O 1 de novembro de 1994, hai 25 anos, un grupo de rapaces de Lourenzá, de Vimianzo, de Ponteareas, do Morrazo, de Vigo ou da Coruña daban comezo na aldea de Viana, en Chantada, na véspera da segunda edición do Castañazo Rock, ao movemento Bravú. Un movemento musical que, por primeira vez, situaba a aldea no centro do mundo e que marcou unha época. Hai cinco anos celebrouse por todo o alto o 20 aniversario daquel momento e nas vindeiras semanas unha series de concertos farán honor aos 25 anos do movemento.
A maior parte dos actos terán lugar na Coruña, correspondendo a esa conexión virtuosa entre a cidade herculina e Chantada, que tan ben exemplificaba a relación entre as aldeas e os barrios que deu enerxía ao Bravú. Comezará o xoves 5 de decembro ás 20 horas en Portas Ártabras (rúa Sinagoga, 22) cunha 'Sesión bravú' que incluirá a proxección do documental de Anna Diz “20 anos de bravío” (Chantada Films). A seguir, haberá tres xornadas de concertos: o 6 de decembro na Sala Mardi Gras da Coruña con Rastreros e a Banda Xangai; o sábado 14 no Rebullón (Mos) con Rastreros, Os Podridos e Collón de Lola; e de novo na Mardi Gras da Coruña o sábado 21 co xa tradicional concerto dos Diplomáticos de Monte Alto.
"Foi unha anomalía que xurdisen estes grupos que cantaban con esa vehemencia e cunha dinámica regaleguizadora. Ninguén esperaba isto, foi unha revolución"
"Das pedras nos balados, nas cabezas e nas gadañas, crabuñando o asubío de algún cantar popular. Das guitarras compradas coa primeira paga do paro ou da economía somerxida. Do tabaco de batea adulterado con aromas tropicais. Do amor, do odio, da frustración ou dunha borracheira de vatios nun alambique clandestino. De todos eses sitios e de moitos máis, naceu, cun aturuxo na boca, este rock tan noso… SEN CAPAR", remataba aquel Manifesto Bravú que deu orixe ao movemento. "Un chute nacional de autoestima emocional e de ansia musical", en palabras de Xosé Manuel Pereiro. "A antítese do concepto de morriña", para Miguel Anxo Murado. Unha viaxe ao espazo interior. Falamos con Xurxo Souto.
Como foi a organización deste 25 aniversario? Como xurdiu a iniciativa de celebralo deste xeito?
A organización foi doada, grazas a un tecido de amizade que é moi fácil de activar. Chamoume Antom Fente, do grupo Liviao de Marrao, e lembroume "É o 25 aniversario! Da outra vez fixéramos o grande evento en Chantada, na aldea, e agora telo que facer na Coruña'". Vinte e cinco anos despois, quero expresar aquí con foguetes de sete estalos a felicidade extrema que nos deu o bravú. Un movemento que foi un exemplo de esperanza dende a xente para mudar a realidade, tamén en materia de música.
O bravú érguese fronte a ese discurso capitalista que ten agora a música, centrado no éxito como único obxectivo. E defende a creatividade, pero en colectivo.
Con 25 anos de distancia como analizas o movemento e o impacto que tivo na Galicia dos anos seguintes?
O bravú foi un movemento heterodoxo, unha anomalía. Nese momento había un discurso moi claro do que tiña que ser a música popular e o rock: había que facer un rock provinciano, de imitación do que viña de Madrid ou de Londres. E foi unha anomalía que xurdisen estes grupos que cantaban con esa vehemencia e cunha dinámica regaleguizadora. Ninguén esperaba isto, foi unha revolución.
Había unha emoción colectiva, había moita vehemencia, era moi emocionante, era unha iniciación. O bravú érguese fronte a ese discurso capitalista que ten agora a música, centrado no éxito como único obxectivo. E defende a creatividade, pero en colectivo.
Nun comezo o bravú era un fenómeno completamente marxinal, tocabamos en retellos e só algunha vez nalgún festival. Pero anos despois xa se falaba de que se 'superara' o bravú. É dicir, que aínda que eramos marxinais, convertémonos en referentes dun tempo.
