- 🟪🟧🟦 EN VINTE | Boicot a Eurovisión. O galego Pablo Canedo 10 kr, finalista no Falastinvision contra o xenocidio israelí
Hai unha semana, o festival de Eurovisión recoñeceu o impacto que a retirada de varios Estados está a ter no certame deste ano, que comeza mañá martes en Viena. As televisións públicas de España, Países Baixos, Islandia, Irlanda e Eslovenia decidiron non acudir nesta ocasión ao evento logo da negativa da Unión Europea de Radiodifusión (UER) de vetar Israel ante o xenocidio cometido en Gaza.
España, Países Baixos, Islandia, Irlanda e Eslovenia retiráronse de Eurovisión pola presenza de Israel tras o xenocidio en Gaza e o televoto adulterado ao seu favor en edicións pasadas
Martin Green, director de Eurovisión, anunciou que está a intentar achegar posturas con RTVE e o resto de televisións que decidiron retirarse do festival tras recoñecer, tamén, que non se foi "dabondo estrito" nas últimos edicións co televoto adulterado a favor de Israel nalgunhas das últimas edicións.
"Botamos de menos eses países e queremos que volvan", dixo, admitindo que busca xa a volta dos catro para 2027, un retorno que semella aínda lonxe mentres o certame se manteña sen tan sequera debater a presenza ou non do Estado hebreo.
No medio da polémica, e coa RTVE manténdose totalmente á marxe do certame, a TVG leva semanas facendo chiscadelas ao festival. Primeiro, a finais de abril, lanzando unha campaña para "levar unha canción en galego a Eurovisión", lembrando o éxito das Tanxugueiras, cando quedaron "a un paso" de seren elixidas co seu tema Terra en 2022, o preferido do público na votación que elixía a representación española.
A TVG anuncia un cásting e un programa para "levar unha canción en galego a Eurovisión" mentres RTVE obvia o certame tras retirarse del pola presenza de Israel
"O galego ten que soar en Eurovisión e imos facer o imposible para logralo", anunciaba nas súas redes a televisión pública, que este luns deu un paso máis anunciando un cásting para un novo programa, 12 Puntos, no que se prevé elixir un ou unha artista que aspire a participar no festival, aínda que RTVE aínda non anunciou se retirará ou non o seu veto ao certame para o vindeiro ano ou se o Benidorm Fest, que servía para elixir a representación española, servirá na súa vindeira edición para ese labor.
Todo a un día do inicio doutra edición do certame, que non conta con apenas promoción no Estado nin da RTVE (membro da UER), agás a que levan a cabo os medios públicos galegos e a súa corporación, CSAG (non integrante da UER).
"Obxectivos políticos de Israel"
A Televisión de Galicia chama ás persoas interesadas a que envíen un audio de 30 segundos cantando en galego ou, no caso de ser compositor, o tema cantado e mais a letra. "Apúntate, que queremos darche twelve points! 12 Puntos, proximamente na TVG", di o vídeo difundido en redes un día antes de que comece hoxe en Austria o festival de Eurovisión ao que renunciou España.
A decisión chegara en decembro do pasado ano, cando RTVE xustificara a súa decisión nas "insuficientes" medidas adoptadas pola UER ante os "incumprimentos" da televisión israelí e pola "situación humanitaria en Gaza e a utilización do certame para obxectivos políticos por parte de Israel" que "fan cada vez máis difícil manter o certame como un evento cultural neutral".
Porque non foi só o xenocidio en Gaza o que provocou a protesta de varios Estados, senón a "instrumentalización do voto" por parte de Israel durante numerosas edicións.
Varias investigacións conclúen que o goberno israelí levou a cabo unha campaña para manipular as votacións a favor do seu representante e adulterar o televoto
Este mesmo luns, The New York Times fai referencia a como o goberno hebreo "converteu o escenario do festival nunha ferramenta de poder brando", advertindo de que as súas manobras "para influír na votación de Eurovisión foron máis amplos e comezaron anos antes do que se cría". Detalla, ademais, toda unha campaña, co executivo implicado, para manipular as votacións e mellorar a imaxe do país en Europa.
En 2025, e logo de que Israel quedase en segunda posición grazas a un apoio masivo no televoto, varias pescudas concluíron que axencias do goberno israelí pagaran en Google e redes sociais de diversos países para incentivar o apoio ao seu artista.
As contas oficiais do Estado de Israel, das súas embaixadas e mesmo as do seu primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, instaron a votar o máximo de veces permitido (unha vintena por persoa), o que obrigou a Eurovisión a limitar a dez eses votos.