Aki Kaurismäki gaña a Calpurnia á Mellor Película no OUFF

Kaurismäki nunha edición do Curtocircuito de Santiago, nunha imaxe de arquivo © Tamara de la Fuente

O xurado do Ourense Film Festival (OUFF) deu a coñecer este xoves os filmes e profesionais gañadores dos premios internacionais da 28ª edición. A Calpurnia á Mellor Película, o premio grande do festival, foi para Fallen Leaves, de Aki Kaurismäki, unha película sobre o encontro en Helsinki entre unha traballadora de supermercado e un home alcohólico. O director finés -e veciño a metade do ano de Castro Laboreiro (Portugal) achega unha nova comedia dramática no seu máis puro estilo.

La Memoria Infinita, de Maite Alberdi conseguiu o Premio Carlos Velo á mellor Dirección e o Premio Especial do Xurado

Pola súa banda, La Memoria Infinita, de Maite Alberdi conseguiu o Premio Carlos Velo á mellor Dirección e o Premio Especial do Xurado. Trátase dun documental ao redor do alzheimer que consagra a Alberdi como unha das cineastas documentais máis interesantes e sensibles do momento no ámbito internacional, tras o éxito acadado hai tres anos por El agente topo.

Fallen leaves, de Aki Kaurismäki ©

O Premio á Mellor Guion foi para Fancy Dance (Erica Tremblay e Miciana Alise), unha película ao redor dun nativo americano que secuestra a súa neta co obxectivo de manter o legado cultural e familiar., recoñecida "pola particular ollada a unha situación social e persoal entretecendo identidade, resistencia e amor", segundo consta na acta do xurado. A actriz Lily Gladstone foi recoñecida co Premio á Mellor Interpretación por este filme, que comparte cunha mención especual para Lío Mehiel, por Mutt.

O Premio á Mellor Guion foi para Fancy Dance (Erica Tremblay e Miciana Alise)

Na categoría de Mellor Guion Celine Song recibe unha mención especial polo seu debut Past Lives. Recoñecida no ámbito teatral estadounidense, Song asina a súa primera longametraxe sobre o reencontro de dous amigos da infancia cando son adultos. O xurado tamén acordou otorgar unha mención especial á Mellor Fotografía a Ernesto Pardo por El Eco "por rexistrar con sensibilidade o cotiá dunha vila no México profundo".

O xurado internacional estivo composto nesta edición por Estrella Araiza, directora xeral do Festival de Cine de Guadalajara, como presidenta; Almudena Carracedo, representante de CIMA, Inés Branco, directora adxunta do Lisboa Film Festival, e Isabel Blanco, patroa de AISGE en Galicia. A Calpurnia á Mellor película está dotada con 12.000 euros e trofeo (de Manuel Buciños); ademais, os premios OUFF Carlos Velo á mellor dirección, está dotado con 4.000 euros, OUFF Especial do Xurado, con 3.000 euros, e OUFF á mellor interpretación e mellor guión, dotados tamén con 3.000 euros cada un deles.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.