Condenado un garda civil de Monforte por enviar mensaxes sexuais a unha subordinada

Imaxe de arquivo da Garda Civil en Galicia CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Tribunal Militar da Coruña considérao culpable dun delito de abuso de autoridade na modalidade de acoso sexual e condénao a seis meses de cadea e suspensión de emprego

O Tribunal Militar Territorial da Coruña vén de facer pública unha sentenza que condena un brigada da Garda Civil de Monforte por un delito de abuso de autoridade na súa modalidade de acoso sexual por enviar mensaxes de contido sexual a unha subordinada a través de WhatsApp. O axente é condenado a seis meses de cadea e suspensión militar de emprego durante ese mesmo tempo así como a indemnizar a vítima con 4.170 euros. A sentenza declara a responsabilidade subsidiaria do Estado no pagamento da indemnización por sucederen os feitos en acto de servizo.

Sentenza que condena un brigada da Garda Civil por acoso sexual a unha subordinada CC-BY-SA Imaxe: Garda Civil | Montaxe: Praza Pública

Segundo os feitos probados da sentenza, en febreiro de 2023, estando condenado e vítima no seu posto de traballo na plana maior da compañía da Garda Civil en Monforte de Lemos, o brigada enviou á axente dúas mensaxes distintas de contido sexual. A primeira, a primeira hora da mañá, dunha "persoa espida sobre outra" a semellanza do coñecido home de Vitrubio de Leonardo da Vinci que o tribunal considera "un meme" para "facer un requirimento de relación sexual" ao que a axente contestou que non lle mandase "guarradas". 

Unha axente da Garda Civil nunha estrada galega © Delegación do Goberno de España en Galicia

Tres horas máis tarde o brigada enviou unha segunda mensaxe cun vídeo no que "aparece unha muller berrando mentres é penetrada violentamente por un home co seu pene". Unha "montaxe de vídeo cunha relación sexual explícita pornográfica" que segundo o tribunal "tivo a aptitude para provocar" na vítima "unha situación obxectiva e gravemente intimidatoria, hostil ou humillante".

A sentenza establece tamén a responsabilidade subsidiaria do Estado por estaren os dous implicados en acto de servizo

A sentenza considera que "nos atopamos cunha proposición ou insinuación sexual efectuada por un brigada da Garda Civil respecto a unha garda civil, subordinada directa, conduta que se leva a cabo en horario laboral, mentres se atopan desempeñando as súas funcións". Unha "conduta claramente atentatoria á dignidade e liberdade sexual da garda civil" que o tribunal considera delito de abuso de autoridade na modalidade de acoso sexual. 

Como os feitos se produciron "entre militares, no transcurso do desempeño de actos de servizo", a sentenza declara "a responsabilidade civil subsidiaria do Estado" para o pago da indemnización á vítima. Unha sentenza contra a que se pode interpoñer recurso de casación ante a Sala Militar do Tribunal Supremo. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.