"Na historia do cinema todos os movementos viñeron acompañados dunha determinada política audiovisual"

Beli Martínez Dominio Público Universidade de Vigo

"Digámolo xa ao principio: 2010 será o ano máis importante da historia do audiovisual galego". Así comezaba un texto (2010, o ano do Novo Cinema Galego) que o crítico cinematográfico Martin Pawley publicou o 2 de xaneiro dese ano no desaparecido Xornal de Galicia. Pawley, xunto con Xurxo González e José Manuel Sande fixo popular a etiqueta de Novo Cinema Galego para agrupar unha serie de filmes de non-ficción, de clara vocación artística e autoral e unha serie de directores emerxentes (Oliver Laxe, Eloy Enciso, Ángel Santos, Lois Patiño...) que estaban a presentar os seus primeiros traballos, que de seguido comezaron a obter importantes galardóns en Cannes, Locarno ou Rotterdam. Un movemento que creceu ao abeiro da dixitalización do cinema e, en boa medida, das oportunidades outorgadas dende o ano 2006 polas axudas ao talento e á produción da Axencia Audiovisual Galega.

Seis anos despois do disparo de saída, o movemento segue vivo, incorporando máis autores e autoras, máis filmes, e obtendo novos recoñecementos. Todo movemento, con todo, necesita tamén de investigación e sistematización, coma a que a profesora Beli Martínez ofrece na súa tese de doutoramento, O cine de non ficción no novo cinema galego (2006-2012), que vén de defender na Universidade de Vigo. Martínez é tamén unha das impulsoras da web Novo Cinema Galego, que dende hai meses serve de catálogo e instrumento de difusión do movemento.

Que é o Novo Cinema Galego? Que límites ten a etiqueta?

É un tipo de que película que non é industrial, que é autoral, na que destaca por riba de de todo a mirada do director. É un cinema moi persoal, no que hai unha procura narrativa, estilística, nun intento por contar algo moi persoal. Outra característica pode ser a autoprodución, sobre todo nas primeiras películas que saíron. É un cinema dun tempo concreto, no que a dixitalización ten un papel importante e afecta a esas novas narrativas, pois permite que cada persoa poida facer cine co material que un ten na súa casa. A dixitalización afecta tamén á circulación das películas, que xiran, o que permite estar en pleno contacto co que está a acontecer noutras latitudes. É importante salientar tamén o que podemos chamar amateurismo: esta xente, por riba de todo, ama o cine. Algúns viven disto, pero por riba de todo son cinéfilos, coñecen a historia do cinema e a actualidade do cinema contemporáneo. A maioría non ten unha formación específica, non pasaron por unha escola de cinema, pero seguramente hoxe en día seguramente non é tan importante esa formación, que hai anos si era necesaria.

"A nivel mundial neste momento están crecendo novas cinematografías en pequenos países, os small cinemas, e cada un ten unha mirada propia, falan do seu, e polo tanto é algo novo"

Por que chega a emerxer o movemento, aquí e agora? Que factores son determinantes? Cal foi o peso, neste senso, das axudas ao talento da Axencia Audiovisual? 

Ás veces pensamos que o que pasa no teu lugar é algo exclusivo, pero se ollamos a Portugal vemos que está sucedendo algo semellante, ou tamén en Canarias. A dixitalización permite que centros que tradicionalmente non produciron tanto cine, comecen a emerxer. A nivel mundial neste momento están crecendo novas cinematografías en pequenos países, os small cinemas, e cada un ten unha mirada propia, falan do seu, e polo tanto é algo novo. Porén, si que é certo que para que isto sucedese en Galicia foron fundamentais as axudas ao talento. Ás veces tendemos a pensar que as administracións son estériles, pero se miramos a historia do cinema, vemos como todos os movementos viñeron acompañados dunha determinada política audiovisual, dunha certa dirección política. Cando a Axencia Audiovisual abriu unha liña dedicada ao cine documental de creación, abriuse unha fenda pola que entrou moita xente. E despois ese entusiasmo foise contaxiando, vivimos unha época efervescente, na que moitas persoas se interesan por facer ese tipo de procura a través do cinema. É importante tamén a rede informal de colaboración que se foi creando, o facer grupo.

"Festivais coma o Play-Doc, Curtocircuito ou o S8 son básicos como punto de encontro, pero tamén para acceder a certas cinematografías ou para coñecer certos cineastas"

Foi importante, logo, que houbese puntos de encontro, por exemplo festivais coma o Play-Doc, Curtocircuito ou o S8?

É difícil reflectir iso nunha tese, pero ao final é moi importante o feito de que a xente se coñeza, de ir cear xuntos, de coincidir nun festival, de facer piña. Festivais coma o Play-Doc, Curtocircuito ou o S8 son básicos como punto de encontro, pero tamén para acceder a certas cinematografías ou para coñecer certos cineastas. Estou pensando, por exemplo, en Miguel Gomes. Cando o CGAI lle dedicou unha retrospectiva, foron varios cineastas galegos a velo e converteuse nun referente para os directores de aquí.

"En Galicia antes queriamos copiar as mesmas narrativas e as mesmas tramas que no cine de Hollywood, pero aquí non temos nin o orzamento e ás veces nin o coñecemento"

Con este cinema, os autores e autoras galegas optaron por unha modelo propio, por unha forma de contar e por uns temas pegados ao que os rodeaba, no canto de tentar imitar canons alleos? 

