Falta menos dunha semana para o comezo do Festival de Cans. O vindeiro mércores 21 de maio jalpóns e chimpíns estarán preparados para acoller unha chea de proxeccións, debates, concertos e outras moitas actividades, que até o domingo levarán a esta parroquia do Porriño decenas de milleiros de persoas. A meirande parte das actividades son de balde, agás os pases da sección oficial e a estrea en Galicia do documental Antonio Vega. Tu voz entre otras mil. Este venres ás 19 horas poranse á venda as últimas 500 entradas, despois de que os lotes anteriores voasen case de inmediato.
No amplísimo programa, alén das películas e curtas da sección oficial, tamén destaca a pre-estrea este xoves no Círculo Recreativo e Cultural do Porriño de Os Fenómenos, de Alfonso Zarauza. Ou os adiantos de filmes en proceso de elaboración nas seccións Fillos de Cans ou A que andas. E, por suposto, a música, cos concertos de Los Coronas, o venres, e de Caxade, Heredeiros da Crus e Kepa Junkera e Pazos de Merexo, o sábado. De música (e de moitas outras cousas) tamén se falará en 20 Anos da primavera do Rock Galego, unha escolma de documentais sobre o rock bravú presentada por Xurxo Souto, e que inaugurará o Ano Bravú, a conmemoración das dúas décadas do inicio do movemento.
Nesta undécima edición o festival busca cumprir o obxectivo enunciado no seu décimo aniversario: crecer en calidade e diversidade, e afianzar o seu arraigo na parroquia que xa fixo famosa en toda España (e grazas á CNN en todo o mundo).
Buscades construír redes, que os habitantes do lugar participen na organización, para que a continuidade do festival non dependa dun grupo concreto de persoas...
Si, buscamos ter actividades de todo tipo, pensadas non para encher por encher, senón para que sexan interesantes e para que constrúan cousas, coma o proxecto que temos coa Fundación Juana de Vega para recuperar os carreiros da parroquia. Con todo isto buscamos a coparticipación dos veciños, non só que asistan ao festival, senón que sintan que eles son os que o levan adiante, e que ao final vexan reflectido o seu traballo. Xa o ano pasado creamos un grupo, que chamamos os guías do camiño, que son nenos da aldea de Cans, que se dedican a guiar a xente polas distintas salas e espazos do festival; o que buscamos, sobre todo, é integralos no festival. E os que son un pouco máis maiores van entrando noutros postos da organización, para asegurar a continuidade do equipo. Todo este tema da coparticipación témolo reflexionado moito, porque en Cans non temos realmente outros festivais aos que copiar, así que temos que pensar nós no noso propio modelo. O que tentamos é que queden cousas, que isto non sexa como un Rock in Rio, que remata o festival e no lugar non queda nada, non se construíu nada. A nosa intención é tamén reflexionar sobre o mundo rural, sobre a forma en que a aldea pode mellorar grazas ao festival.
"Tentamos que queden cousas, que isto non sexa como un Rock in Rio, que remata o festival e no lugar non queda nada, non se construíu nada. A nosa intención é tamén reflexionar sobre o mundo rural, sobre a forma en que a aldea pode mellorar grazas ao festival"
Outro dos vosos obxectivo o pasado ano era diversificar as fontes de financiamento, para non depender tanto das achegas públicas. Como levades ese tema?
As administracións responderon ben este ano, sobre todo porque entre varios festivais, coma o S8, o Play-Doc e nós, conseguimos un gran logro: estivemos dialogando coa Xunta para que por primeira vez en varios anos houbese unha convocatoria de festivais, cun tribunal que xulgue as propostas en base a un baremo. Esperemos que a siga habendo durante moito tempo e remate xa aquela cousa de ir peregrinando polos despachos, esperando que o responsable de turno estivese de bo humor para asinarche un convenio. Tamén foi positivo o acordo ao que chegamos co Concello do Porriño. E despois o que queremos é aproveitar cada vez máis os nosos recursos propios, por exemplo a través da venda de camisolas e outro merchandising, ou polo cobro dalgunhas proxeccións, que até agora eran de balde. Todo isto asegura a continuidade do festival no futuro e tamén a súa independencia. Aquí o problema é que nunca sabes o financiamento que vas ter o próximo ano. Por iso estamos tentando buscar acordos a medio prazo con administracións e con patrocinadores, para poder traballar con máis tranquilidade e planificar con tempo o evento, e non tomar as decisións coa auga ao pescozo, como sucede todos os anos.
