"Xúrovos que aínda que pasen corenta anos, eu serei escritora, e o país enteiro saberá o que nos fixeron"
"Xúrovos que aínda que pasen corenta anos, eu serei escritora, e o país enteiro saberá o que nos fixeron". Estas foron as derradeiras verbas de Consuelo García del Cid ás súas compañeiras antes de marchar do centro do Padroado de Protección á Muller no que estaba internada, unha institución que define como "unha Gestapo española contra as mulleres". Era o ano 1976 e tivo que agardar ata os anos dez deste século para empezar a poder cumprir a súa promesa.
"Non é nada doado, aínda hai moitos poderes na Igrexa que non queren que se fale disto", explica a investigadora coruñesa Belén López Cillero, autora do libro Nacionalcatolicismo y patriarcado: El Patronato de Protección a la mujer y su junta provincial coruñesa, froito de varios anos de indagación e busca en múltiples arquivos por todo o Estado, que proximamente terá unha versión en galego da man da área de Dereitos Civís da Deputación da Coruña.
Todo comezou cun artigo na prensa que facía referencia ao Padroado. "Mandoumo unha amiga e chamoume moito a atención non saber nada diso. Comecei a buscar, din con Consuelo e lin que estaba tendo dificultades para probar o que alí viviran e decidín que tiña que axudalas e que o camiño era empezar polos arquivos", lembra López Cillero.

A procura non foi doada, na maioría dos estamentos, comezando polo propio Ministerio de Xustiza, do que dependeu o Padroado, o primeiro que fixeron foi asegurarlle que se "perderan" mil e pico caixas de expedientes destes centros. Belén López explica que estaban estreitamente ligados á moralidade do franquismo, xestionados directamente pola Igrexa a través de diferentes congregacións de monxas; aínda que tamén mantiñan un importante vínculo cos servizos de protección de menores.
Nos expedientes das mulleres violadas consultados por Belén López figura que ingresaban por "perigosidade moral"
A Casa Museo Casares Quiroga acolleu esta semana na Coruña a xornada O Padroado de Protección á Muller e a súa Xunta Provincial da Coruña, coordinada por Belén López e á que asistiron Consuelo García del Cid, Paca Blanco, Loly Benito, Salomé da Torre e Elena Fariña. Estas últimas dúas mulleres estiveron internas en centros do Patronato na área da Coruña e falaron en público sobre a súa experiencia por primeira vez.
Varias foron violadas, unha delas polo seu pai, que ademais a deixou embarazada. Este era un motivo frecuente para que as mulleres acabaran no Padroado, que a pesar de disolverse como institución nos anos oitenta, as súas prácticas continuaron en varios centros de todo o Estado español ata comezos dos anos noventa. Nos expedientes das mulleres violadas consultados por Belén López figura que ingresaban por "perigosidade moral".
"Tiven moito medo mentres os meus fillos eran pequenos pero agora xa non o teño", asegurou Elena Fariña na xornada, á que asistiron máis dun cento de persoas (e moitas quedaron fóra por cuestións de capacidade). Fariña tamén contou que tivo dúas fillas mentres estivo no Patronato que lle foron roubadas e que agora, vinte anos despois, puido localizalas.

O Padroado tiña dous tipos de centros, "dependendo de se eras completa ou incompleta": os de prevención e os de reeducación. Os insultos, as humillacións e os traballos forzados non só impedían que estas mulleres puideran superar os traumas vividos, senón que lles impedían seguir adiante coas súas vidas.
De feito, Belén López destaca o feito de que moitas casaron con homes maltratadores para poder abandonar o Patronato. "No ano 1987 ás nenas que non tiñan pais aínda lles pegaban no centro de Peñagrande, en Madrid", sinala a investigadora, á que varias testemuñas lle trasladan que parte do "traballo escravo" que facían fóra das escasas horas lectivas era "quitarlle fíos ás prendas de Inditex".
"Eu o único que quero é axudar a que a última parte da vida destas mulleres sexa máis confortable", asegura Belén López
O pasado 9 de xuño a Conferencia Episcopal celebrou un acto no que supostamente quería "pedir perdón" ás mulleres que pasaron polo Padroado. Neste encontro en Madrid estaban presentes representantes das diferentes congregacións relixiosas e varias das mulleres vítimas que se foron xuntando na última década grazas ao traballo de Consuelo García del Cid. Ese perdón non chegou, pero estas mulleres xa o agardaban e paralizaron o acto con pancartas e berros de "verdade, xustiza e reparación".
Isto foi unha manobra máis para tratar de silenciar o movemento que se está a crear para dar a coñecer as prácticas do Padroado coas mulleres. Belén López insiste en que a Igrexa ten no seu poder arquivos que non está a facer públicos e que non permite que sexan consultados, pois as trabas para que estas mulleres poidan demostrar o que lles fixeron continúan vixentes. "Eu o único que quero é axudar a que a última parte da vida destas mulleres sexa máis confortable", asevera a investigadora.