A Coruña ulirá enteira a bravú na vindeira semana. Farao para conmemorar os vinte anos dun movemento nacido coa pretensión de "reconfigurar a identidade cultural en Galicia e o seu reposicionamento no mundo", tal e como afirma José Colmeiro no módulo que imparte sobre este movemento na Michigan State University. Será a Semana Bravú, cinco días de lembranza, festa e análise que foron presentados este xoves no "quilómetro cero da bohemia coruñenta", n'A Buserana, un bar entre a rúa San Andrés e a do Orzán.
A 'Semana Bravú' celebra os vinte anos dun movemento que pretendeu "reconfigurar a identidade cultural de Galicia"
Dous dos membros fundadores d'Os Diplomáticos de Monte Alto, Xurxo Souto e Rómulo Sanjurjo, participaron nunha presentación á que se sumou Álex Cabanas, fillo de Xaime Cabanas, un dos ideólogos e pintor por excelencia do bravú, un movemento partido da música que se converteu nunha gran rede social que conectou nos noventa todo tipo de creadores, desde músicos até escritores, pintores, xornalistas, deseñadores, cineastas ou actores.
Esa mesma vocación multidisciplinar enchoupa o programa desta Semana Bravú, no que 20 anos despois os protagonistas daquel tempo mirarán ao pasado para afrontar o futuro con forza e ilusión, conectando os referentes da cultura bravú cos novos valores da creatividade galega para difundir e compartir a creatividade e o talento.
Música, arte, letras, audiovisual e reivindicación xuntaranse en cinco días para reivindicar e lembrar o bravú na Coruña
Tal como explicaron Xurxo Souto e Rómulo Sanjurjo, a Semana Bravú abranguerá diversas actividades en diversos espazos da cidade tocando todos os paus, desde a música até a arte, a palabra, o audiovisual e, por suposto, a música. O programa iniciarase o luns, 17 de novembro, cunha sesión na que se presentará unha selección de documentais sobre o movemento bravú. O martes 18 estará dedicado á palabra, no Verbo Bravú, coa intervención de Manuel Rivas, Fran Alonso, Mercedes Peón e Carlos Blanco. O mércores 19 debaterase no espazo No culture, no future, sobre o presente e o futuro da nosa cultura e da industria cultural, con Vítor Belho (Womex 14), Xosé Paulo Rodríguez (Red Española de Teatros) e Xosé Aldea (Culturgal), nunha sesión presentada polo xornalista Iago Martínez.
Logo, a historia do bravú tomará o xoves a Casa Museo Casares Quiroga para lembrar o rock daqueles anos nunha sesión na que participará Xurxo Souto xunto con Antón Díaz e Xan Xove, así como Rodri Suárez e Lydia Botana.
Pero o gran prato forte do festival, que “xustifica todo este traballo”, como lembrou Rómulo Sanjurjo, será a homenaxe a Xaime Cabanas, cunha charla e proxección sobre a figura do pintor do bravú. O acto Tod@s somos Cabanas, presentado polo xornalista Xosé Manuel Pereiro, celebrarase o venres no Museo de Belas Artes, coa participación de Álex Cabanas (fillo de Xaime), Xoan Piñón, Vari Caramés, Antón Patiño e Xavier Correa Corredoira.
O sábado, Os Diplomáticos ofrecen un concerto xunto a Pinto D'Herbón, Os Papaqueixos ou As Garotas da Ribeira
As citas da Semana Bravú pecharanse con música. Armando festa na Sala Garufa, cunha sesión bravú na que en torno ao grupo de referencia deste movemento, Os Diplomáticos de Monte Alto, subirán ao escenario outros músicos senlleiros deste bravú, como Os Papaqueixos, Pinto D’Herbón, As Garotas da Ribeira e Marisol Manfurada.
En combinación coas actividades que se celebrararán na Coruña inaugurarase o luns 17 en Pontevedra a Exposición Bravú XX, na que se fai a través de textos e fotografías un completo percorrido polos vinte anos de historia do bravú.