CantáMola en galego: unha exposición para un fervedoiro de músicas actuais

Teresa Cuíñas e Pepe Cunha, na exposición CantáMOLA en galego, na pontevedresa praza de Ourense © Belén Capicúa

“Laiármonos porque non hai cancións abondas en galego xa non está xustificado, é cousa do século pasado”. O crítico musical Pepe Cunha introduce con palabras coma estas a exposición CantáMOLA en galego, A canción en galego no século XXI, un percorrido polos últimos 20 anos de historia da música galega que pode verse ata finais do mes de maio na Praza de Ourense, en Pontevedra, e que a partir de setembro comezará a itinerar polos centros educativos.

A mostra, organizada pola concellería de Normalización Lingüística e Xuventude de Pontevedra, “naceu para os colexios”, lembra a xornalista Teresa Cuíñas, comisaria, xunto con Pepe Cunha, desta proposta divulgativa. “Encargáronnos antes da pandemia unha exposición que amosase a diversidade da música en galego actual. A pandemia atrasou todo pero ao final decidimos continuar adiante. Escollemos maio para presentala por ser o mes das Letras. Pero a partir do novo curso comezará a rotar polos colexios que a soliciten, en principio da provincia de Pontevedra. Por iso ten dúas partes: unha máis xeral e outra centrada en Pontevedra”, explica Cuíñas.

O obxectivo é, subliña a comisaria, Teresa Cuíñas, “dar a coñecer, dar referencias, estimular inquedanzas”

O obxectivo é, así, subliña a comisaria, “dar a coñecer, dar referencias, estimular inquedanzas”. Divulgar a actualidade da música en galego a través da diversidade, da variedade, como idea fundamental. Evitando, quizais, o ás veces presente neste tipo de propostas ton de rifarlle á xente, e sobre todo á mocidade, por descoñecer a nosa cultura. “O espírito é absolutamente positivo”, apunta Cuíñas. Trátase, reflexiona, de convidar a ollar. “Mirar o que hai, que malo será que non atopes algo que che guste. E se non atopas nada, pois faino ti mesmo, atrévete como se atreveron todos os grupos que saen na exposición”, di.

O proxecto foi enfocado “desde a paixón que Pepe e eu sentimos pola música” e tenta ser tamén “un recoñecemento” ás iniciativas musicais expostas desde a “fascinación” e a “admiración”. Xunto á pluralidade de propostas sitúase tamén como argumento a identidade, focalizada na idea de que cantar en galego é tamén un xeito de distinguirse nun universo global de músicas. “E facer algo distinto tamén é un xeito de ser libre”, asegura Cuíñas.

Pepe Cunha subliña, pola súa banda, que si hai unha intención de dar certa “labazada” no sentido de cuestionar o estereotipo de que “non hai abonda” música en galego. “Por comodidade, porque non se escoita nos medios de comunicación, ou porque se cadra os maiores tampouco escoitan diante dos fillos música en galego”, sinala, pódese pensar que non existe oferta suficiente. Mais o obxectivo da exposición é precisamente, afirma, dicir: “toma, hai todo isto. Si que estaba e hai moito, pero se cadra non te decataches. Non é dicir ti non sabes ou non aprecias o noso, pero si: pois hai todo isto, proba e escoita. E despois verás se che gusta, se che parece que ten máis ou menos calidade…”, resume. 

Porque, e esa é outra das ideas que podería dicirse que subxacen á exposición, tampouco se trata de dicir que a música galega é a mellor do mundo. Aínda que non teña que envexar a outras músicas de comunidades lingüísticas distintas, mesmo con linguas normalizadas. Xa que, tal como explica a mostra, as tecnoloxías abarataron a produción -gravación- e a distribución e divulgación da música -internet-. Polo que se fai música como en calquera outra parte do mundo ao mesmo tempo que se escoita música de calquera parte do mundo.

Faise música como en calquera outra parte do mundo ao mesmo tempo que se escoita música de calquera parte do mundo

Contando, ademais, Galicia cunha tradición musical que estivo ademais, sempre, conectada co exterior a través da emigración, con músicas que ían e viñan desde América. Cunha salienta, ao respecto, na exposición, que Galicia si pode ser considerada potencia na música tradicional e na infantil. “Está a facerse moito en música para as crianzas, con moita calidade. Pero despois a rapazada chega á adolescencia e ese traballo tende a desaparecer, pérdese”, reflexiona. Con excepcións. Véxase Sés -citada na mostra- ou a propia música tradicional, ou as Bandas Municipais. Por citar algúns exemplos de músicas que si atraen a xente nova. Aínda que a exposición non inclúe música só instrumental -non hai, por exemplo, tampouco, jazz-.

Non se trata” -di Cuíñas- “de dicir que somos hiperespeciais”, senón de explicar con naturalidade que hai moita e moi variada música: “de trap a do it yourself, a rock duro…”. E é oportuno, sinala, dicilo. Porque hai, asegura, propostas de calidade abondas para seren defendidas en calquera lugar, en pé de igualdade con outras músicas. En Radio3, por exemplo, lembra. Aínda que, evidentemente, haxa propostas peores e mellores, incluíndo, admite Cunha, algunhas que, se cadra, de seren cantadas noutra lingua chamarían menos a atención.

