A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza a partir do vindeiro venres 9 de novembro un obradoiro sobre a relación entre o mar e a literatura, que estará coordinado por Xurxo Souto, e que se realizará até final de ano todos os venres no Club do Mar de Santo Amaro, na Coruña. Hai apenas 20 prazas, que se adxudicarán por orde de inscrición. Haberá charlas, debates e roteiros, nos que estarán moi presentes os contos mariñeiros, as lendas mitolóxicas, a toponimia e talasonimia do mar da Coruña, a importancia do gremio de mareantes ou a influencia da emigración maritima.
"Queremos salientar a idea de que o mar non é algo gremial, non é algo que pertenza só aos mariñeiros, nin ás mariscadoras, nin aos armadores nin aos ecoloxistas"
"Vivimos como terrícolas e terrícolos cando o mar está aí sempre bourando", láiase Xurxo Souto que imos aos poucos perdendo a nosa relación co mar, mesmo téndoo sempre diante, poñendo unha fronteira na liña de costa: "queremos salientar a idea de que o mar non é algo gremial, non é algo que pertenza só aos mariñeiros, nin ás mariscadoras, nin aos armadores nin aos ecoloxistas. O mar non é que sexa de todos senón que todos somos do mar", di. "É coma cando lle preguntaron a Steffan Mörling por que viñera vivir a esta fin da Terra. O sueco respondeu rotundo: Un momentiño, Galiza non é un fin da Terra, é un centro do mar", conclúe. E lembra: "Cando remata o boureo dos homes xa só se escoita o ruido do mar dicindo a palabra máxica: Orzán, Orzán, Orzán..."
"O mar está ai, claro. Pero nós vémolo como terricolas nin sequera sabemos os nomes das pedras"
O obradoiro quere recuperar "todas as historias náuticas que conforman as nosas cidades". Trátase de recoller todos eses estimulos atlánticos para dar forma a literatura a pequenas historias. Historias coma as de Breogán ou as que rodean a Torre de Hércules. "Tan fecunda é a tradición evocadora que mesmo dispomos duns seres mitolóxicos propios: Os homes mariños, eses que choutan polo mar do Orzán, tal como describiu no século XVII o cardeal Gerónimo del Hoyo", di Souto.
O obradoiro tamén servirá para quentar motores para a celebración por terceiro ano consecutivo da homenaxe a Lugris, o gran pintor das cousas do mar, que xa o pasado ano serviu para irmanar as cidades da Coruña e de Vigo
"Róubannos o mar, parece que só pertence a un gremio determinado. Fáltanos educación xeral básica. O obxectivo deste obradoiro é falar do mar con ollos terricolas". Por iso un dos obxectivos do obradoiro é dar a coñecer a toponimia e talasonimia do mar da Coruña: "O mar está ai, claro. Pero nós vémolo como terricolas nin sequera sabemos os nomes das pedras. Todos fomos á Torre de Hércules pero non sabemos que esa rocha é O Gueivoteiro e que ao lado está A Arrabaleira ou O Grello".
O obradoiro tamén servirá para quentar motores para a celebración por terceiro ano consecutivo da homenaxe a Lugris, o gran pintor das cousas do mar, que xa o pasado ano serviu para irmanar as cidades da Coruña e de Vigo, unidas polo mesmo océano: "A Coruña e Vigo son a mesma cidade. Dende o punto de vista do mar A Coruña e Vigo son dous pontóns dous puntos de arribada dun mesmo océano".
"Se consideramos A Coruña como unha cidade-barco, queda pequena a palabra cosmopolita"
É tan simple como considerar o mar como un camiño e non coma unha fronteira: "Se consideramos A Coruña como unha cidade-barco, queda pequena a palabra cosmopolita. A través do mar as conversas máis humildes adquiren unha dimensión planetaria: un veciño que che fala de Capetón ou de Antuerpe. Fálase agora de mestizaxe cando os galegos lles levamos 70 anos de vantaxe: todos temos un avó ou unha avoa que estivo en Bos Aires ou Cuba e algún familiar que pesca atún cimarrón no índico". Xurxo Souto lembra tamén que "para os membros da Xeración Nós A Coruña quedaba máis preto da Habana que de Madrid".
A importancia de Santo Amaro
Xurxo Souto destaca como "no noso contexto máis próximo, no centro de Monte Alto, aparécenos a gran mitoloxia do mar e a dignidade humilde dos obreiros"
Tampouco é casual o lugar no que se celebra o obradoiro: o Club do Mar de Santo Amaro. Creouse na República para os obreiros porque os obreiros tamén tiñan dereito a gozar do mar e necesitaban ademais un lugar no que lavar a suciedade da fábrica. Até entón parecía que os baños de mar eran algo reservado á aristocracia e á burguesía. É tamén a praia onde afogou o poeta romántico Aurelio Aguirre. Santo Amaro fai ademais referencia á lenda do santo que tocou a illa do paraíso no medio do océano. É a mesma lenda que a de San Brandán en Irlanda. Xurxo Souto destaca como "no noso contexto máis próximo, no centro de Monte Alto, aparécenos a gran mitoloxia do mar e a dignidade humilde dos obreiros".
No obradoiro haberá debates e conversas sobre todos estes temas e tamén peneiras de historias do mar, "porque todos coñecemos a algún mariñeiro ou a alguén que estivo embarcado". Con todo iso crearase un blog. Ademais, faránse dous roteiros como mínimo. Un pola zona da Torre de Hércules para coñecer todos os nomes das pedras. E outro pola zona vella buscando a pegada do gremio de mareantes, que foi moi importante na cidade.
Souto anuncia ademais a súa intención de recuperar este ano unha das tradicións do gremio de mareantes, que todos os ano celebraba o seu patrón cunha danza de 21 mariñeiros novos, que buscarán emular
O pendón do gremio era a Cruz de Santo André: unha aspa azul sobre fondo branco. A mariña rusa protestou porque era igual que a súa e eliminouse unha das aspas, quedando o que hoxe é a bandeira galega, despois de ser reivindicada polos emigrantes galegos en Cuba como súa, "nese proceso que levaron a cabo de reconstrución da súa identidade". Xurxo Souto anuncia ademais a súa intención de recuperar este ano unha das tradicións do gremio de mareantes, que todos os ano celebraba o seu patrón cunha danza de 21 mariñeiros novos, que buscarán emular.