, Inés, quen me pasou o material caseiro que utilicei. A premisa de partida era gravar os soños, pois non sei se o cinema transforma os nosos soños ou se os nosos soños transforman o cinema. Se os soños inflúen na linguaxe cinematográfica, ou é ao revés”, sinala. E resume en poucas palabras a vantaxe das axudas ao talento: “liberdade para crear”.