Son Bravú recupera este fenómeno que xurdiu na aldea de Viana, en Chantada, xunto ás voces de Xurxo Souto, Lola de Ribeira, Pinto d'Herbón e Anna Diz
Son Bravú é o terceiro capítulo do programa presentado por David Lombao e Ana G. Liste, Retrocorenta, que co gallo do 40 aniversario do Estatuto de Galicia volve a vista atrás para falar do pasado recente do país. O podcast, que se pode escoitar xusto enriba destas liñas, directamente na plataforma iVoox ou a través de Podgalego, recupera o fenómeno do Bravú xunto ás voces de Xurxo Souto, Lola de Ribeira, Pinto d'Herbón e Anna Diz.
"Buscabamos unha etiqueta para denominar o que facíamos, que era moi diverso pero moi vehemente, música do noso tempo co cheiro forte de onde somos", conta un dos protagonistas máis recoñecidos daquel movemento musical que foi o Bravú, Xurxo Souto, líder da banda Os diplomáticos de Montealto. Con el facemos unha viaxe de continuas idas e voltas cara o presente sobre o que significa facer música en galego (pasando pola experiencia do Xabarín Club).
"Co Bravú estabamos na trincheira e nos convertemos no referente du tempo", celebra Xurxo Souto, que pon como exemplo o xurdimento de iniciativas como o Festival de Pardiñas ou a Festa da Dorna. Ademais, neste Retrocorenta 3: Son Bravú rachamos coa separación entre o rural e a cidade: "Estamos condicionados por unha serie de estigmas e tópicos que nos describen a realidade como non é".
"Houbo música e moitas ganas de seguir desfrutando da enerxía do movemento", salienta Anna Diz
"Foi histórico", así lembra a cineasta Anna Diz o reencontro polos vinte anos do Bravú. "Houbo música e moitas ganas de seguir desfrutando da enerxía do movemento. Poder estar alí conmemorando algo tan importante para a nosa cultura e para a nosa identidade era algo non podíamos deixar pasar". XX anos de bravío (1994-2014), é o documental, producido por Chantada Films, de Alfredo Pardo, quen impulsou o proxecto ao saber desa festa que devolvía aos protagonistas do fenómenos á aldea de Viana, en Chantada.
Para poñerse en situación habería que escoitar este podcast acompañadas dun cocido ou dun churrasco, segundo nos guíe a metereoloxía, así funciona o "sistema" do Cabaleiro de Viana, quen se encargou de poñer o sitio da festa tanto na primeira reunión de rapaces da que xurdiu a etiqueta Bravú, como neste reencontro que quedou filmado para a posteridade.
Lola de Ribeira foi a primeira muller en incorporarse ao grupo que máis relevancia exterior tivo no Bravún, Os diplomáticos de Montealto. Formada na música tradicional e actualmente mestra de música nunha escola, non era consciente da falta de mulleres na primeira liña das bandas. "Botando a vista atrás decátome de que moitas non había, estaba Mercedes Peón, as Gharotas de Ribeira, Marisol Manfurada e non moitas máis"
"Estaba Mercedes Peón, as Gharotas de Ribeira, Marisol Manfurada e non moitas máis", sinala Lola de Ribeira
"Eu nunca vin ese sesgo. Na miña zona, se non estudabas, foras rapaz ou rapaza, acababas na lonxa empacando peixe ou na Frinsa, facendo conservas. O que máis e o que menos, os que tivemos a sorte de ir estudar a Santiago, A Coruña, Pontevedra ou Vigo puidemos abrir estas miras e non pensei en que ía ser a única muller no grupo", relata Lola de Ribeira.
"Alegría, divertimento, xuventude e, ao mesmo tempo, bravura". Así define Pinto d'Herbón aqueles anos de explosión do Bravú. "Eramos bravos, pero respectando o noso medio e á xente que non pensaba coma nós", matiza. "Foi un punto importante para crer en nós mesmos, e quererse a un mismo é importante por iso o Bravú foi unha válvula de escape moi boa para moitos de nós".
"Alegría, divertimento, xuventude e, ao mesmo tempo, bravura", resume Pinto d'Herbón
Aínda con ese respecto que reivindica Pinto d'Herbón, desde a sociedade actual pode sorprender o discurso daqueles grupos, mais el teno claro: "O mundo está moi enrarecido e hoxe tes que fiar moi miúdo para non molestar a ninguén. Pero se non es libre para dicir o que pensas, non andivemos nada! Terás que dicir as cousas coas palabras axeitadas, e sempre podes empregar a retranca e o dobre sentido".