Algunhas das seccións máis queridas para vós son Fillos de Cans e A que andas, porque vos permiten seguir a traxectoria de realizadores que xa pasaron polo festival. Trátase de crecer xuntos?
Nestas semanas previas ao festival vou bastante pola parroquia, visito os veciños, converso con eles con este ritmo lento da aldea, a pesar de que que nós xa andamos cunha marcha frenética, cos últimos preparativos. E estes días estiven vendo que se senten especialmente orgullosos de ter coñecido o ano pasado a Alejandro Marzoa, que pre-estreou aquí Somos Gente Honrada, e que vén de triunfar nos Mestre Mateo. “Este estivo na miña casa, estreou aquí a peli”, din. Poño o exemplo de Marzoa, porque ademais presentou aquí a súa primeira curta, foi premiado... En xeral, tentamos darlles continuidade aos cineastas: se unha persoa xa presentou unha curta aquí, estamos pendentes, a ver se podemos proxectar o seu novo traballo, ou cando menos pedímoslles que nos amosen en A que andas en que estado están os seus proxectos. Para ir medrando xuntos, si. Penso agora en Xacio Baño, Hugo Amoedo, Rafa de los Arcos, ou tamén en Isabel Ayguavives, Dani de la Torre ou Fernando Cortizo. Pero tamén pasa con directores máis consagrados, pero cunha relación permanente do festival, como Ignacio Vilar, que aproveitando que estará por aquí Karra Elejalde presentará as primeiras imaxes desta película que agardamos tanto, A Esmorga. Nesta sección de Fillos de Cans tratamos de crear un vínculo e de dar a proba do filme. Tamén buscamos, ou amosando estas primeiras imaxes, ou mesmo indo máis atrás, ao traballo de guión, que a xente coñeza como se fai un filme.
"Hai 20 ano prodúcense unha serie de circunstanciais que marcan o Festival de Cans: o nacemento do Xabarín Clube, a emerxencia do Bravú, o primeiro dísco de Heredeiros da Crus, a morte de Kurt Cobain ou o premio a Pulp Fiction en Cannes"
Neste ano haberá tamén un espazo reservado para celebrar o 20 aniversario do nacemento do Bravú. Semella que a filosofía do Bravú encaixa á perfección coa de Cans, verdade?
De non existir o movemento Bravú, posiblemente non tería existido Cans. Como mínimo somos curmáns. Hai 20 anos, no 94, prodúcense unha serie de circunstanciais que marcan necesariamente o Festival de Cans: o nacemento do Xabarín Clube, a emerxencia do Bravú, o primeiro dísco de Heredeiros da Crus, a morte de Kurt Cobain ou o premio a Pulp Fiction en Cannes. Todo iso marca, as cousas non serían iguais para nós sen esa amalgama, sobre todo sen o Bravú, porque é o primeiro movemento musical non vinculado ao folk, senón ao rock, que emerxe en vilas pequenas e na zona rural. Hoxe aínda sorprende que haxa un evento da relevancia de Cans nunha aldea. E nós recollemos ese espírito de tocar en calquera sitio e de facer ruído en calquera sitio. Por iso ten moito sentido, e así o falamos con Xurxo Souto, que iniciemos aquí o ano Bravú.
"O bravú foi un movemento moi rápido, moi contundente, que deixou pegada, pero que non nos deixou unha industria nin un circuíto musical consolidado"
Reflexionouse suficientemente sobre a importancia social do Bravú?
Visto coa perspectiva do tempo, vinte anos despois, creo que podemos dicir que nunca tal houbo, que nunca tal se volveu a repetir un movemento coma este, desgraciadamente. O ano pasado entrevistei a Antón Reixa, e dicíame que o que máis lamentaba era que todo o boom que tivera con Os Resentidos non tivera como consecuencia a consolidación dunha industria musical en Galicia. E creo que é unha eiva que despois se repite co bravú. Foi un movemento moi rápido, moi contundente, que deixou pegada, pero que non nos deixou unha industria nin un circuíto musical consolidado. E esa é a reflexión que eu fago con Cans: non queremos que sexa algo efémero, que ao rematar non deixe un pouso. Creo que é bo que haxa agora esta reflexión sobre o bravú, que se xere este debate. Creo que por cousas coma esta é importante un festival.