"As axudas ao talento déronnos un campo no que xogar. Iso explica o éxito do cinema galego"

O S8 dedicará un amplo espazo ao novo cinema galego, encabezado polo foco dedicado a Xacio Baño Dominio Público S8

A edición 2015 do (S8), que comezou este mércores, dedícalle un amplo espazo ao novo cinema galego, amosando as obras dunha vintena de autores e autoras, novísimos e novísimas na súa maioría, dentro da sección Sinais. Poderán verse ao redor de vinte obras (entre curtametraxes e longametraxes) coa presenza doutros tantos realizadores entre os que figuran: Eloy Domínguez Serén, Ángel Santos, Alberte Pagán, Carla Andrade, Xiana Gómez Díaz, Diana Toucedo, Lucía Vilela, Helena Girón, Samuel M. Delgado, Jaione Camborda, Juan Lesta, Belén Montero, Miguel Mariño e Otto Roca.

Ademais, a mostra dedícalle un foco especial a Xacio Baño (Xove, 1983), cuxas curtas deron a volta o mundo, pasando por festivais de prestixio como Locarno, Clermont-Ferrand, Mar del Plata ou Busan, con premios en Las Palmas, Málaga, Albacete ou o Shnit Film Festival suízo. Na Coruña poderán verse Estereoscopia, Anacos e Ser e Voltar, ademais doutros dous traballos de recente creación: Ai Capitán (2014) desenvolvido dentro do proxecto Nimbos, e Xolpor (2014), realizada grazas á iniciativa Chanfaina'Lab. 

Para Xacio Baño, este bo momento do cinema galego "ten que ver moito, moito, moito, coas axudas ao talento que daba AGADIC"

O (S8) amosará a boa saúde do cinema galego, que leva anos acadando importantes recoñecementos internacionais, coma os obtidos polo propio Baño. Para o director este bo momento "ten que ver moito, moito, moito, coas axudas ao talento que daba AGADIC. Unhas axudas públicas únicas a nivel estatal, que apoian directamente aos creadores, que fomentan a experimentación e a creatividade, as novas linguaxes que te animan a non ter medo a arriscarte, a trabucarte". "Estas axudas ao talento déronnos un campo no que xogar, e esa é a razón que explica o éxito do cinema galego nos últimos anos", resume.

Este xoves a sede de Afundación acollerá as proxeccións de Xacio Baño, un foco especial tralo que o autor falará co público asistente e contestará as súas dúbidas e preguntas sobre as pezas, o seu proceso creativo ou os seus novos proxectos. O venres de novo Baño manterá un encontro con público, desta volta acompañado de Ángel Santos, que vén de estrear As altas presións, gañadora da sección Las Nuevas Olas na 11ª edición do Festival de Cine Europeo de Sevilla.

"Este tipo de encontros é moi interesante para nós, para os autores, sobre todo para saír da cova. Neste tipo de festivais faise piña, faise grupo entre a xente do cinema, e iso agradécese, porque este ao final é un traballo moi solitario"

"Este tipo de encontros é moi interesante para nós, para os autores, sobre todo para saír da cova. Neste tipo de festivais faise piña, faise grupo entre a xente do cinema, e iso agradécese moito, porque este ao final é un traballo moi solitario" -destaca- "É moi bo ter ese contacto directo co público, compartir con eles esas cousas que están na orixe dos teus filmes, as túas referencias, o teu background, o teu proceso creativo". "Sérveche tamén para soltar medo sobre algún proxecto en marcha, pois ata que non tes diante ese público e observas a súa reacción, moitas veces non estás seguro de se funciona ou non. De feito, vou amosar algunhas imaxes da nova obra, Eco", engade.

"Eco foi unha historia que me caeu nas mans de súpeto. Recentemente un amigo pediume axuda para unha mudanza que estaba facendo, deixando a casa na que vivira nos Maios, na Coruña, nos últimos 10 anos. Ao rematar o día, este amigo meu abriu unha caixa, e nesa caixa había unha desas historias que poucas veces aparecen", adianta. Ademais de Eco, Xacio Baño traballa no que será a súa primeira longametraxe, Trote. Este mesmo mércores o Festival de San Sebastián anunciou a concesión a Baño dunha bolsa artística dun mes para rematar, á volta do verán, este filme. "Está entre a ficción e o documental, ao redor dunha parella que vai pasar unha fin de semana á rapa das bestas. É un filme importante para min, ten que ver con perder aínda máis medos, con quitar a cámara do trípode, con xogar cos actores e buscar con eles o que poida acontecer alí", comenta.

Baño traballa no que será a súa primeira longametraxe, Trote

Nas obras de Xacio Baño a montaxe e a linguaxe cinematográfica xogan un papel moi importante. De feito, Baño comezou traballando como montador para, a partir de 2009 (Quentefrío, Relación de acordes...) realizar os seus propios traballos. "Eu empecei sendo montador porque estudei montaxe. Eu non quería ser montador, pero creo que esta formación é importante: na montaxe está todo, a narrativa, a dialéctica, é o cinema por dentro. Sempre pensei que para ser director un non pode estudar dirección", explica. "Porén, é certo que a montaxe segue pesando moito nas obras que fago. E feito, estou desexando aliviar esa parte, e deixar que se ocupe outra persoa de montar, para centrarme eu noutros aspectos da creación do filme", di

 

Moito máis cinema galego

A presenza galega na edición 2015 da Mostra de Cinema Periférico da Coruña non remata con Xacio Baño e a vintena de autores e autoras que compoñen a sección Sinais. Ademais, o festival festival acollerá a estrea mundial da película Volontè, obra colectiva realizada en Galicia que retrata a reunión, tras un ano de inactividade, do grupo de improvisación sonora experimental e noise do mesmo nome. Despois da proxección ofrecerase un concerto e un film-performance. De igual xeito, Marcos Nine presentará ao público coruñés o seu documental El viaje de Leslie, seleccionado na competición de non ficción da pasada edición do Festival de Cine de Málaga.

"O cinema galego está a vivir un momento excepcional" -salientaba Ángel Rueda hai uns días en Praza- "E está moi ben que as súas obras se vexan en Locarno ou Nova York, pero nós tamén queremos que o público de aquí vexa as súas obras e os coñeza". "Estanse facendo cousas moi boas aquí, e pásanos moito que imos a algún festival fóra de Galicia e fóra de España e a xente pregúntanos 'pero que é o que está pasando en Galicia?' e é certo, é algo do que podemos presumir", engadía.

"O cinema galego está a vivir un momento excepcional" -salientaba Ángel Rueda hai uns días en Praza

Entre as pezas que se proxectaron na sección Sinais en Curto (este mércores día 3 de xuño), Baño destaca a Ángel Santos, "un director moi próximo a min, que vén presentar Camiños de Bardaos, que realizou ao abeiro do Chanfaina'Lab". E tamén "a Otto Roca, e a súa peza SANSa SOLEIL, que creo que paga moito a pena ver, porque é unha curta marabillosa". "Hai moitas pezas máis, moi interesantes, de feito estou sorprendido pola cantidade de autores e autoras novas que descoñecía", destaca Baño. 

O S8 dedicará un amplo espazo ao novo cinema galego, encabezado polo foco dedicado a Xacio Baño Dominio Público S8
Anacos Dominio Público Xacio Baño
Ser e Voltar, de Xacio Baño © Play-Doc

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.