A maior complexidade que puido ter esta mostra foi así, quizais, alén da sempre discutible escolla dos grupos representados, a clasificación dos mesmos por estilos

A maior complexidade que puido ter esta mostra foi así, quizais, alén da sempre discutible escolla dos grupos representados, a clasificación dos mesmos por estilos. Porque pode ser difícil encaixar cada grupo nun ou noutro lugar. E porque tamén pode ser complicado deslindar estilos -palabra da que tantas bandas renegan-. A mostra, de feito, optou por presentar algúns desdobres: en pop-rock, os máis clásicos e os máis indies, por exemplo. Aínda que grupos de rock aparecen tamén na categoría de “letras comprometidas e sons duros”, por exemplo. 

Paneis da exposición CantáMOLA en galego, na praza de Ourense da cidade de Pontevedra © Belén Capicúa

Do mesmo xeito que as músicas urbanas sitúanse por un lado, coa electrónica e experimental, e o rap e hip-hop, debido á súa forte entidade actual e enganche na mocidade, por outro. Xunto a estas, a mostra distingue, como categorías: vocalista-compositora, tradi, mestizaxe e ritmos do mundo, infantil e familiar, discos recompilatorios, humor e, por último, músicas singulares e inclasificables.

É verdade, admite Cunha, creador de Ábrete de Orellas, que escoller bandas dos últimos 20 anos pode ser difícil. Mais axudou a súa experiencia de 20 anos facendo radio e 15 facendo radio musical. “Foi un labor, en realidade, de moito tempo. E ademais podo dicir que o 90% dos grupos nos que pensei ao final apareceron”, indica. O cal non impide que, como lembra Cuíñas, non houbese que quitar texto, facendo un exercicio de síntese, pois había moita historia que contar.

Non se trataba, tampouco, de realizar un percorrido enciclopédico. Nin de pensar os contidos só para a mocidade

“O que procurei foi que houbese criterio e equilibrio. O criterio é o meu, claro, porque a escolla é miña. Equilibrio porque non tiña sentido, por exemplo, deixar fóra un referente da nosa música coma Uxía aínda que non sexa coñecida entre a cativada coma Sés, por exemplo”, explica Cunha. Non se trataba, tampouco, remarca, de realizar un percorrido enciclopédico. Nin de pensar os contidos só para a mocidade. Nin sequera para xente que xa sabe de música galega. Porque na escolla tamén poden facerse descubertas de bandas pouco coñecidas.

Lista de reprodución en YouTube da exposición CantáMOLA en galego

Os paneis recollen unha pequena biografía de cada banda destacada, ademais de nomes e algo de información doutros grupos do mesmo estilo. Pero o máis relevante para convidar á descuberta poden ser, se cadra, as listas de Spotify e Youtube que forman parte dela, ás que desde a mostra física pode accederse con códigos QR. “A aspiración non é que a rapazada lea todo dunha vez, senón que, se a mostra vai estar unhas semanas no seu colexio, un día reparen nunha cousa, outro na outra… Un día poden ler algo, outro escoitar unhas cancións, outro mirar unhas fotos… Pepe tratou de dar un ollar equilibrado e xusto”, sinala Cuíñas.

Ademais da parte máis xeral realizada por Pepe Cunha, a mostra inclúe a centrada en Pontevedra, preparada por Teresa Cuíñas


Ademais da parte máis xeral realizada por Pepe Cunha, a mostra inclúe a centrada en Pontevedra, preparada por Teresa Cuíñas. “Non tiña sentido que eu me puxese a falar de grupos de Pontevedra, quedando excluídos da parte que fai Pepe. Así que optei por outro enfoque, por presentar Pontevedra como escenario, como espazo de oportunidades para público e creadores”, subliña Cuíñas.

“Por iso falo do Salón do Libro ou de Culturgal, dous eventos de fácil acceso para a xente nova, ou do Cantos na Maré, que se celebrou durante 15 anos en Pontevedra. Ou do Surfing Lérez, ou do Galegote Rock, coa súa presenza de grupos galegos. Acábase de presentar tamén a segunda edición do ciclo Cabos Soltos e, para impulsar proxectos de integrantes de 13 a 16 anos, o concello ten o Xeración Sónica. Despois está o Local de Música, centro sociocultural onde se pode gravar, tocar, asistir a cursos, deseñar proxectos… Un laboratorio marabilloso para xente de máis de 16 anos. Realmente, Pontevedra é un fervedoiro. Houbo moita actividade durante o confinamento, houbo bandas locais nas festas da Peregrina…”, engade a comisaria. Forma parte do proxecto tamén unha unidade didáctica realizada pola profesora e escritora Rosalía Fernández Rial. Todo para convidar a ollar. E decidir, de xeito máis informado.

Inauguración da exposición CantáMOLA en galego, cos comisarios da mostra e membros do goberno local de Pontevedra © Concello de Pontevedra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.