Das formas de abordar a paisaxe aos desafíos da IA: os premios María Luz Morales destacan ensaios e videoensaios sobre o audiovisual

VIII Premios María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual © Aigi Boga

As oito edicións dos Premios María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual configuran un corpus de investigación en galego sobre o audiovisual que a comunidade investigadora valora especialmente. Manuel Barreiro Rozados, Juan Ares, Víctor Soho e Breogán Xague foron os gañadores, mentres que Rebeca Novo e Severiano Casalderrey recibiron cadanseu accésit. 

Nesta edición, premiáronse dous videoensaios e dous ensaios escritos, que recibirán un trofeo e unha dotación económica de 1.200 euros cada un. O xurado estivo integrado polas docentes Anna Amorós, da Universidade de Vigo; Tania Fernández Lombao, da Universidade de Santiago de Compostela; e Begoña Vázquez, xornalista cultural. Esta iniciativa pioneira, que lembra a crítica cinematográfica e figura destacada do xornalismo cultural do século XX María Luz Morales, conta co respaldo das catro deputacións galegas. 

Gañadores desta edición no acto de entrega en Pontevedra © Aigi Boga

A entrega dos galardóns tivo lugar este martes no Pazo provincial da Deputación de Pontevedra e nela participaron Álvaro Pérez Becerra e Carme Méndez, en representación da directiva da Academia Galega do Audiovisual, así como César Fernández Gil, deputado de Cultura da Deputación de Ourense; Iria Castro Fernández, deputada responsable da Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo; Xosé Penas Corral, deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña; e Luis López Diéguez, presidente da Deputación pontevedresa.

Na categoría de Mellor ensaio escrito sobre o audiovisual galego a obra gañadora foi Desvelar o dispositivo: o río, a terra, a fábrica. Un achegamento ao potencial político da obra audiovisual de Carme Nogueira do vigués Breogán Xague, que destacou para o xurado pola elevada calidade da proposta "grazas a un texto arriscado pola formulación e enfoque orixinal, cunha esencia plural e aberta".

O galardón ao Mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional foi para Resurrección dixital e deepfakes. Os desafíos da intelixencia artificial nun audiovisual hiperreal de Manuel Barreiro Rozados, quen colabora con Praza.gal, porque dende o xurado foi cualificada como "interesante por canto advirte derivadas políticas, económicas, éticas ou ambientais sen caer no derrotismo e con administrada ironía". 

O xurado escolleu como Mellor videoensaio sobre o audiovisual galego o traballo Galicia, paisaxe de sangue de Juan Ares, por tratarse dunha "obra de valor pola análise que presenta da paisaxe galega como espazo de desenvolvemento de historias no cinema de terror". 

Finalmente, o traballo recoñecido como Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional recaeu en A gran imaxe non ten forma. Apuntamentos sobre a creacion de símbolos identitarios de Víctor Soho, "unha proposta temática sobresaliente cunha execución orixinal que parte dunha historia actual sobre o amor para achegarse ao valor dos símbolos, a necesidade, ou non, de telos e as formas que deben adoptar".

Cinema con batuta. Aproximación á práctica da dirección orquestral a partir do seu tratamento no cinema de ficción, de Severiano Casalderrey, foi recoñecida cun accésit na categoría de Mellor ensaio sobre audiovisual internacional, un proxecto "artellado de forma estética e rigorosa e presenta unha aproximación á dirección orquestral no cinema con proxectos da última década a partir dun método de análise adecuado e con conclusións consistentes e útiles para a Academia, ao tiempo que transloce un profundo coñecemento do mundo da música e logra transmitir o seu entusiasmo".

Por outra banda, Cold War: Unha historia de amor sintetizada, de Rebeca Novo, levou un accésit na categoría de Mellor videoensaio sobre audiovisual internacional. "Ademais da robustez teórica da proposta, é un traballo de enorme calidade estética sobre o filme Pawel Pawlikwski, que resulta depurado para deixar o esencial", argumentou o xurado. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.