"Que sabe un rapaz de Viveiro do que pasa en Verín hoxe en día? Non hai un circuíto, non hai espazos nos grandes medios de comunicación, nomeadamente nos medios públicos"
Un dos elementos que máis se sinalou sobre o bravú foi a orixe de boa parte das bandas, de vilas pequenas, de aldeas...
O bravú situou a aldea no centro do mundo. Ata ese momento os movementos e as revolucións nacían nas asembleas das facultades en Compostela, nunha asemblea de obreiros na Coruña ou nunha cafetería en Vigo, pero este naceu na aldea. E iso tamén foi subversivo, porque a aldea é o elemento máis estigmatizado da realidade galega contemporánea. Tanto o é, que xa ninguén fala da aldea, hai que dicir 'o rural', que é algo tristísimo.
Había tamén grupos coma o voso, que viñades de cidades. Aínda que ti sempre defendes que A Coruña é unha medida da Galicia toda, pola orixe dunha parte maioritaria dos seus habitantes, chegados dende practicamente todas as comarcas do país...
"A aldea é o elemento máis estigmatizado da realidade galega contemporánea. Tanto o é, que xa ninguén fala da aldea, hai que dicir 'o rural', que é algo tristísimo"
Si, nós, Os Diplomáticos, que viñamos da cidade, rachamos tamén esa fronteira entre a aldea e o urbano. Pero é que esa fronteira non existe nos barrios da Coruña, como tampouco existe nos barrios de Vigo, por iso sempre digo que somos a mesma cidade. A xente dos barrios vén da aldea pero durante moito tempo en vez de poñer en valor esa relación coa aldea, ese vencello constante, rachábase con esa identidade, e preferíase someterse ás elites provincianas do centro das cidades. Ademais, identificando sempre a cidade e o castelán co moderno; e a aldea e o galego, co atraso. Ocultando que a inmensa maioría das habitantes das cidades viñemos directamente da aldea.
Destacas que o bravú conseguiu rachar a incomunicación que había na Galicia dese tempo: "Todos sabiamos de Negu Gorriak no País Vasco, ou de Mano Negra en París. Mais os Skornabois de Lourenzá non tiñan noticia dos Impresentables de Vimianzo, e viceversa". Estamos mellor agora? Estamos mellor comunicados?
En absoluto. Que sabe un rapaz de Viveiro do que pasa en Verín hoxe en día? Non hai un circuíto, non hai espazos nos grandes medios de comunicación, nomeadamente nos medios públicos.
O bravú naceu na aldea e en barrios que tiñan unha forte conexión con esa aldea. Pero hoxe a mocidade segue marchando das aldeas e as cidades están cada vez máis lonxe deses lugares. Significa iso que se debilita ese caldo de cultivo?
A creatividade segue a ser infinita e as posibilidades, inmensas. Pero as elites económicas e dos medios seguen consolidando unha visión de Galicia como un lugar periférico e sen vitalidade, que só serve para exportar recursos e man de obra cualificada.
"Os grupos galegos que viaxan polo mundo son os que cantan en galego, por exemplo Mercedes Peón. E son sobre todo mulleres, rachando así o discurso do patriarcado que estaba moi presente antes"
Como ves o momento actual da música galega? Cres que é posible que unha nova fornada de bandas conforme un movemento que teña o impacto que tivo o Bravú?
A música galega está nun momento excepcional, como o foi sempre. Este é un dos paradoxos da cultura galega: este é un país extraordinariamente vivo e creativo, pero a imaxe dominante é toda a contraria, a dunha cultura conservadora, pousada, unha imaxe que repiten os medios e se impón dende as institucións
Eu creo que agora a creatividade é infinita, esa selva diversa da música galega. Fronte a ese discurso que se nos achega, sobre todo á xente nova, a realidade é que os grupos galegos que viaxan polo mundo son os que cantan en galego, por exemplo Mercedes Peón. E son sobre todo mulleres, rachando así o discurso do patriarcado que estaba moi presente antes.