"Non hai fronteiras" para a música galega. Repetírono as Tanxugueiras no retrouso de Terra e acreditárono outra volta este sábado sobre o palco do Benidorm Fest, co que RTVE quixo, ao xeito de eventos como o Festival da Canção portugués, revitalizar o proceso de selección da súa representación no festival de Eurovisión, que ostentará Chanel malia ser as pandeireteiras galegas as preferidas do público, como as máis votadas tanto entre o voto popular como polo "xurado demoscópico" do certame.
As vitoria das pandeireteiras entre a audiencia do festival non foi dabondo para dar a volta á escasa puntuación do xurado, que xa as cualificara con escaseza na semifinal
"Queremos levar Terra a Eurovisión por nós, polas que veñen e tamén polas que foron. Porque sen memoria perdemos a nosa identidade e o futuro", declararan Sabela e Olaia Maneiro e mais Aida Tarrío tras a primeira semifinal, tinguida de eurodrama pola banda dun xurado que este sábado recuncou coa súa escasa puntuación. Asignáronlles 30 puntos -a terceira puntuación máis baixa, a mesma que para outro dos participantes, Xeinn-. Pero as Tanxugueiras foron as máis votadas polo "xurado demoscópico", con 30 puntos, e tamén as preferidas polo voto popular, con 30 máis.
O seu paso polo Benidorm Fest evidencia o que xa se viña vendo ás claras nos últimos tempos en moitos escenarios. a eclosión das Tanxugueiras á fronte da escena musical galega e máis alá
A evidente mobilización no voto popular -en Galicia, pero tamén fóra dela- non foi dabondo para dar a volta ao veredito do xurado e Tanxugueiras foron finalmente terceiras, por tras da gañadora Chanel (96) e de Rigoberta Bandini (91). Pero o festival vén de evidenciar globalmente o que xa se viu ás claras nos últimos tempos en moitos escenarios: a eclosión do trío de pandeireteiras á fronte da escena musical galega e máis alá.
Todo, tras unha posta en escena, se cabe, máis enérxica que na semifinal do certame e cunha realización televisiva máis coidada. Para a historia da música galega fica xa o primeiro plano do aturuxo de Olaia Maneiro, un dos puntos culminantes da actuación, na que outra volta as cantareiras estiveron acompañadas pola danza de Fran Sieira e Artur Puga.
O que vén: 'Averno'
Pero o camiño das Tanxugueiras non remata -nin de lonxe- na carreira eurovisiva. Esta mesma semana publicaron o seu novo sinxelo, Averno, que fará parte do seu novo disco e no que colaboran con outro participante no Benidorm Fest, o rapeiro madrileño Rayden.
Explican dende o equipo das Tanxugueiras que Averno pretende ser unha declaración de intencións respecto a un sentimento común: a rabia. Neste tema, detallan, tamén parten da tradición e tamén outorgan "un especial portagonismo ás sonoridades urbanas" con letras que combinan a creación propia con coplas populares.