Si, aí está a importancia de falar do noso, de buscar unha mirada propia e uns modelos de produción propios. Manolo González explícao moi ben. El fala da arte provincial romana: ti aquí podes facer unha copia do Coliseo, pero se queres ver realmente un bo Coliseo, vas a Roma. En Galicia antes queriamos copiar as mesmas narrativas e as mesmas tramas que no cine de Hollywood, pero aquí non temos nin o orzamento e ás veces nin o coñecemento. Temos que optar por outra vía, por unha película feita a base de tempo, con menos equipo, con outros xeitos de producir... Ademais, agora búscase moito máis a coprodución e a internacionalización.

"Temos a sorte de contar cun movemento de vangarda que xera expectación e coñecemento a nivel internacional, e debemos aproveitarnos diso. Pode ser o mellor embaixador da cultura galega neste momento"

O Novo Cinema Galego segue a obter máis recoñecemento fóra que aquí? Como valoras a atención emprestada polos medios e as institucións?

En canto aos medios, é incrible que un director galego estree unha película en Cannes e que o medio impreso máis importante de Galicia non o recolla. Este é un cinema cun enorme valor cultural e simbólico. A exportación cultural galega ten unha base fundamentalmente literaria, pero no século XXI, no que predomina a imaxe audiovisual, temos a sorte de contar cun movemento de vangarda que xera expectación e coñecemento a nivel internacional, e debemos aproveitarnos diso. Pode ser o mellor embaixador da cultura galega neste momento.

"Queda pendente que os realizadores poidan dar o salto a facer unha longametraxe cun orzamento máis ou menos digno"

Que soporte podería ofrecer a administración para axudar e potenciar o movemento?

Queda pendente que os realizadores poidan dar o salto a facer unha longametraxe cun orzamento máis ou menos digno. As axudas á produción neste momento están completamente burocratizadas, e benefician os proxectos que se axusten a uns determinados parámetros de produción (días de rodaxe en Galicia, se o guionista é muller, se esta é galega...), pero non se ten en conta o valor do proxecto. Ademais, a UE especifica que cando un filme ten valor cultural, pode ser financiado con axudas ao 100%, pero en Galicia só se está chegando ata o 50 ou 60 por cento, o que está limitando moito estas producións. Estou traballando agora mesmo con Eloy Enciso, e temos unha axuda de Harvard, pero aínda non sabemos se imos ter a axuda galega á produción. Ás veces parece que é máis fácil que nos axuden fóra que aquí. Se unha persoa como Eloy ten problemas, imaxina alguén que non teña ese nome. É moi difícil dar ese salto á longametraxe.

"Hai moi pouca axuda para a exhibición fóra de Galicia. Cando temos que ir a un festival fóra, ou nolo paga o festival ou nolo pagamos nós"

Ademais, hai moi pouca axuda para a exhibición fóra de Galicia. Cando temos que ir a un festival fóra, ou nolo paga o festival ou nolo pagamos nós. Por exemplo, hai pouco foi Víctor Hugo Seoane [Verengo] a proxectar o seu filme á BACIFI, e tivo que ir cunha man diante e outra detrás. Pero en cambio unha semana máis tarde a Xunta montou un ciclo de cinema galego en Bos Aires.

A maior parte dos nomes que máis soan dentro no Novo Cinema Galego son homes? Cal é a presenza das mulleres? Teñen máis obstáculos?

Habitualmente dáse unha cifra de que aproximadamente o 13% das películas están dirixidas por mulleres. E nos filmes do Novo Cinema Galego a porcentaxe é do 21%. En todo caso, está claro que se é difícil que un home faga unha película, se es muller custa máis. Ao comezo do movemento tamén había mulleres, pero moitas foron desaparecendo. Hai anos falábase moito de Lara Bacelo, de Claudia Brenlla... Algúns nomes van caendo, porque é difícil compaxinar isto con outras actividades. Hai que potenciar a creación feminina, favorecer a produción en todos os sentidos. En todo caso, o ano pasado houbo moitas axudas de produción a proxectos dirixidos por mulleres. A cousa está cambiando, o que pasa é que ás veces para velo hai que agardar.

"O ano pasado houbo moitas axudas de produción a proxectos dirixidos por mulleres. A cousa está cambiando, o que pasa é que ás veces para velo hai que agardar"

Hai uns meses botastes a andar a web Novo Cinema Galego co obxectivo de catalogar e difundir o movemento. Como está indo a cousa?

A idea xurdiu hai tres anos, penso que durante o Curtocircuíto. Eramos conscientes de estar vivindo un momento irrepetible e de que era necesario ter varios chanzos, varios puntos de apoio para poder darlle forza ao movemento. Fixo falla que alguén lle dese nome, fixeron falta as axudas da Axencia Audiovisual para apoiar aos creadores, fai falla unha televisión que merque esas películas (esa pode aínda unha das eivas), fai falla estudo e investigación... Neste senso seguimos notando que é pouco o interese que a universidade puxo no novo cinema galego. Daquela o que pensamos foi que sería importante montar unha especie de directorio, de repositorio onde facilitar o traballo á xente. E tamén onde ir recollendo e difundindo os artigos, tanto científicos coma divulgativos, que se vaian publicando sobre o movemento. Todo este traballo de mapeo serviunos para facer despois o de Cinema e Muller. Como pasa sempre, ao final todo este traballo estámolo desenvolvendo grazas á vontade de varias persoas, cando debería ser a administración que se ocupase.

 

Beli Martínez Dominio Público Universidade de Vigo
Un fotograma de Arraianos, de Eloy Enciso Dominio Público Praza Pública
Fotograma de Vikingland © Praza Pública
'Mimosas', de Oliver Laxe © Zeitung Filmes
Lois Patiño, Ecos do Bosque © Lois Patiño

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.